Xosé Filgueira Valverde
(Pontevedra, 1906-1996) foi desde neno ao igual que a súa familia un home de
fonda fe relixiosa. Ese sentimento relixioso foi unha constante na súa vida e
unha opción preferente, anteposta a calquera outra cuestión ou perspectiva da
vida. A vivencia coherente da súa fe cristiá foi un compoñente esencial da súa
existencia; por iso pode ser encadrado na corrente do humanismo cristián.
A súa nai, Araceli
Valverde Yaquero (1870-1946), foi unha muller de gran sentimento relixioso,
dunha práctica moi estrita e austera, chegou a profesar na congregación das
Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl e prestou os seus servizos e o seu
apostolado no Hospital Provincial de Pontevedra, onde chegaría a coñecer a Xosé
María Filgueira Martínez (1871-1938), querido e recoñecido médico humanista de
Pontevedra co que casa en 1903, D. Xosé Mª antes de dedicarse á Medicina,
realizou estudos eclesiásticos no cenobio bieito de Tenorio e cursou tamén os
estudos de Filosofía no Seminario de Tui, tal como tamén recoñece Xosé Núñez
Búa, de grato recordo en Vilagarcía de Arousa, no seu libro Revoeira (1971): D. Xosé Mª “abandonou o
hisopo polo termómetro”. Os pais de Filgueira Valverde son determinantes na súa
educación que tiña moi en conta o factor relixioso e a vivencia da fe católica.
El chega a recoñecer e a valorar como unha homenaxe que os seus primeiros e
mellores mestres foron seus pais.
Filgueira Valverde
recibiu o sacramento do Bautismo na mañá do día 1 de novembro de 1906 na igrexa
parroquial de Santa María a Maior de Pontevedra.
Sendo un neno participa
no convento dos franciscanos de Pontevedra na catequese do padre Luís María
Fernández (home de gran cultura e de amplos coñecementos musicais).
Fai a súa Primeira
Comuñón o día do Sagrado Corazón, na igrexa de San Bartolomeu o 30 de maio de
1913. E axiña entra en contacto cos xesuítas exclaustrados e expulsados de
Portugal que lle transmiten moitos coñecementos, os primeiros contactos coa
obra de Camoens, da que chegará ser unha autoridade e tamén lle ensinan un
método de lectura veloz.
Ten mestres e amigos de
grandes conviccións relixiosas como Antón Losada Diéguez (1884-1929), seu
mestre querido e admirado; Ramón Otero Pedrayo (1888-1976) e o polifacético Antonio Iglesias Vilarelle
(1891-1971) con quen e inspirados no filósofo e teólogo galego Amor Ruibal
idean e manteñen unha revista galega de pensamento cristián Logos (1931-1936), á que podemos
considerar como un antecedente da revista actual Encrucillada, na que tamén chega a colaborar e que foi fundada e
dirixida polo teólogo galego Andrés Torres Queiruga (1940), a quen tiña en alta
consideración Filgueira Valverde.
Un dos seus mellores
amigos e condiscípulos Luís Pintos Fonseca (1906-1959) chegaría ser sacerdote e
entraría en contacto con el no ano 1917, cando coinciden como alumnos do
Instituto de Pontevedra, do que ambos os dous chegarían ser profesores.
Compartindo entre eles unha formación lateral, influíndose mutuamente.
Filgueira Valverde
participou desde sempre e moi activamente na vida relixiosa da súa cidade natal.
Andando o tempo e xa como catedrático de Lingua e Literatura Española e
director do Instituto de Pontevedra crea nos anos 50 do pasado século XX a
Confraría do Espírito Santo coa que participa moi activamente na Semana Santa
pontevedresa e que recibiu a aprobación eclesiástica por parte do seu bo amigo
o tan lembrado cardeal galego Fernando Quiroga Palacios (1900-1971), que sendo
un noviño sacerdote colaborara na xa citada revista Logos.
Tamén pertenceu dun
xeito moi activo á Conferencia de San Vicente de Paúl, sendo nesta asociación
relixiosa benfeitor e visitador de pobres. Acompañaba asiduamente ao Viático
para consolar aos enfermos e moribundos.
Desempeñou un papel
determinante na consideración e creación de Real Basílica para o templo da súa
querida parroquia de Santa María, do que era un experto e amplo coñecedor,
sendo autor de interesantísimas monografías de dita igrexa e parroquia dos
Mareantes.
Falamos de amizades de
dignidades relixiosas, mais non podemos esquecer nin deixar de citar o seu
agarimo especial polo arcebispo compostelán, tamén de grata lembranza, Manuel
Lago González (1865-1925), quen foi elixido membro do Seminario de Estudos
Galegos (1923-1936), organismo cultural da máxima importancia para Galicia e do
que foi artífice e máximo valedor Filgueira Valverde.
Cando crea o seu propio
fogar (1938) imprímelle un carácter moi relixioso, compartido coa súa dona
María Teresa Iglesias de Oscáriz (Lugo, 1908-Pontevedra, 1995), quen era unha
gran devota do rosario ao igual que a súa primoxénita Araceli. De sempre, no
fogar Filgueira-Iglesias rezouse o rosario diariamente e acudíase en familia
aos actos relixiosos.
Na visita do papa San
Xoán Paulo II a Galicia en 1982, Filgueira Valverde acudiu ao aeroporto de
Lavacolla para recibir ao papa como Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia,
asunto que lle causa grande satisfacción e escribe con tal motivo algúns ensaios
e artigos xornalísticos.
E na magna obra escrita
de Filgueira Valverde hai moitos escritos con alusións e de contido relixioso,
foi un dos mellores expertos nas Cantigas de Santa María de Afonso X. A súa
tese de doutoramento, xoia da literatura comparada, segundo lle teño oído ao
profesor e erudito Xesús Alonso Montero (1928), está dedicada á Cantiga CIII
(1935-1936).
O espírito relixioso e
a conciencia cristiá determinan e configuran o devenir da vida de Xosé
Filgueira Valverde, profesor humanista, a súa coherencia e fidelidade vital
orientan a súa acción docente cara o humanismo cristián, que poñía por riba de
todo e como centro á persoa. O alumnado era o esencial da súa extensa e
produtiva vida docente (1928-1976).
Sempre tivo a máxima
preocupación polas vidas, traxectoria e evolución do seu alumnado e das súas
familias.
A súa coherencia e
autenticidade relixiosa que antepoñía a calquera outra cousa supuxéronlle
moitas ledicias e benestar persoal, pero tamén moitas incomprensións e
rexeitamentos.
Nunha sociedade
democrática deben respectarse ás persoas e aceptar o manifestar as propias
ideas e a súa defensa pacífica. Filgueira Valverde foi un home tolerante e como
humanista amaba ao ser humano e comprendía as súas grandezas e as súas
miserias.
No hay comentarios:
Publicar un comentario