domingo, 15 de febrero de 2015

XIII MEMORIAL FILGUEIRA - XOSÉ CARLOS VALLE (III)



ÁMBITO EDUCATIVO

Filgueira tivo como profesores seus nos instituto de Pontevedra a eminentes personalidades como:

  • Ernesto Caballero
  • Ramón Sobrino
  • Castelao
Por tan só nomear a uns poucos. El mesmo atópase en 1928 como profesor auxiliar de Letras no seu querido instituto, compatibilizando a función docente co seu primeiro emprego remunerado na Secretaría do Patronato de Turismo. Despois de ser cursillista accede a ser encargado de curso no ano 1933. En 1935 gaña as súas oposicións a cátedras de instituto na especialidade de Lengua y Lit. española, organízase unha homenaxe con tal motivo no Palace Hotel. Obtén a Cátedra no Instituto Balmes de Barcelona que permuta por Melilla e despois accede ao instituto de Lugo (1935-1939).

En Lugo casa con Mª Teresa Iglesias de Oscáriz en 1938 e en 1939 nace a súa primeira filla, Araceli.

En 1940 xa se atopa en Pontevedra como Xefe de Estudos do Instituto, en 1942 é director accidental para pasar a ser definitivamente director en 1946 e ata a súa xubilación en 1976.

De 1950 a 1960 o Instituto de Pontevedra convértese nun referente a nivel nacional.

Cos máximos recoñecementos na área deportiva, 1956, en 1957 campión nacional en ximnasia deportiva. Co dito premio, en 1958 organízase unha inesquecible excursión ao Norte da Península e a Francia.

En 1955 chegan ao instituto e son acollidos novos profesores, que tiñan sido represaliados polo réxime, trátase de D. Carlos Villar e D. Celestino Noya, exemplares na docencia e na súa actitude cara a vida.

Entre 1956-1963 están en apoxeo Los Cantores del Instituto, que entre o seu repertorio destaca música polifónica da Idade Media, do Renacemento e do Barroco. Aínda perviven entre nós dous grupos musicais moi importantes en Pontevedra, a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra (xurdida nos anos 20) e o Coro de Ex Cantores dos Institutos.

Tamén tiñan moita importancia no instituto da época de Filgueira o teatro e a Biblioteca e/ou bibliotecas.

E xurde unha importante e pioneira idea, que reforza moito Filgueira, os alumnos colaboradores que desenvolven o seu labor no Instituto e no Museo.

No 1963 constitúese o Instituto Feminino separándose do Masculino, que ocupa o edificio do que fora Normal e posteriormente Delegación de Educación.

En 1968 nos terreos do chamado Verxel constrúese o Instituto Masculino "Sánchez Cantón", a edificación primixenia deste instituto por deficiencias ten que ser destruida e faise unha nova edificación.

Na década dos 60 institúense as bibliotecas de aula, no curso 1969/1970 cando eu cursaba no instituto, lémbrome do funcionamento de ditas bibliotecas de aula, cun alumno encargado en cada clase.

As actividades musicais eran moi importantes. Antonio Odriozola ten impartido charlas sobre os concertos da Sociedade Filarmónica.

Lémbrome tamén doutro grande profesor, Mariano García, quen ademais de coñecementos transmitíanos actitudes.

Tamén lembro unha materia para completar o horario escolar que se chamaba Observaciones de la Naturaleza, na que faciamos estudios de campo e traballabamos nos laboratorios facendo diseccións e manexando os microscopios.

Filgueira traballou moito polo instituto e o seu labor foi esencial para convertelo nun dos mellores de España, tal como se reflectía nos medios de comunicación da época.

En 1976, D. Xosé xubílase como profesor e director do Instituto "Sánchez Cantón", os seus discípulos organizan unha acto multitudinario como despedida do seu traballo no instituto. E ademais publican o seu curriculum e a súa obra ata aqueles momentos, nun libro coordinado e editado por Xosé Fuentes Alende ex alumno e colaborador no Museo. 

No hay comentarios: