martes, 14 de septiembre de 2021

UN MEU ENCONTRO CON MANUEL FRAGA IRIBARNE - 20-11-1998 17:30

 

Portada do libro co que me agasallou o Sr. Fraga

Quería manter conversas con persoas significativas que me puideran ofrecer a súa testemuña persoal sobre Xosé Filgueira Valverde, centrándonos no seu labor como profesor e como educador.

Informacións que puideran ser útiles para a elaboración da miña tese de doutoramento.

Unha desas persoas foi Manuel Fraga Iribarne, xa que don Manuel foi alumno de Filgueira Valverde cando este estivo destinado como catedrático de “Lengua y Literatura Española” no Instituto de Lugo (1935-1939), fora o seu primeiro destino como catedrático, despois de ter aprobadas co número 2 as súas oposicións en 1935.

Despois de facer xestións e dirixirlle dúas cartas, Manuel Fraga accede a recibirme.

Sabendo do valor que Fraga lle daba á puntualidade, eu intentei acudir á nosa cita coa máxima puntualidade. Estaba citado para as cinco e media da tarde do venres, 20 de novembro de 1998. Ás cinco eu xa estaba na antesala do despacho de Manuel Fraga, que como presidente tiña no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en San Caetano, na cidade de Santiago de Compostela. Un policía nacional que estaba de garda acompañárame ata alí e díxome que á hora fixada xa me farían pasar.

E efectivamente, ás cinco e media en punto, fixéronme pasar xunto ao Sr. Fraga, quen me recibe e saúda moi amablemente e faime sentar cabo del dicíndome que xa podiamos empezar.

Eu estaba moi nervioso, o personaxe impoñía, ao sentares, cáeme o caderno de notas. Axiña preparo todo, o magnetófono prendido, víase a luceciña vermella. Empezo a preguntar e simultaneamente tomo notas, Fraga, moi amable, contestou a todas as miñas preguntas.

Ao rematares, recollo o magnetófono, pecho o caderno de notas e ofrézolle como agasallo ao Sr. Fraga, ademais de darlle as grazas, un exemplar do meu libro Ó galego polo teatro e el a súa vez agasállame e dedícame un seu libro.

Despedímonos con total afabilidade e ao saíres, cáeme das mans o libro e o caderno de notas, como podo recollo todo apresuradamente e por fin salgo do despacho.

Teño que manifestar do trato exquisito e educado do Sr. Fraga, foi moi considerado ao ofrecerme unha parte do seu tempo para atender ao meu cuestionario. Era un venres á tarde, final supoño dunha dura xornada de traballo para el, tiña os ollos moi vermellos, semellaba estar xa canso; pero, contestou a todo o que eu levaba preparado.

Tan axiña como estiven no meu coche, que estaba situado no aparcadoiro do Edificio Administrativo da Xunta, quixen escoitar a gravación, inténtoo con insistencia e nervioso, pero nada, non gravara nada! Estaba perdido! Sen me mover do coche, collín as notas que tomara da nosa conversa e púxenme a escribir, a redactar para non perder nin esquecer os datos da entrevista.

Que sucedera? O maldito magnetófono tiña un botón de pausa, que debín premer sen decatarme e así foi como non gravara ren.

Despois de repasares e redactares as notas da conversa, envieillas ao Sr. Fraga Iribarne para que as dera por auténticas o que fixo con absoluta exquisitez.

Souben que nunha ocasión  a unha xornalista pasoulle co Sr. Fraga o que me pasou a min e a periodista pretendía repetir a gravación ao que Fraga contestoulle que publicara as notas da conversa que non estaba pola labor de repetir a entrevista.

Así foi aquela azarosa conversa con Manuel Fraga, polos meus nervios. Quedei moi compracido e agradecido pola inestimable colaboración de D. Manuel. Quen, desde aquela, sempre me enviaba unha postal polo Nadal ao que eu tamén lle correspondía. O fixo ata o ano do seu falecemento alá en Madrid.

Dedicatoria do libro co que me agasallou



No hay comentarios: