martes, 1 de noviembre de 2016

I ASEMBLEA SINODAL

PRESIDIDA POLO ARCEBISPO E ACOMPAÑADO DO SEU BISPO AUXILIAR

TIVO LUGAR EN SANTIAGO DE COMPOSTELA O SÁBADO, 8 DE OUTUBRO DE 2016, A PARTIRES DAS 10:00 H.





 Eucaristía Inaugural



Con tal motivo desprazámonos a Compostela os tres sinodais da nosa parroquia, Celestino Brianes, Xosé Anuncio Mouriño e quen escribe estas liñas. Iamos ilusionados xa que participabamos nun acontecemento histórico para a nosa arquidiocese, algo crucial para a nosa Igrexa particular, que debe orientar a pastoral e o enfoque estrutural e organizativo da nosa diocese de hoxe e do futuro.

Na Eucaristía inaugural, que principiou puntualmente ás dez da mañá, o Arcebispo manifestou os seus desexos de que o proceso sinodal coa axuda do Espírito Santo cumpra co seu cometido nesta hora fundamental da Igrexa Diocesana e pregou que os sinodais se entreguen con xenerosidade e dilixencia ás tarefas que teñen encomendadas, ao mesmo tempo que agradecía a súa entrega.

Unha vez rematada esta Misa Solemne, os bispos e todos os sinodais trasladáronse ao Salón de Actos do Instituto Teolóxico Compostelán. Alí, don Xesús Fernández González, Bispo Auxiliar da Arquidiocese e responsable do primeiro documento que se sometía a estudo e que tiña como tema as UPAS (Unidades Pastorais), modelo de organización territorial de parroquias agrupadas para poder prestar os servizos pastorais acordes coa nova situación da Igrexa Diocesana, inmersa como toda a Igrexa nunha crise de vocacións sacerdotais e relixiosas e tamén nunha crise de fieis. Esta nova estrutura organizativa ofrécese para dar solución a dramática e difícil situación que estamos a vivir e que cada vez máis ten visos de ser máis complicada. Algo hai que facer, temos que pensar, razoar e tomar decisións non precipitadas, meditadas; pero, que aporten solucións e para iso, entre outras cousas estamos aquí. Estas podía ser en síntese as palabras de D. Xesús na presentación do documento, para que se convertan en constitucións sinodais que aporten mecanismos de axuda para ir solucionando as situacións que xa se están a dar e que no futuro poden ser máis difíciles. Todos temos que nos comprometer na misión da Igrexa, que non é outra que anunciar o plan de Salvación, mediante a Mensaxe de Xesús; dar a coñecer a Xesús e o seu Evanxeo. E urxe a toma de novas medidas, vencendo reticencias e medos, afrontando con serenidade, pero con medidas eficaces o novo futuro da Igrexa Diocesana, sabemos Quen non vai fallar, non o defraudemos nós. Con fe, esperanza e valentía e ilusión seguiremos a construír entre todos a nosa Igrexa, todos corresponsables: sacerdotes, relixiosos, leigos, todos formamos o Pobo de Deus.



Mesa presidencial


Despois da exposición do noso Bispo Auxiliar houbo moita participación, mellorando, enmendando, modificando algúns dos artigos do documento sometido a estudo e exame, que estaba baseado nos traballos dos equipos sinodais e da comisión redactora, representada polo seu responsable, quen defendeu os postulados, que se ofrecían para ir aportando solucións ás necesidades da nosa diocese.
Clausurou a asemblea o Sr. Arcebispo, don Xulián Barrio Barrio, quen agradeceu aos sinodais o traballo desenvolvido e poñendo a súa esperanza de que coa axuda de Deus iremos buscando e atopando solucións á difícil situación que estamos a vivir e que será moito máis comprometida no futuro inmediato. Aportou un dato revelador e alarmante, pero para movernos á acción non ao desánimo. Foi o seguinte, hai unha prospectiva de que no ano 2021, na Arquidiocese de Santiago de Compostela haberá en activo 141 sacerdotes, nunha diocese que na actualidade conta con 1.072 parroquias. Así que algo haberá que facer, temos que poñernos en acción, colaborando todos, facendo Igrexa todos.



Algúns dos sinodais presentes




Rematou esta I Asemblea Sinodal ás 13:30 h. co rezo do Angelus, dirixido polo Señor Arcebispo e cumpríndose os tempos cunha magnífica puntualidade, todo dentro do horario previsto e segundo o programado.
Quedamos emprazados para a II Asemblea Sinodal, que se desenvolverá na Casa de Exercicios de Santiago de Compostela o sábado, 22 de outubro a partires das 10:30 h.
Queremos volver a manifestar os nosos parabéns a D. Alfonso Novo, Secretario Xeral do Sínodo e a todo o seu equipo da secretaría técnica polos acertos e bo facer na organización desta asemblea e de todo o complexo proceso sinodal.
Elevamos as nosas oracións para que o Señor nos acompañe e ilumine nesta tarefa que temos encomendada e que o Sínodo Diocesano alcance os froitos desexados para o bo goberno e para vida pastoral de toda a nosa Diocese, que todos nos impliquemos e traballemos polo Reino de Cristo que trae unha Mensaxe de optimismo e Redención, que non caiamos no desánimo, porque El sempre estará a carón noso e nunca nos vai fallar, mais para este labor precisa da nosa axuda, da nosa colaboración.

RENOVARNOS EN COMUÑÓN DESDE CRISTO

                                                                                              Xermán Manuel Torres

No hay comentarios: