Mostrando entradas con la etiqueta camelias. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta camelias. Mostrar todas las entradas

miércoles, 18 de abril de 2018

A UNHA "EUGENIA DE MONTIJO"



Esplendorosa cor, vida
dunha "Eugenia de Montijo",
ledicia en vermello,
plenitude de camelia;
un segundo de carmesí,
instante cromático paralizado,
amor no meu corazón,
instantánea sensación
de xenerosidade natural.

---

Na sinxeleza das cousas,
como nunha flor,
agóchase a plenitude da vida.

sábado, 10 de marzo de 2018

UN EDUCADOR E O SEU AMIGO ENTRE FLORES

Xosé Filgueira Valverde gozaba coa beleza, coa bondade e coa Natureza


(Imaxe do despacho particular de Filgueira Valverde, flores e moreas de libros. Arquivo Gráfico do Museo de Pontevedra)

Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906-1996) estivo sempre moi interesado no traballo interdisciplinar, non era estraño, xa que como un dos máximos representantes do Seminario de Estudos Galegos (1923-1936), defendía e propiciaba o traballo científico e intelectual “inter-áreas”, tal como promovía aquela lembrada e insuperable institución galega.
Filgueira Valverde estivo tamén moi relacionado coa Misión Biolóxica de Galicia (1921), instalada na cidade de Pontevedra (1927), despois do seu fugaz paso pola Escola de Veterinaria cando se atopaba instalada na cidade de Santiago de Compostela (1921-1926).  Filgueira fora nomeado vocal do Padroado da Misión Biolóxica en 1948. Desde a chegada de Antonio Odriozola (1911-1987) a Pontevedra en 1964, axiña estableceuse unha súa mutua amizade, o bibliotecario da Misión Biolóxica era o home que máis sabía sobre camelias, bibliografía, discografía e musicoloxía. D. Antonio pasaba polo Museo de Pontevedra (1927; 1929) puntualmente sobre o mediodía. Entre Filgueira e el sempre había un intercambio de saberes, sempre a falar de libros, flores e discos; afeccións comúns moi queridas, tamén conversaban sobre o grande Ramón María del Valle-Inclán (1866-1936). Nunha palabra, os dous namorados da beleza.
Filgueira Valverde, como o educador que era, imprimía seu afán didáctico a todos os seus actos, é un factor común, educar dentro e fóra da cátedra.
E como hoxe queremos darlle o protagonismo que se merece á camelia, subliñar que Filgueira Valverde promoveu e sempre deu o seu apoio o Certame Concurso Internacional da Camelia, cuxa primeira edición foi na cidade de Pontevedra no ano 1965, certame que vai rotando na súa celebración entre as cidades de Pontevedra, Vigo, e Vilagarcía. Precisamente, este ano a quenda da súa celebración correspóndelle a Vilagarcía, a cidade arousá organizará a LIV edición os días 10 e 11 de marzo.
Ese gusto polas flores compróbase no feito de que Filgueira Valverde tiña sempre un búcaro con flores no seu despacho. E na súa casa de Arcebispo Malvar, 49, abundaban plantas e flores a carón dos libros, moreas de libros. E entre as flores, unhas das súas preferidas, as camelias. As flores de orixe oriental, que viñeron de alén mar para quedarse. E xa ben aclimatadas nas nosas Rías Baixas, poboan xardíns públicos e privados, como os fermosos xardíns de tantos dos nosos magníficos pazos, como os de Rubiáns, Golpelleira, de Oca, de Castrelos... e como non? nas instalacións do antigo pazo do Arcebispo Malvar que ocupa a Misión Biolóxica de Galicia, felizmente asentada e consolidada en Pontevedra.
É tempo de camelias, no alén Odriozola e Filgueira han estar nun longo e inacabable parolar, quizais co marqués de Bradomín e as súas sonatas; é fácil maxinar do que falarán...

                                                            Xermán Manuel Torres


martes, 18 de marzo de 2014

PONTEVEDRA É BOA VILA


Pontevedra, a Boa Vila,
chea de historia nas pedras,
chea de vida nas flores;
mil camelias na Alameda.

Recordos de Odriozola,
penas polo profesor Filgueira,
ámbolos dous, ao seu xeito,
ámbolos dous de camelias cubertos.

Pontevedra, a Boa Vila,
foi horto de grandes xenios,
camelias para Losada,
para Bóveda e para Daniel.

Énchese de ledas flores
de Santo Domingo as ruínas,
camelias para o Museo,
camelias para don Casto.

Canta xente importante!
Que cidadáns do Teucro!
Camelias para os Mareantes,
Camelias para Santa María.

Pontevedra, a Boa Vila,
para ti vou cantando,
camelias vou esfollando
nesta batalla de flores.

Camelias para a Peregrina,
camelias para San Roque,
para San Bartolomeu camelias,
as mesmas flores preciosas

para San Francisco,
preto da Ferrería,
na capital do Lérez,
mil camelias de alegría.

HIDROMEL de Xermán Manoel Torres

sábado, 8 de marzo de 2014

A NOSA MUSA, A CAMELIA









SONETO Á CAMELIA
CON ESTRAMBOTE PARA R. GIMSON


Esta tan exuberante, ventureira e fermosa flor
que é a única musa do Salnés e de Arousa,
raíña da invernía que alcanza o seu primor
aquí, na nosa terra, e non che é calquera cousa,

ela é a camelia chegada de Oriente, chea de cor
e de moita frescura, que nos nosos pazos repousa.
Engalana os nosos xardíns co seu eterno verdor,
cos seus coloridos pétalos adorna a nosa chousa.

Todos aquí admiramos tan extraordinario vexetal,
símbolo, regalía e tesouro da nosa agraciada Ría,
aquí chegaches e por sempre quedarás no noso Val.

No tempo de inverno, ti es a nosa esperada alegría,
cando as néboas, chuvias e brétemas, levantas nosa moral.
Flor das flores, nosa ledicia, chea estás de galantería!

Gimson veu de lonxe como as camelias
Inquilino namorado do Salnés,
Mar de Arousa que o acolleu amoroso na
Saleta querida, paraíso vexetal.
Obreiro de flores, pai de xapónicas e xaspeadas.
Non morreu; sobrevoa o frondoso xardín do tempo.

domingo, 9 de febrero de 2014

UN PASEO POLO PAZO DE RUBIÁNS (II)

Seguimos ofrecendo imaxes do noso paseo polo Pazo das Camelias (máis de 3.500, alberga no seu xardín botánico), estivemos moi ben acompañados e ilustrados cos comentarios e explicacións do enxeñeiro agrónomo do Pazo de Rubiáns. Finalizan as imaxes cun fermoso centro de camelias da finca dos nosos amigos Fernando Vila e Lidia Lorenzo, cultivadores e amantes das camelias e que teñen a súa finca no barrio de Rubiáns, moi preto do pazo. A Natureza e a Botánica son abraiantes, queda un asombrado e gratificado con tanta beleza.


















miércoles, 5 de febrero de 2014

UN PASEO POLO PAZO DE RUBIÁNS (I)

O pasado domingo día 2, co gallo da celebración da exposición da camelia, organizada pola Asociación O Souto de Rubiáns, celebrouse unha xornada de portas abertas para visitar o pazo das camelias, o pazo do Señorío de Rubiáns, un dos máis fermosos pazos de Galicia e un dos máis ricos en tesouros vexetais. Froito desa visita é a presente reportaxe fotográfica. Tamén visitamos a finca do noso amigo Fernando Vila, con máis de oitocentas camelias. Noutra próxima entrada seguiremos coa reportaxe, xa sabedes que somos uns namorados das camelias e do fabuloso mundo vexetal.

















miércoles, 14 de marzo de 2012

CAMELIAS, CAMELIAS DAS NOSAS RÍAS




De lonxe, dende outros mares
chegaches ti ás nosas rías.
Onde hai outros costumes, outros falares
fuches nacida, ben o merecías.

Mais noutras terras, que ti querías,
fuches acollida, recibida entre cantares,
entre brumosas praias, ricos solares;
moitas loanzas, moitos amores recibirías.

Flor sen arrecendo e sen ufanía,
mais das flores, flor ben belida;
aquí recoñecida, sempre amada.

Na solapa dun home sempre pousada.
No corazón da Terra, con alegría,
sexa a túa beleza sempre loada. (p. 13)



Aos nosos antergos pazos
cheos de soidade, de frialdade
acaba de chegar
unha belida e garrida dama,
ela enche todo o xardín
coas súas festivas galas.

Teñen moitas e variadas
vestimentas de moitas cores,
a cada cal máis galana:
vermellas, rosas, brancas
de matices lisos
e xaspeados.

¡Meu amor, que ledicia,
todas elas arrodeadas
dos verdes da Nosa Terra!

¡Que nova fidalguía
enche de fermosura
tódolos pazos da Ría! (p. 14)

De HIDROMEL, 2007.