CRÍTICA TEATRAL
SÍNTESE DA TRAMA:
As desgrazas de Medea non minguan o seu forte carácter e as súas firmes resolucións de por en marcha a súa sede de vinganza nin da renuncia polo seu grande amor, por Jasón, por quen mata e por quen morre.
Versión baseada no mítico personaxe clásico da traxedia grega e da súa tráxica e accidentada existencia.
REPARTO POR ORDE DE APARICIÓN EN ESCENA:
- Manuela Hermida
- Popeta G. Gregorio
- José Rodríguez
- Fernando Oubiña
DIRECCIÓN: Fernando Oubiña
GRUPO: Teatro Anónimo
DIÁLOGOS:
O peso desta versión teatral reside nos diálogos e nos monólogos, que constitúen a súa base. Coidada e grandilocuente expresión lingüística, que nos fai lembrar que estamos diante unha obra de corte clásico. Grandes parrafadas dos protagonistas que nos poñen en situación e nos van narrando e desvelando esta triste e arrpiante historia, baseada na traxedia clásica grega.
Boa expesividade lingüística, excelente dicción con boa entoación, con boa altura e timbre de voces, que fai que se escoite e entenda perfectamente o parlamento de cada un dos catro actores.
TRABALLO DRAMÁTICO DOS ACTORES:
- Xa está referida a boa expresión lingüística, así como a excelente entoación, claridade e axeitada altura das voces, a ton con cada personaxe, enténdendose e escoitándose perfectamente as voces das dúas actrices e dos dous actores. Gran esforzo na memorización e subsanados excelentemente os pequenos erros de memoria, que pasaron de forma axeitada desapercibidos, anque os houbo. Coidada expresión nos diálogos e monólogos, acertados para o tipo de obra da que se trataba.
- EXPRESIÓN CORPORAL:
Popeta no papel de Medea, que interpretou de forma maxistral, adoptou boa expresividade facial, desprazamentos axeitados polo escenario, enchía a escena, ás veces, un pouco esaxerados. Revisaría o excesivo braceo para facelo un pouco máis natural. Mais tratouse dunha súa extraordinaria actuación, que como protagonista principal levaba o peso da obra.
Manuela Hermida fixo un papel extraordinario como ama da Medea. Cunha expresión e movementos moi naturais e con moita versosimilitude. Gustoume moito a súa interpretación, moi crible.
José Rodríguez, no papel de rei Creonte estivo a un gran nivel ao igual que os seus compañeiros. Quizais un pouco estático e inexpresivo por veces, debería enfatizar un pouco máis.
Fernando Oubiña, no papel de Jasón, mantivo un posición de dignidade do seu personaxe, cunha excelente expresividade. Ten madeira de actor e nótase a súa longa experiencia. Dou signos de verosimilitude e de grande actor.
- MOVEMENTO ESCÉNICO:
En liñas xerais, movementos mínimos e escasos no escenario, a acción e narración véñenos dadas polos diálogos e monólogos. Moito estaticismo. Agás na última escena onde hai máis acción cos asasinatos dos dous nenos, que se nomean, pero que non aparecen en escena, o suicidio de Medea e axeitada queima no carromato.
As dúas actrices pasan gran tempo sentadas nas súas banquetas a carón da fogueira. Non hai moita acción.
O acuchillamento da ama é pouco crible e inverosimil por un detalle que se pode subsanar. O puñal vese totalmente limpo sen rastro de sangue, podía coidarse este detalle e traballalo por algún medio ou recurso que lle dea un maior senso de verossimilitude.
O que sucede sábese fundamentalmente por medio dos diálogos e monólogos, tal vez, un exceso de verbalismo.
Os asasinatos dos nenos e o suicidio de Medea por medio da tea transparente do carromato e do xogo da iluminación suxírexe e intúese perfectamente, como tamén a forma de denotar a queima de todo o carromato. Foi un recurso moi axeitado e ben manexado.
- VESTIARIO:
Sinxelo e moi correcto, induce e nos sitúa ben no contexto da época, no mundo clásico. Nos parece moi axeitada a caracterización da ama e co seu caxato, un dos papeis, ao meu parecer máis logrados. Tamén a representación parécenos digamente logrado dándolle o aire que precisaba o personaxe. Medea nunha caracterización dominante, revelando o poder do personaxe que enche o escenario, unha personalidade de carácter. A caracterización e vestiario de todos os actores merécenos unha valoración positiva estaba consonte a natureza da cada uns dos personaxes, que podían identificarse ben.
- MAQUILLAXE:
Axeitada, moi natural. Gustounos o fondo de ollos do papel de Medea e de Jasón, estaba moi logrado e acorde coa natureza dos personaxes. Ese fondo escuro facilitaba a expresividade facial e outorgáballe dignidade e clasicismo aos personaxes.
- ESCENOGRAFÍA:
Na liña do minimalismo do teatro actual. Poucos elementos e economía de medios que non restan realismo e versosimilitude ao que ocorre no escenario, hai un xogo coa denotación / connotación.
Existían tres grupos de elementos que daban unha boa representación e nos situaban onde estabamos.
1.- A fogata coas banqueta, os caldeiros e a simulación do lume, paréceme correcto, tal vez incluiría un efecto de fume e de arrecendo, nun efecto sinestésico. Luz, arrecendo-cheiro, son... habería que xogar coa sinestesia e cos sentidos para favorecer a versosimilitude. Están no centro da escena onde ocorre gran parte da acción.
2.- A carreta, recurso ben deseñado. Coa forma da carreta e co xogo das transparencias e os efectos de luz e sombras, que permiten intuir e captar o que alí sucede. Algo importante para o desenlace da obra.
3.- O tendal coa roupa complementa a idea do lugar do exilio, da marxinación e do paso.
ILUMINACIÓN:
Tamén minimalista e sinxela, favorecendo á verosimilitude e a intuición do que pasa. Os tons escuros predominantes coinciden co ton da obra. A iluminación que se focaliza en Medea reforza e magnifica a grandilocuencia do personaxe. As transparencias, o xogo de luz vermella e sombras no carromato permite captar e denotar o que se quere narrar.
SON:
Nítido e claro. Escoitábase perfectamente e dun xeito natural, sen estridencias. A sala parece ter unha boa acústica e unha boa dotación de materiais de son o que permitiu seguir, escoitar e entender perfectamente os parlamentos dos actores.
A ambientación con música galega, de temas populares facíanos volver a realidade e establecía un conexión de tempos o da ficción coa realidade do público, axudaba a contextualización, dando un salto, conectando o mundo clásico coa realidade actual. E que os grandes conflictos, os problemas das xentes, as emocións e os sentimentos son algo universal e común ás distintas culturas, aínda respectando as características propias de cada pobo e e as diatancias de tempo / lugar.
Falando de recursos técnicos e botaría man da sinestesia, combinando efectos visuais, acústicos, olfativos. Poñer en xogo o máximo de sentidos, acordes co que sucede no escenario.
Globalmente unha actuación de dez.
AFORO: Menos de media entrada.
Acollida moi favorable do público asistente desta formidable representación que nos ofreceu Teatro Anónimo, tendo que saír a saudar varias veces os actores diante dos repetidos e entusiastas aplausos do público.
E veño sostendo desde hai xa moitos anos que hai que apoiar moito máis ao teatro en lingua galega e ao teatro en xeral. O teatro é moi positivo para todos favorece a expresión e a expresividade e serve como catarsis colectiva.
ARRIBA O PANO!







No hay comentarios:
Publicar un comentario