domingo, 20 de mayo de 2012
RIVAS BRIONES NO LICEO CASINO DE VILAGARCÍA DE AROUSA
Antón Rivas Briones (Madrid, 1918 - Vilagarcía de Arousa, 2004), destacou como un gran pintor e artista plástico, dominou coma ninguén a talla e a técnica da xilografía, na que destaca como un dos mellores artistas de España, foi premiado varias veces na Bienal de Arte, promovida pola Deputación de Pontevedra, levando a Medalla de Ouro na Bienal Nacional de Arte de Pontevedra en 1979, organizada polo organismo provincial. A súa obra atópase espallada en varias entidades e en coleccións particulares. Foi discípulo doutro grande artista vilagarcián, Manuel Rey Posse, Rivas traballou no seu obradoiro de ebanistería e alcanzou gran mestría e fama como ebanista, tivo o seu propio obradoiro no popular barrio do Castro de Vilagarcía de Arousa. Foi un home de carácter austero, máis ben calado e tímido, traballaba cando se sentía inspirado e non por facer cartos. Por medio do esforzo e do seu traballo persoal acadou un estilo propio, chegando a ser moi valorado. Grazas a súa fina sensibilidade e ao seu amor pola alma galega, retrata tipos populares, humildes e sinxelos. Evolucionou desde o vangardismo ata o realismo, reflectindo o seu sentir galeguista, hai unha armonía entre o debuxo, a cor, e a plasticidade dos personaxes que retrata.
No Liceo Casino de Vilagarcía podemos atopar algunhas das súas importantes obras. Hai varios gravados, pero hoxe imos falar dun retrato dunha muller datado en 1977 e dun gran mural que preside o escenario do Salón de Actos da centenaria sociedade vilagarciana.
Neste retrato de muller, observamos o tipo de mans características en Rivas Briones, mans grosas, encallecidas, de muller traballadora. Igual que o seu rostro, Rivas pinta tipos galegos populares. Este retrato reflicte perfectamente o estilo e a mestría do grande Rivas, nun momento xa de madureza a nivel artístico.
Como o fermoso mural do que falabamos, do ano 1972, nel podemos ver unha alegoría da danza, dos bailes tan característicos da sociedade Liceo Casino. Recorre distintos momentos históricos. A mitoloxía clásica, o deus pan, un sátiro con frauta de pan e as ninfas danzando. Logo a danza galega cos motivos típicos, os gaiteiros, as pandereteiras e os bailes modernos. Rivas é xa aquí un pintor consagrado e admirado, moi querido na súa cidade, Vilagarcía de Arousa, que por ter nacido circunstancialmente en Madrid o convirte en fillo adoptivo. Moitos nos lembramos do mestre calado coa súa boina e paseando polo seu barrio do Castro, ou tomando apuntes co seu lapis. Fernando Quintela Novoa que foi seu compañeiro no colexio León XIII, tennos contado que Rivas cunha navalliña esculpía asombrosamente nas tizas e que xa desde moi novo apuntaba ao grande artista que chegaría ser.
BIBLIOGRAFÍA: - AA.VV.: "Rivas Briones, Antón" en DICCIONARIO ENCICLOPÉDICO GALEGO UNIVERSAL, tomo 53. Vigo, Ir Indo, 2003, p. 48. // - TRAVIESO MOUGÁN, Javier: "RIVAS BRIONES, Antón" en GRAN ENCICLOPEDIA GALLEGA, tomo 27. Vitoria, Silverio Cañada, 1974, pp. 23-24. // - VILA FARIÑA, Xosé Lois et Víctor Viana Martínez: "RIVAS BRIONES, Antón" en DICCIONARIO BIOGRÁFICO DE LA COMARCA DE O SALNÉS. Vigo, Diputación Provincial de Pontevedra, 2001, p. 254.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario