lunes, 17 de febrero de 2014

MESA DAS VERBAS EN HOMENAXE A MARÍA PALACIOS


ESTE VINDEIRO SÁBADO, 22 DE FEBREIRO, ÁS 19:30 H., CELEBRAREMOS NO SALÓN DE ACTOS DO LICEO CASINO DE VILAGARCÍA UNHA MESA DAS VERBAS EN HOMENAXE DE MARÍA PALACIOS, ONDE ADEMÁIS DO RECITAL POÉTICO DOS SEUS POEMAS, OU DOS COMPOSTOS EXPRESAMENTE NA SÚA HONRA, INTERVIRÁ O NETO DA FINADA, O MAGNÍFICO VIOLONISTA, ALFONSO MERINO, QUEN INTERPRETARÁ TRES PEZAS MUSICAIS, AO INICIO, NO MEDIO E AO FINAL DO ACTO. TAMÉN TENTAREMOS COMPOÑER UN POEMA COLECTIVO NA SÚA HONRA.

Quen é María Palacios?



Unha excelente mestra e poetisa de orixe castelá que desenvolveu a súa faceta profesional en Logroño e que pasou os derradeiros anos da súa vida na Residencia “Divina Pastora” de Vilagarcía de Arousa.

Chegou sentir un profundo amor e a identificarse con Vilagarcía, admiraba a nosa xenerosa e abraiante Natureza. Fixo moitos amigos aquí pola súa magnífica personalidade. Era unha muller paciente, respectuosa, discreta, intelixente, culta e creativa.

Con Andrea Fernández e Xermán Manoel Torres ideou a Mesa das Verbas, actividade poética que a enchía de ledicia e ilusión. Participou nos dous obradoiros poéticos, celebrados ata o de agora no Liceo Casino. A súa última Mesa foi a celebrada o 9 de agosto de 2013, ás 21:00 h. na rúa Xeneral Pardiñas e coa colaboración musical do grupo de voces e acordeóns AROUSA BAY, era a XXIX edición..

Tódalas mañás acudía puntual á Biblioteca Municipal “Rosalía de Castro” a ler e a conectarse a Internet para manter a súa conta de correo electrónico. Moito botarei de menos os seus contactos e os magníficos correos que me enviaba, cheos de contidos e fermosura. Alí tamén compoñía os seus sabios e sentidos poemas, onde amosaba a súa crenza e a súa admiración polo Cosmos. Era unha muller curiosa intelectualmente, con moitos intereses e saberes. Era unha ledicia escoitala, aprender a súa postura positiva e esperanzada da vida. A súa morte foi a súa derradeira lección de xenerosidade e de delicadeza. Na Residencia bótana moito de menos ao igual que os seus amigos. Nunca a esqueceremos, sempre a teremos presente, onde queira que estea, alí teremos unha amiga, unha valedora.

María Palacios, in memoriam
 


No hay comentarios: