Mostrando entradas con la etiqueta Escola galega. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Escola galega. Mostrar todas las entradas
lunes, 13 de agosto de 2012
EXISTE UNHA ESCOLA GALEGA HOXE?
Os anceios dos galeguistas, dos homes e das mulleres que amaban a Galicia e pola que moitos deles entregaron a súa vida como verdadeiros mártires, alá, polos primeiros anos do século XX, e sobre todo, na década que vai dos vinte aos trinta, reivindicaban que houbera unha escola galega, onde se falara a súa querida lingua e onde se ensinaran as materias, as ciencias, as técnicas, as artes propias e útiles para Galicia. Abrir as fiestras dun escola arcaica para que entre dentro o aire fresco de Galicia, que traballe pola renovación e por un bo porvir para Galicia e para as súas xentes. Que a escola non lle dea as costas unha vez máis á malfadada Galicia. Aqueles egrexios galeguistas quería unha escola galega na que se estudiasen e vivisen a lingua galega xunta á nosa xeografía, a historia, a ciencia, as técnicas, as artes, os costumes e a cultura da Nosa Terra, co fin de traballar por unha terra próspera, que supere a tradicional miseria material e espiritual na que vivía e aínda vive Galicia. A Nosa Terra estaba olvidada e aldraxada. Os galeguistas querían un mellor porvir e este pasaba por ter unha escola galega, con mestres galegos que levaran dentro do seu corazón e da súa mente, no seu sentir e no seu vivir a Galicia, unha Galicia para a vida.
Podemos dicir hoxe que temos esa escola galega? A lingua galega é cooficial na nosa comunidade, ensínase oficialmente nas escolas, hai contidos curriculares referenciais de Galicia. Pero, sentimos e vivimos Galicia como desexaban aqueles homes e mulleres bos e xenerosos, íntegros galegos? Penso que non. Falo da miña experiencia. A moitos mestres non lles queda máis remedio que impartir algunhas áreas en galego, se realmente cumpren coa legalidade. A administración pública fai o paripé legalista, mais as súas ideas e o seu sentir son outros. A Administración Educativa de Galicia semella máis unha sucursal da administración da Súa Graciosa Maxestade Británica ou uns aprendices avantaxados da Escola de Chicago e o neoliberalismo. Non aman a Galicia, non sinten Galicia; sérvense de Galicia para os seus fins partidarios. É o que é máis triste a nosa infancia e a nosa mocedade están alienadas, invadidas e colonizadas maiormente pola música, literatura, modas e medios de comunicación alleos; principalmente anglosaxóns: americanos e británicos. Non hai uns medios de comunicación, tan influintes hoxe, realmente galegos. Espallan outras culturas e outros modelos de vida totalmente alleos. Formalmente é posible que exista unha escola galega, na lei morta; pero, no fondo e na práctica quedan moi lonxe de se cumprir as arelas daqueles homes e mulleres que soñaban cunha escola galega e cunha puxante Galicia. Precísase seguir a reivindicar a Galicia e mais a escola galega que querían, entre outros: Villar Ponte, Johan Viqueira, Bóveda, Castelao, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Filgueira, "Roxerius",... Temos que seguir a soñar, a arelar esa Galicia, esa escola galega polas que compre traballar e loitar día a día, todos os días.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)
