domingo, 15 de febrero de 2026

PALABRAS PARA DON XESÚS

Con don Xesús, nunha das súas visitas ao Colexio O Piñeiriño de Vilagarcía de Arousa
 


O moucho e as curuxas

da fraga de Ventosela

chían tristes porque o seu druída

foi durmir fóra,

está xa moi lonxe

ou quizais moi preto

fundido na Terra.

 

Fai bo “humus”

o corpo inerte do sabio da aldea

“como quen dis un ninguén”

cuberto de letras, de versos e de discursos...

 

A súa áurea pairea por todo o Ribeiro,

o eco da súa recia

e baril voz resoa

por todos os confíns de Auria

e esténdese por todo o territorio

da antiga Suevia.

 

As súas ansias de xustiza

da redención da boa

nazón de Breogán

van máis alá

no seu desexo universalista

de conseguir un mellor mundo

para todos.

 

As súas arelas

hano converter

á fin nun auténtico

e único comunista.

Alonso Quijano

foi aos soviets,

agora voa libre

e chouta polos outeiros,

polas fragas, polos montes

da súa querida Ventosela.

 

O pai Miño

coas súas xenerosas augas

rega o corazón morto do druída

que forte como un buxo

bate preto das estrelas

sucando os confíns do alén

e está a berrar:

-          Quero ser comunista! Quero ser comunista!

E conseguiuno.

El, meu caro amigo, estará por sempre

no meu corazón

e no corazón dos pobres

e de todos os traballadores do mundo.

 

Nun coro internacional escóitanse

como un laído os seus berros

e o seu puño no alto

pedindo a liberación

das cadeas que nos atan

e nos oprimen.

O Suso

coa súa bandeira vermella

lidera a manifestación.

 

Foise o druída de Ventosela,

quixo durmir fóra

e voar sempre ceibe

polos recunchos dun mundo máxico

onde se ha de atopar

con Curros, Rosalía e Castelao.

Tamén procurará a compaña

de Marx, Engels e Lenin.

Tamén estará a gusto

parolando con Dámaso Alonso

e con Rafael Lapesa.

Con todos

tentando topar xustiza

e loitando pola verdade

e pola emancipación

de todos os oprimidos

do mundo!

 

Descansa xa en paz

Suso de Ventosela

a túa semente

permanece aquí na Terra;

florecerá grazas a ti.

 

Xermán Torres

(No tren cara Vigo, 14/02/2026)