jueves, 5 de junio de 2014

SOÑOS DE PAPEL E XIZ (III) - COLEXIO PÚBLICO DE PRE-ESCOLAR R/ PALENCIA - VIGO



Da montaña á gran cidade





No curso 1983-1984, daba o salto á gran cidade. No meu segundo destino como mestre do ensino público chegaba á cidade de Vigo, para facerme cargo dunha clase de nenos e nenas de Educación Infantil do Colexio de Preescolar da R/ Palencia, situada no tradicional e típico barrio vigués do Calvario. Foi un cambio moi grande, da zona rural á gran urbe de Galicia, Vigo, a cidade obreira, a do gran porto de Galicia.

Tamén fun moi ben acollido e moi querido polo alumnado, polas compañeiras e polas familias. Estreabamos un pequeno colexio de catro unidades de pre-escolar, como se dicía daquela. Eu como era o máis novo, fun o secretario. Xunto coa directora puxemos en funcionamento aquel pequeno centro da rúa Palencia. As aulas estaban moi ben, tiñan o chan de cortiza, había un gran patio cuberto, na parte baixa do colexio. Pero, como anécdota, comeza o curso e o colexio non tiña dotación algunha, non había pupitres, nin ningún tipo de material; eso, que tanto a directora como eu o reclamabamos continuamente á delegación provincial de educación sen éxito ningún. Tiveron que mobilizarse os pais e entón foi como chegou todo.

Como eu era o primeiro en chegar, saía de Vilagarcía no tren das sete da mañá, facía de conserxe, no tempo  de inverno prendía a calefacción, abría as portas e recibía ás compañeiras. Foi un curso tamén inesquecible. Fixemos actividades de aula aberta, como o simulacro do funcionamento dunha rúa no patio do colexio. Os nenos fixeron e decoraron diversos sinais de tráfico, edificios e casas de cartón, os nenos fixeron de semáforos, pintaron os pasos de peóns, representaron o papel de policías e circularon cos seus triciclos, bicicletas, coches e motos de xoguete, ata un día viñeron a dirixir o tráfico nesta rúa simulada os policías locais do Concello de Vigo, que aproveitaron tamén para dar unha charla ao alumnado sobre circulación viaria.

Lembro con moito cariño ás compañeiras e ao alumnado daquel pequeno parvulario, foron todos moi bos comigo. Co alumnado eu cantaba moito, un repertorio de cancións infantís, do folclore e das populares daquel tempo. Un día, invitamos aos pais e nais para que os escoitaran cantar. E sucedeu unha cousa curiosa e simpática, despois do recital, a directora felicitoume e díxome, que ben ensaiaches aos nenos e nenas, incluso cunha canción en polifonía; eu boteime a rir e expliqueille á compañeira que eu simplemente cantaba con eles, o que sucedera, foi que nunha das cancións un grupo entrou a destempo, e este fallo foi o que provocou que eso parecera polifonía, fóra froito dun erro. Rimos un pouco, pero quedara ben.

Este curso foi para min moi completo, algunhas tardes ía á Alliance Française a mellorar o meu francés e a participar nalgunhas das actividades que alí se celebraban. Asistín tamén a algúns cursiños de formación do profesorado, organizados polo Concello de Vigo, por exemplo, un sobre fotografía e outro sobre o horto escolar, coa visita á Granxa-Escola de Ponteareas. Tamén frecuentaba o cine e o teatro, asistín a estrea en Galicia de Luces de Bohemia, cun soberbio José Mª Rodero no papel de Max Estrella, fora no recuperado teatro García Barbón. A vida cultural e a movida viguesa non tiñan nada que ver coa paz e coa tranquilidade da vida campestre de Codeseda. Pero, para min constituíron dous primeiros destinos marabillosos, de feliz lembranza. Esto quere ser unha homenaxe ás tres compañeiras e ao alumnado do Colexio de Preescolar da Rúa Palencia – O Calvario de Vigo, do curso 1983-1984.


No hay comentarios: