domingo, 1 de febrero de 2015

XIII MEMORIAL FILGUEIRA - XOSÉ CARLOS VALLE PÉREZ (I)



O día 12 de novembro de 2014, ás 20:00 h. no Salón de Actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, asistimos á conferencia do discípulo e sucesor no Museo de Filgueira, Xosé Carlos Valle Pérez, quen disertou sobre: FILGUEIRA VALVERDE E PONTEVEDRA. DATOS E CONXECTURAS.

Presenta o acto o fillo de Filgueira e presidente da Fundación da mesma denominación, Xosé Fernando Filgueira Iglesias, quen agradece ao Museo a organización deste Memorial e indica que Filgueira Valverde desexou permanecer sempre en Pontevedra.

Valle Pérez antes de principiar agradece a asistencia a esta conferencia e a todo o ciclo e fai mención aos actos e publicación sobre a celebración no 2006 do Centenario Filgueira e lembra a exposición que con tal fin se desenvolveu e que tiña por rubro: XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE - 1906-1996, UN SÉCULO DE GALICIA. Por similitude, o título da súa conferencia ben podía ser: FILGUEIRA VALVERDE E PONTEVEDRA. DATOS E CONXECTURAS. UN SÉCULO DE PONTEVEDRA.

O MUSEO.- Organismo moi importante para Filgueira, ao que lle dedica con xenerosidade unha gran parte da súa vida. É a obra da súa vida, á que lle dedica máis tempo. El accede á dirección en 1940, sucedendo a Álvarez Limeses (1937-1940), o director fundador foi o mestre gratuito de Filgueira, o inesquecible, D. Casto Sampedro y Folgar, a quen se lle ten dedicado un destes memoriais, en concreto o X MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE. Pois un mociño Filgueira en 1929 é o primeiro secretario técnico deste Museo, sendo un estreito colaborador de D. Casto. Filgueira cesa como director en 1986, converténdose en director honorífico e emérito. Filgueira foi artífice do paseniño e incesante crecemento do Museo, chegou a coñecer todos os proxectos de ampliación, pero xa non puido contemplar este magnífico Sexto Edificio. O Museo era todo para Filgueira, incluso en 1930, co ánimo de preservar os estatutos da institución, enfréntase acompañado por Sánchez Cantón e Castelao ao seu mestre Sampedro y Folgar, que naquel tempo era o presidente da Deputación Provincial, ao final D. Casto non toca os estatutos.

Pontevedra, a cidade natal, é moi importante e imprescindible na vida de Filgueira, acaece moi ben a D. Xosé a frase atribuida a Fr. Martín Sarmiento: "Mi patria es Pontevedra".

Para escoller o título desta conferencia, tiven en conta o título dunha importante publicación de Filgueira de 1949: DATOS Y CONJETURAS PARA LA BIOGRAFÍA DEL MAESTRO MATEO. Tomei en préstamo de D. Xosé o título para a miña disertación.

A cidade de Lugo tamén é esencial, porque alí coñece e casa coa muller da súa vida, Dna. María Teresa Iglesias de Oscáriz e tamén onde nace a súa filla primoxénita, Araceli. Asimesmo alí transcorren os primeiros anos como mozo catedrático de Lengua y Lit. Española no instituto da capital luguesa.

Eu tomei contacto con D. Xosé nos meus anos como estudiante do instituto de Pontevedra, onde D. Xosé exercía como profesor e como director. Foi director durante trinta anos (1946-1976). Logo, desde moi novo tiven o privilexio de coincidir a carón del no Museo e logo pasei a traballar onde el traballaba, neste Museo que tanto significa para os dous.

No hay comentarios: