sábado, 25 de abril de 2020

Tito Castro López - Evcalo durmeu fóra

Eduardo Víctor Castro en actividades culturais do Liceo Casino de Marín



Foise o noso amigo Eduardo Víctor Castro López, un dos compoñentes da Mesa das Verbas, un poeta de raza, de xenio, cunha voz baril e comprometida. Como dí o noso amigo Alonso Montero en expresión por el acuñada: foi durmir fóra. Que a terra lle sexa leve e que alá no Ceo, no Olimpo siga a ceibar seus comprometidos versos ao  ar. O noso cariño e agarimo para toda a súa familia, esposa, fillos e netos, son momentos difíciles e tristes; pero el quérenos fortes e loitadores. Ánimos!

Agora os versos de Tito, dun poema que lembra a visita da Mesa das Verbas a illa de Cortegada, e que me enviou por medio do amigo común Carlos Álvarez Puga, Tito di así:

II
VISITAMOS CORTEGADA

Foi un nove de agosto

-volo quero recordar-

visitamos Cortegada

serea do Ulla e do mar.



Aproando cara ao norte,

puxémonos a navegar!

a Praia de Compostela 
 
saudounos ao pasar.



Gardiáns da Ría de Arousa

con celo a nos vixilar:

Barbanza Xiabre e Lobeira,

as gaivotas dende o ar.



A popa e a estribor as poetisas

de doce cantaruxar,

a proa e a babor os poetas

de mariñeiro rimar.



Pilotaba a lancha motora

con pericia e saber estar,

o Patrón Maior de Carril,

digno de agasallar.



Un abrir e pechar de ollos

tardou o barco en chegar,

no pantalán atracamos,

xa deixara de orballar!



Vestidas de hedra e carriza,

non ben a illa pisar,

a capela hospital e casiñas

da aldea do lugar.



Alí dedicámoslle versos

á Corticata insular

os membros da “Mesa das Verbas”

de requintado piar.



Non asistiu a este acto

como invitado estelar,

o conspicuo Alonso Montero,

persoeiro singular.



Rematado o recital

presto botamos a andar:

a foresta paradisíaca,

edénica a beiramar.



Amais de piñeiros carballos

e salgueiros proliferar,

un gran bosque de loureiros

que en Europa non hai par.



E se de fungos falamos,

especies danse a fartar,

segundo os da “Cantarela”

pasan do medio millar.



Porcos bravos e torcazas,
 
que maneira de abundar!

dos primeiros que o digan

as xentes de mariscar.



E se vestixios citamos,

merecente salientar
 
que ánforas se atoparon

na contorna do lugar.



Do presunto peirao romano

moi doado imaxinar

os seus vetustos alicerces

nas secas da beiramar.



Asimesmo fermoso pazo

poderiamos contemplar,

se Alfonso XIII aceptase

Cortegada como soar.



Máis cousiñas habería,

máis cousiñas que contar,

pero déixoas no caletre

que vos podedes cansar.



Case disipada a néboa

tornamos ao Club de Mar,

onde brinde alí fixemos

tras exquisito xantar.



Foi un nove de agosto

-volo quero recordar-

visitamos Cortegada

serea do Ulla e do mar”


  
 Tito de mozo como xogador do Arousa


Eduardo Víctor Castro López (+ 25/04/2020). In memorian.



No hay comentarios: