domingo, 14 de octubre de 2018

TEATRO: A LEITUGA DE CÉSAR SIERRA




Sábado, 13/10/2018   21:10
Unha tarde de teatro galego no Auditorio Municipal
 de Vilagarcía de Arousa

Nesta función rexistrouse unha boa entrada coas zonas A e B do Auditorio practicamente cheas e algúns espectadores situados na zona C. Quedei contento por este suceso de público.
A representación comezou 10’ despois das nove noite, fíxose a escuridade na sala, arriba o pano e comezou a maxia do teatro.
O título ben escollido, un título metafórico, recollido dunha das frases dunha personaxe, rica en frases e en caracterización, como era o borracho Vinicio. Hai que preocuparse das persoas igual que nos ocupamos dunha leituga para que se logre; témonos que “ocupar de regala e de cambiarlle o osíxeno todos os días”.
A temática moi real que reflicte o día a día familiar e as problemáticas das persoas que as forman:
-         Coidado das persoas maiores e enfermas
-         Eutanasia
-         Egoísmo e tensas relacións entre irmáns
-         A complexidade da familia política: sogros, cuñados
-         A fecundidade / a esterilidade
-         As adopcións
Argumento ben desenvolvido nun melodrama con moi boas pinceladas de humor e toques de moita sorna.
Posta en escena cunha boa economía de medios escénicos, cos elementos lumínicos e de son moi ben tratados. Orixinal xogo de luces e sombras con escenas moi logradas de ralentización con efectos de cámara lenta.
O fondo musical cunha boa selección de temas clásicos.
Moi bo o efecto asubío con iluminación fixa e concentrada no estatismo dos actores e actrices que daban o cambio de escena e de acto.
Elementos sinxelos de decoración con boa iluminación e bo son.
Todo o conxunto de recursos favorecía a verosimilitude da trama.

Traballo de actores fixo cribles as personaxes e permitiron a recreación e a verosimilitude das situacións familiares.
Destacaríamos o papel de Vinicio, pola complexidade de simular todo o tempo a un mozo borracho (con sentencias moi atinadas sobre as diversas situacións representadas). Tamén nos agradou a actriz que representou á cuñada embarazada.
Mais en xeral, todos, actrices e actores desenvolveron dun xeito crible ás súas personaxes. A “Morris” vanlle ben os papeis de humor ácido, cínico e cheos de sorna.
Sen máis, destacar nesta sintética crítica que por medio desta obra puidemos, ao mesmo tempo de desfrutar e de sorrir, reflexionar sobre unha serie de cuestións que afectan ás familias de hoxe; pero, tamén ás de onte e aínda ás do porvir, son problemas e dificultades presentes en todos os tempos. Nesta obra cunha linguaxe e cos modos de agora, auténticos e desenfadados.
Por favor, máis teatro!
Arriba o pano!

No hay comentarios: