lunes, 14 de mayo de 2012
CONCERTO DO TRÍO CASSADÓ
O xoves 10 de maio de 2012, ás 20:30 h., na compaña do meu amigo, o compositor galego, Eligio Vila, tiven o pracer de escoitar por primeira vez ao Trío Cassadó no seu concerto na Auditorio do Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra, onde as persoas que tivemos a oportunidade de escoitalos, gozamos da boa música e do bo facer duns artistas, duns músicos extraordinarios. Precisamente, Javier Vila, o excelente pianista, é fillo de Eligio Vila. Ten que ser unha grande satisfacción escoitar a un fillo interpretando a música propia, como neste caso. O programa que nos ofreceron, pode verse nunha das imaxes que ilustran esta entrada, foi magnífico. Abríu o mestre Groba, seguimos con outro gran mestre, Eligio Vila. Na II parte, o broche de ouro, con Tchaikovsky, hai outra mellor forma de pasar unha tarde-noite?
Este concerto dou pe a unha sinxelas reflexións dun simple amante da música: opinan moitos que sairemos adiante gracias á educación impartida nas casas e nas escolas, e coa promoción da cultura e do cultivo das artes, e entre delas a música.
A sociedade, por medio dos políticos e xestores, tería que reservar unha porcentaxe necesaria e suficiente dos orzamentos culturais á música; pero, refírome á grande música, á música culta, á música clásica, nai de tódalas músicas. E facer todo o posible por crear e espertar hábitos no pobo para que a saiba apreciar e desfrutar. Cultura e educación constitúen a salvación dos pobos, nelas está o futuro.
E a xeito de pequena crítica musical, voume atrever a expresar a miña opinión e parecer sobre as obras dos dous compositores galegos citados, que eles perdoen e comprendan o meu atrevemento, o dun sincero admirador. De Groba dicir que este TRIUM (1983)expresa vigor, forza, dinamismo. Beleza galaica contida nunha peza que ten reminiscencias do folclore galego, Groba fai patria coa súa música, que reflicte o celtismo dos grandes bardos como Pondal. Nas súa notas soa Galicia.
No TRÍO (2011) de Vila, atopamos expresividade, sensibilidade, intención estética nun romanticismo contemporáneo.Gozar franciscanista da paisaxe, aquela natureza lantañesa da infancia e primeira xuventude, amencer de páxaros e arrecendo bucólico da paisaxe saliniense. Vila é como un clásico de hoxe. Un pode, como un San Ero, extasiarse con esta amable música. Hai beleza na melodía e na armonía con recursos musicais contemporáneos. O piano transmite unha sutil armonía impregnada de tenrura cara o oído do espectador, un ton amable e colorista que nos fai sentir a beleza da nosa paisaxe e da nosa natureza. Existen momentos nos que logra un diálogo expresivo entre o violín e o violonchelo que propician e estimulan o goce musical.
Quizais, teñamos algún día a sorte de escoitar e gozar coa excelente música deste trío na cidade de Vilagarcía de Arousa, se os hados nos son propicios poderemos desfrutar deste e doutros programas que poidan presentar ao gran público arousán.
O nome do trío, CASSADÓ, provén dun grande chelista catalán homónimo.
Que todos gocemos escoitando e facendo música,fainos máis humanos e achéganos á divinidade.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario