domingo, 28 de febrero de 2016

10 EN PISA - 0 EN HUMANIDADE


Xa se pode ter un sistema educativo punteiro e con moito éxito nas listas de PISA que se non formamos seres humanos capaces de ser solidarios e empáticos, en situación de aceptar, comprender e axudar ao distinto pouco senso tería ese exitoso sistema educativo.

Se fracasamos como humanos e non sabemos ou non queremos axudar ao irmán ou vemos no outro a un estranxeiro que non ten un lugar na nosa casa de nada nos serve un exitoso e monstruoso sistema educativo.

Por eso, sorpréndeme moito a actitude e a postura dos países nórdicos (Finlandia, Dinamarca, Suecia, Noruega) diante das desgrazas dos inmigrantes sirios, afganos e doutras nacionalidades que tratan de buscar unha vida mellor na rica e educada Europa.

Todos os europeos deixamos moito que desexar, sendo despreciables e inhumanos diante da traxedia que están a padecer tantos seres humanos. É o maior fracaso de Europa (unha Europa vella, que se está a destruír ela mesma sen líderes valentes, humanos e carismáticos, cunha poboación, en termos xerais, egoísta e materialista, que non sabe mirar máis alá). Síntome avergoñado e triste diante de tan lamentable e inxusta situación). Os españois tamén fomos emigrantes e exiliados en terras estrañas.

Para min todo esto constitúe o fracaso da nosa sociedade, fracaso dos nosos sistemas educativos, fracaso de nós mesmos como persoas, non merecemos o título de humanos. Temos que cambiar, transformarnos; a educación que propoñen algúns non é tal, é deformación educativa, unha vez máis: "homes máquina, con corazóns de máquinas", que mágoa de século XXI!

No hay comentarios: