Mostrando entradas con la etiqueta CLARET FILMS. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta CLARET FILMS. Mostrar todas las entradas

domingo, 12 de abril de 2015

SOÑOS DE PAPEL E XIZ (V) - CEIP A LOMBA


Durante os cursos de 1988/1989 e 1989/1990 prestei os meus servizos educativos no que daquela aínda se chamaba colexio José Antonio de Vilagarcía de Arousa (hoxe CEIP A LOMBA). Fun moi ben acollido e tratado alí, tanto polas compañeiras e compañeiros como polo alumnado. Eu por ser naquel tempo un dos máis novos mestres do centro, impartín unha variedade de asignaturas, Lingua Galega, Relixión e Educación Física.

Os meus alumnos de aqueles tempos aínda lembran, porque mo teñen dito recentemente, que nas clases de Galego eu poñíalle a música de Amancio Prada, cantando a Rosalía e a Cunqueiro, así como o mítico disco de Luis Emilio Batallán AÍ VÉN O MAIO, tamén a música de Milladoiro, a de Suso Vahamonde, Fuxan os Ventos,... Faciamos montaxes de diapositivas con acetatos e papel cebola, traballabamos na confección de cómics, por certo, había algúns alumnos que eran verdadeiros artistas neste tema.

Tamén gardo con especial agarimo a constitución do grupo de teatro BRÉTEMA. Preparamos a obra de Blanco Amor, A TÍA LAMBIDA, con dita montaxe teatral gañamos o I Premio e o Premio a mellor actriz, no certame de Teatro Infantil e Xuvenil do Concello de Vilagarcía de Arousa. Co recadado no premio fixemos unha inesquecible viaxe cultural a Santiago de Compostela, trasladámonos en tren, o que lle deu un ton especial á viaxe, visitamos, entre outras cousas, a torre de control do aeroporto de Lavacolla, xantamos nun restaurante moi adaptado ao gusto daqueles mociños e mociñas. Grazas a esa experiencia teatral pasámolo moi ben e tivemos intres dunha especial e positiva convivencia, como o da viaxe da que falabamos.

Outra actividade que lembro dun xeito especial era a da proxección de películas en Súper-8 Sonoro nas clases do Departamento de Relixión, coa miña compañeira programabamos as películas, eu facía o pedido a Claret Films de Bilbao e recollía e devolvía os rollos das películas no despacho de paquetería da Estación de Renfe da nosa cidade.

Foron dous cursos que non esquecerei nunca, todos alí foron moi cariñosos e agarimosos conmigo. Moitos dos alumnos/as, homes e mulleres hoxe, aínda me saúdan e xuntos lembramos aqueles tempos idos, tempos da E.X.B. Como anécdota, fun mestre dalgúns fillos/as daqueles ex alumnos/as de finais dos anos 80 do pasado século. Xesús, como pasa o tempo!