sábado, 10 de marzo de 2018

UN EDUCADOR E O SEU AMIGO ENTRE FLORES

Xosé Filgueira Valverde gozaba coa beleza, coa bondade e coa Natureza


(Imaxe do despacho particular de Filgueira Valverde, flores e moreas de libros. Arquivo Gráfico do Museo de Pontevedra)

Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906-1996) estivo sempre moi interesado no traballo interdisciplinar, non era estraño, xa que como un dos máximos representantes do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936), defendía e propiciaba o traballo científico e intelectual “inter-áreas”, tal como promovía aquela lembrada e insuperable institución galega.
Filgueira Valverde estivo tamén moi relacionado coa Misión Biolóxica de Galicia (1921), instalada na cidade de Pontevedra (1927), despois do seu fugaz paso pola Escola de Veterinaria cando se atopaba instalada na cidade de Santiago de Compostela (1921-1926).  Filgueira fora nomeado vocal do Padroado da Misión Biolóxica en 1948. Desde a chegada de Antonio Odriozola (1911-1987) a Pontevedra en 1964, axiña estableceuse unha súa mutua amizade, o bibliotecario da Misión Biolóxica era o home que máis sabía sobre camelias, bibliografía, discografía e musicoloxía. D. Antonio pasaba polo Museo de Pontevedra (1927; 1929) puntualmente sobre o mediodía. Entre Filgueira e el sempre había un intercambio de saberes, sempre a falar de libros, flores e discos; afeccións comúns moi queridas, tamén conversaban sobre o grande Ramón María del Valle-Inclán (1866-1936). Nunha palabra, os dous namorados da beleza.
Filgueira Valverde, como o educador que era, imprimía seu afán didáctico a todos os seus actos, é un factor común, educar dentro e fóra da cátedra.
E como hoxe queremos darlle o protagonismo que se merece á camelia, subliñar que Filgueira Valverde promoveu e sempre deu o seu apoio o Certame Concurso Internacional da Camelia, cuxa primeira edición foi na cidade de Pontevedra no ano 1965, certame que vai rotando na súa celebración entre as cidades de Pontevedra, Vigo, e Vilagarcía. Precisamente, este ano a quenda da súa celebración correspóndelle a Vilagarcía, a cidade arousá organizará a LIV edición os días 10 e 11 de marzo.
Ese gusto polas flores compróbase no feito de que Filgueira Valverde tiña sempre un búcaro con flores no seu despacho. E na súa casa de Arcebispo Malvar, 49, abundaban plantas e flores a carón dos libros, moreas de libros. E entre as flores, unhas das súas preferidas, as camelias. As flores de orixe oriental, que viñeron de alén mar para quedarse. E xa ben aclimatadas nas nosas Rías Baixas, poboan xardíns públicos e privados, como os fermosos xardíns de tantos dos nosos magníficos pazos, como os de Rubiáns, Golpelleira, de Oca, de Castrelos... e como non? nas instalacións do antigo pazo do Arcebispo Malvar que ocupa a Misión Biolóxica de Galicia, felizmente asentada e consolidada en Pontevedra.
É tempo de camelias, no alén Odriozola e Filgueira han estar nun longo e inacabable parolar, quizais co marqués de Bradomín e as súas sonatas; é fácil maxinar do que falarán...

                                                            Xermán Manuel Torres


No hay comentarios: