lunes, 1 de noviembre de 2021

Xosé Filgueira Valverde, profesor innovador (1928 - 1976)

 


Participei no Congreso Internacional promovido pola Universidade Complutense de Madrid, os pasados días 6, 7, 8 de outubro de 2021, cunha ponencia na que defendo que Xosé Filgueira Valverde foi un profesor innovador debido a súa práctica docente que pode ser encadrada no que se denomina movemento pedagóxico da Escola Nova.

A práctica docente do vello profesor Filgueira Valverde foi innovadora polas seguintes razóns:

- Estaba centrada no educando, trataba de coñecer ao seu alumnado e ás súas familias. Interesábase pola súa traxectoria académica e persoal.

Profesorado e alumnado na primeira época de XFV en Pontevedra (1928-1935)

Promovía un ensino activo da Lingua e da Literatura por medio da práctica, do uso. Fuxía dun estudo meramente memorístico. O seu alumnado levaba un caderno para notas e apuntamentos e outro para os exercicios. Seguía o método de fichas personalizadas e individualizadas, seguindo o método Dottrens.

Practicaba a crítica literaria e o comentario de textos. Poñíalle ao seu alumnado gravacións onde os propios autores lían as súas obras.

Realizaba teatro lido nas clases. E facía representacións teatrais co seu alumnado.

Alumnado do Instituto de Pontevedra nunha representación nas ruínas de Santo Domingo

Promovía a composición escrita e a pronuncia de conferencias do seu alumnado, despois de facer pequenas investigacións en bibliotecas e arquivos.

Creou as bibliotecas de aula xestionadas polo propio alumnado.

Instituiu a figura dos alumnos colaboradores.

Como profesor humanista e gran coñecedor do mundo clásico fomentaba a práctica deportiva e a Educación Física no seu instituto. Dáballe suma importancia á música (fundou o coro dos Cantores do Instituto, 1955). E o seu instituto compraba un cupo de bonos para que o seu alumnado puidese asistir aos concertos da Sociedade Filarmónica de Pontevedra.

Coa copa que acreditaba ao Instituto de Pontevedra como campión nacional dos Xogos Escolares
(1957)

Coa Rondalla do Instituto

Como xestor e director de instituto promovía o traballo en equipos multidisciplinares.

O seu labor educativo ía máis alá das aulas. Tiña unha idea global e integradora do que é a educación. Unha educación para a vida, para ser mellores.

No seu instituto era moi importante a organización de excursións e viaxes culturais.

Fomentaba a organización de exposicións.

Foi un docente, un mestre cunha gran formación cultural, foi un intelectual polígrafo, escritor compulsivo non deixa de publicar desde 1923 (con apenas 17 anos, foi un home moi precoz en todo).

Escribiu numerosos manuais escolares da súa especialización en Lingua e Literatura.

Tivo unha gran proxección social e política. Trataba de que o seu instituto tivese unha proxección na comunidade, na súa época, o instituto tivo un grande protagonismo na cidade de Pontevedra.

Coñecía as correntes e movementos pedagóxicos, estaba ao día, era un ávido lector e manexaba abondosa bibliografía. Estivo vinculado á Xunta para a Ampliación de Estudos (JAE), tiña solicitado unha bolsa para realizar estudos nos Países Baixos sobre os seus pequenos museos; pero por múltiples circunstancias non consta que realizara dita viaxe de estudos.

Gustaba de participar en congresos e en múltiples actividades e experiencias de carácter educativo e formativo. 

Preocupábase pola Psicoloxía, chegou a homologar o título de Diplomado en dita disciplina. 



Na súa etapa como catedrático en Lugo (1935-1939)

Foi o artífice da fructífera colaboración entre o Instituto e o Museo de Pontevedra. (O primeiro alumno colaborador dun Museo en España foi o ex alumno e discípulo de Filgueira Valverde, Alfredo García Alén -1923-1981-).

Moitos e moitas ex alumnos/as de Filgueira chegaron a ser grandes profesionais e persoas cunha grande traxectoria social e política. Consideraban a Filgueira Valverde como un mestre inxubilable, un mestre a perpetuidade. Ensinaba de palabra e de obra, predicaba co seu exemplo e tivo sempre un gran respecto polo seu alumnado e polas súas familias. Foi profesor de moitas xeracións de pontevedreses e director do seu instituto durante moitos anos. 

A súa querencia de traballar en equipo e formar grupos diversos e multidisciplinares era unha influencia do importante Seminario de Estudos Galegos (SEG), que tanto o influiu e que axudara a fundar e a manter cos seus compañeiros de xeración e cos seus mestres da Xeración Nós (Losada, Ramón Otero Pedrayo, Castelao, Risco, Cuevillas,..). Tamén influiron nel e na súa práctica docente os seus amigos e mestres pontevedreses Francisco Xabier Sánchez Cantón e Antonio Iglesias Vilarelle, así como os catedráticos da Universidade Armando Cotarelo Valledor e Salvador Cabeza de León. E el recoñecía que os "seus primeiros e mellores mestres foron seus pais". 


No hay comentarios: