sábado, 23 de enero de 2010

AS VERBAS


Hoxe queremos darlle voltas ao verbo ESCINTILAR. É unha verba de procedencia latina, vén de SCINTILLA, que significa “chispa”. O diccionario, entre outras acepcións, reflicte as seguintes sobre o verbo indicado:

1.- Emitir intermitentemente raios de luz de intensidade e de cor variable; esfacharear.

2.- Teren as estrelas a súa característica oscilación de luz.

Imos fixarnos na palabra ESTRELA, que procede do latín: STELLA, consultando o diccionario, dinos que estrela significa: astro que brilla con luz propia.

O pestanexar das estrelas é como se realmente botaran chispas; as estrelas botan chispas que chegan ata nós nas noites despexadas. Estes días pasados de noites xélidas poidemos contemplar as estrelas que escintilaban, dende as distancias siderais, cun fulgor impresionante.
Na zona de Arousa, ademais das noites claras da invernía, pódese gozar co escintilar das estrelas no mes de agosto, cando se aprecia ben, ollando cara o norte a nosa fermosa galaxia a Vía Láctea, que indica o camiño cara Compostela: campo de estrelas. Que sen dúbida, escintilarán dun xeito vigoroso neste Ano Santo Compostelano.

O pálpito do corazón humano é como o escintilar acompasado das estrelas. O ritmo do cosmos coas súas regularidades e irregularidades semella a humana natureza, un microcosmos; ao fin, os humanos non somos máis que pó de estrelas, chegados nun momento dado a este planeta azul, e o escintilar das mesmas reprodúcese no interior e no exterior de nós mesmos. Que sexamos lumieras, que emitamos raios de luz de razón e de sentimento.
A VOZ DOS LITERATOS:
Eu sei dunha estrela
perdida nos ceos,
irmá dos meus soños
e dos meus anceos.
A estrela rebrilla
cando miro para ela
cos ollos abertos
e ollada sinxela. (MANUEL MARÍA: A ESTRELA SEN NOME, Os soños na gaiola.(1994).
¡Chegará unha mocidade de estrelas! (RIVAS, Manuel: CANTIGA DA PRIMEIRA VELLEZ, Mohicania.(1986).
Un souto tiven eu de follas de ouro
escintilando ao sol do mediodía
e unha sombra que amena protexía
a púber inocencia dos meus soños. (PENAS, Ánxeles: O santuario intocable.(1992).
Debaixo deste esplendor, unha túnica de vento sutil
percorre a eternidade deste ceo lascivo. (GARCÍA, Xosé Lois: MEMORIA DA CINZA IGNORADA, Rosto incompleto.(1996).
Ondulando no éter de latexos eternos
con afáns inauditos e fabrís esplendores,
agreguemos os suores a outros suores fraternos
dos que nos precederon nos humanos labores
ondulando no éter de latexos eternos. (PICOUTO, Millán: HIMNO A NÓS MESMOS, Obra lírica completa.(2000).
(A imaxe corresponde ao cadro de Vincent Van Gogh: A Noite Estrelecida - La Nuit Étoilée, xuño de 1889).

domingo, 17 de enero de 2010

MÚSICA GALEGA CONTEMPORÁNEA



O pasado venres día 15 de xaneiro de 2010, tivemos a sorte de gozar da estrea mundial de catro obras musicais doutros tantos compositores galegos do noso tempo. O acontecemento tivo lugar no Salón de Actos do Conservatorio Superior de Música de Vigo. O acto foi presentado maxistralmente, como acostuma el a facer as cousas, polo Dr. Luís Costa, experto docente musical, quen fixo unha introducción xeral para despois deterse máis polo miúdo en cada compositor e a obra que se ía estrear. A interpretación tan maxistral como as presentacións, foi responsabilidade dos xoves docentes do Conservatorio Superior de Música da cidade olívica: Asterio Leiva, ao clarinete; acompañado do pianista, Alejo Amoedo. Mestres e compositores foron premiados co aplauso entusiasta e entregado do público asistente, que tivo o privilexio de contemplar tan excelente espectáculo artístico.
Existe a música contemporánea galega dende a perspectiva clásica e culta; pero, é merecente dunha maior atención por parte do pobo en xeral, e dos responsables políticos da cultura e da educación en particular. Deberamos apreciar o noso. E nos concertos subvencionados con fondos públicos, habería que propiciar que se interpretara unha certa porcentaxe de composicións musicais dos nosos autores.
Os catro compositores estaban encabezados polo decano e máis laureado compositor galego, o mestre, Rogelio Groba, cunha obra REMINISCENCIAS, de inspiración no folclore e na música popular galega. Groba foi quen musicou os SEIS POEMAS DE MAR IN MODO ANTICO da autoría de Filgueira Valverde.
Do mozo e polifacético, Paulino Pereiro, escoitamos as súas 4 PEZAS, unha obra recentísima do 2009, na que nos amosa a súa rica inspiración, a súa expresividade e mestría, a dun xove músico que, sen dúbida, nos seguirá agasallando con pezas mestras como esta.
O noso benquerido amigo, Eligio Vila, ofreceunos unha inspirada, sensible e poética SONATA (2009), de corte clasicista, que sen dúbida, é unha das súas mellores obras ata o momento. Eligio é un valor “in crecendo” da música galega, sempre nos ofrece obras que amosan a súa exquisita sensibilidade; é un poeta da música. Animámolo a seguir nesa liña de traballo e de inspiración.
Carlos López García, desgraciadamente, falecido recentemente, era un músico cosmopolita e moi próximo ás vangardas, das que participou na súa estadía en París e en Bos Aires, precisamente, a súa obra era a de composición máis antiga (1978) e con forte influencia vangardista, unha obra de música experimental, moi difícil de interpretar; pero, que facilitou observar a mestría e dominio dos seus respectivos instrumentos por parte dos mozos intérpretes.
Tivemos a sorte de contar no Auditorio Martín Códax con dous dos compositores, Rogelio Groba e Eligio Vila, que saudaron aos intérpretes e ao público desde o escenario do salón nobre do Conservatorio.
En definitiva, un concerto memorable, que coidamos debera recorrer Galicia enteira e incluso trascender ás nosas fronteiras. Que tomen nota, quenes terían que promocionar axeitadamente a nosa cultura.
(Nas imaxes, o programa elaborado polo Conservatorio Superior de Música de Vigo -Nas imaxes de vídeo, a testemuña dos intérpretes-).

martes, 5 de enero de 2010

A MAXIA DA ILUSIÓN





A festividade dos Reis Magos, na que a ilusión aniña en tantas mentes infantís que desexan acadar ese xoguete tan esperado e solicitado aos Magos de Oriente, fainos lembrar que é bonito ter ilusión, a ilusión como a teñen os nenos, crer na maxia dos soños, oxalá nunca se perdera esa candidez e autenticidade da infancia.

Esta época do ano, é época de nostalxia de tempos idos, de seres queridos que xa non están; é o devenir e o transcorrer da vida. Cada etapa ten as súas propias características, as súas peculiaridades. Pero, é bo crecer, é bo que pase o tempo vivido. O interesante é sacarlle substancia a ese tempo que pasa e non se detén.

Hoxe, en concordancia co que estamos a vivir, comentar o interesante que é facerse coleccionista de algo, tamén coleccionista de soños; en fin, de cousas sinxelas, pero que chegarán a ter un gran valor sentimental e emocional. Dende nenos podemos coleccionar selos, moedas, minerais, libros, cromos e variados obxectos. É un costume e unha afección cultural que co tempo da valor a esas coleccións.

Traemos a colación un álbum de cromos que encheu de ledicia a miña infancia, eso que por pouco non din completado todo o álbum. Foi un coleccionismo instructivo con ese álbum (que iluminan as dúas imaxes desta entrada), abriúseme o coñecemento cara o Novísimo Continente: Oceanía. Para min era unha colección ben fermosa, aínda que con ela tiven que consumir algúns chicles de máis. Cada vez que contemplo o raído álbum, lembro aquel tempo tan feliz da miña infancia en Caldas de Reis na década dos 60 do pasado século. Acudía ansioso ao quiosco das Palmeras para mercar aqueles chicles DUNKIN que traían o preciado tesouro: os cromos de OCEANÍA; logo a trocar os “repes” cos outros nenos e nenas amigos. Hai que coleccionar vivencias e experiencias, para poder coleccionar bonitos soños e lembranzas.

jueves, 31 de diciembre de 2009

QUE TEN COMPOSTELA?


Diante das controversias sobre quen estará realmente enterrado na tumba venerada en Santiago, se Prisciliano se Santiago o Zebedeo… Que máis da; o importante é que Compostela converteuse ao longo dos séculos nun foco de peregrinación da cristiandade. Que son Prisciliano ou o mesmo Santiago, o Fillo do Trono fronte a Xesús de Nazaret, o Mesías Salvador fonte de toda gracia e de todo xubileu.

Moitos eruditos opinan que non existe suficiente fundamentación histórica que demostre a chegada do Apóstolo Santiago o Maior á Península Ibérica nin vivo nin morto. Que todo foi froito da falsía e dunha piadosa tradición. Pero, esto tampouco ten agora maior importancia; o culto xacobeo o único que quere, é amosar o camiño espiritual para chegar a Cristo. Este anceio está vixente hoxe porque milleiros de peregrinos percorren os seus camiños ben físicos e reais ou espirituais para atopar consolación, perdón; vida nova, renovación; ganas de ser mellores. Todo o demais son cousas accidentais, incidentais, que non deben ocultar o máis importante: a gracia que se ofrece en Compostela para a construcción de persoas novas para un mundo novo, que ofrece o Cristianismo como alternativa a un mundo inxusto. Esa é a divina forza de Compostela.

Outros plantexamentos de tipo esotérico sobre a forza cósmica que conflúe no “campo das estrelas”, Campus Stellae, son lucubracións, teorías moi fermosas para debater, para falar, para xogar cos misterios. Pero, quen pode dar con razoamentos definitivos e concluíntes en todos os eidos históricos, paranormais…?

As estrelas tamén peregrinan a Compostela para render pleitesía a Cristo, o Redentor, o Salvador.

O que conta é a realidade do que hoxe supón Compostela, as peregrinacións, os Camiños,… todo o que se foi construíndo ao longo dos tempos, no devenir histórico e sen perder nunca a perspectiva do que efectivamente reúne ás moitedumes na Catedral de Santiago de Compostela: a esperanza de atoparse co Cristo Cósmico, co Cristo Salvador. Esta é a convocatoria neste Ano Santo, como en todos os anteriores Anos Santos: propiciar o encontro con Xesús. Esa é a crenza de milleiros e milleiros de persoas que camiñan cara Compostela. Os que non cren, pretenden atopar algo que os faga sentirse ben, renovarse, pensar. Os esotéricos buscan encherse de enerxía cósmica, vivir a maxia dos camiños. Todos os que van a Compostela non volven de vacío, algo fai que a experiencia os converta en persoas máis ricas. Os escépticos pensan que todo son pamplinas, que todo é igual en todos os sitios, nada de divinidades, de enerxías, de buscar nada, porque non se atopará nada. Mais na variedade e na diversidade está a riqueza dos seres humanos.

Este ano 2010 descubramos as mil e unha facianas de Compostela. Cada un, sen dúbida, atopará algo do que busca.

(A imaxe que ilustra a entrada, é o debuxo de Castelao que representa ao Daniel do Pórtico da Gloria e que foi deseñado para a revista pontevedresa LOGOS).

jueves, 24 de diciembre de 2009

NA NOITE ESTRELECIDA, PAZ E BEN


NADAL

Teño un alboio esquecido
no íntimo pardiñeiro
do que os muros van caíndo
sin remedio…
¡Nin a silveira decora
o seu tellaván desfeito…!

Naquela friaxe triste
de neboento misterio;
naquela noite interior
de ceo sempre cuberto,
pra min e soio pra min
-¡astro de amor!- nace o Neno.

¡Cánto aguinaldo de bágoas
meu corazón pegureiro,
como un ababol perdido
na soedá de aquel ermo…!
¡E cánto mel de sorrisos,
meu Abellariso tenro,
Nectario das frores todas
dos cármenes do Universo…

Vinde acá, meus cinco fillos
meus dedos da man do Eterno,
con bicos por castañetas,
con apertas por pandeiros,
adourar ao Deus Meniño
que escolleu para o seu berzo
limpo feno da miña alma
na ruína do meu peito.

FERMÍN BOUZA BREY
(Xunto cos versos de Bouza Brey, ofrézovos o fermoso cadro de Murillo: A adoración dos pastores. Que a luz do Neno nos protexa co seu poder).

sábado, 19 de diciembre de 2009

AS PEDRAS FALAN





Ás veces, pásannos desapercibidas tantas cousas; porque non sabemos observar ou por ignorancia. Nun paseo con algúns alumnos por Vilagarcía de Arousa, e aínda que eran moi novos, decatámonos da riqueza heráldica que existe e que podemos observar nun pequeno radio de acción que abrangue dende a igrexa parroquial de Santa Baia de Arealonga ao complexo monumental de Vista Alegre, do que xa temos falado nunha entrada anterior. Motivamos ao alumnado para que se fixara en que as pedras tamén nos falan. Os escudos ofrécennos rica información.
Aos nenos ensinámoslles a distinguir un escudo eclesiástico dun escudo civil e entusiasmáronse co asunto. Tamén lles informamos que os escudos que estaban a contemplar tiñan moito que ver coa liñaxe do marquesado de Vilagarcía e co arcebispo don Fernando de Andrade y Sotomayor, protector e impulsor da súa cidade natal, Vilagarcía de Arousa.
Comprobamos que a heráldica é unha ciencia auxiliar da historia moi interesante e engaiolante, poidémolo contrastar co interese que amosaron os pequenos polos escudos da súa cidade. No Concello, o xefe de protocolo, D. Ramón Reiriz Pérez, explicounos maxistralmente o significado dos distintos cuarteis que conforman o escudo do Concello de Vilagarcía de Arousa e os seus elementos, así como as cores amarela e vermella da bandeira cuadrilonga da cidade. A visita, ou pequeno paseo, pola cidade, fixémola o día 10/12/2009, festividade de Santa Baia de Mérida, patrona da parroquia de Santa Baia de Arealonga. Dímonos conta de que a historia narrada con experiencias vividas e contextualizada no terreo de verdade interesa ás raparigas e raparigos, por moi novos que sexan. Sobre esta metodoloxía activa e motivadora teñen moito dito o Seminario de Estudos Galegos e a Institución Libre de Ensinanza, dúas institucións senlleiras do noso país.

martes, 8 de diciembre de 2009

CON VILA FARIÑA A CULTURA FAISE POBO


Se hai un intelectual incardinado co pobo; é máis, saído do pobo, ese é meu amigo Xosé Lois Vila Fariña, un historiador popular e autodidacta.
Un home admirable por tantas cousas, unha delas, seu afán por saber, por coñecer, por ler e escribir, por estudar…
É un bo modelo para os nosos nenos e mozos, a súa loita pola vida, por coñecer as orixes e a evolución do seu pobo, polo seu espírito indomable, rebelde. Ese é o Vila Fariña auténtico, libre, independente e sobre todo culto, esa cultura que el conquistou con esforzo, con tantas horas de pescuda e case sempre só; sen axudas, loitando por ocupar un lugar na historia do seu pobo, por “deixar rastro”, para “ser rastro”. Valoro a súa tenacidade, o seu esforzo por saír a flote, por sobrevivir, por ser alguén; ás veces, cun esforzo sobrehumano. As súas ansias de superación, o seu traballo para poder seguir lendo e escribindo, facendo o que el tanto ama. El é a paixón por escribir, por deixar a testemuña da historia dos devanceiros. É admirable o seu autodidactismo; non é un historiador académico; pero, xa quixeran moitos ter desenvolvido o traballo que el desempeñou. Tamén destaco o seu amor pola nosa lingua e pola nosa cultura, Galicia por riba de todo.

Un dos seus amores, Baión, a terra que o viu nacer. Pois ben, Baión xa ten a súa historia escrita nun monumental volume e recopilada polo seu fillo máis preclaro, Vila Fariña, el só, cos seus propios medios fixo posible que un pobo pequeniño teña recollida a súa rica e longa historia nun libro singular, ese libro querido e soñado polo seu autor; que grazas a el, só a el, é hoxe unha vizosa realidade.
Ese Vila Fariña que dende a súa mítica revista, O NOSO POBO, percorreu camiños e corredoiras, esculcou arquivos, dialogou con vellos e con cantas persoas que o poideran ilustrar.

Noraboa amigo, segue percorrendo camiños, abrindo vieiros, soñando novas sendas guiado polas estrelas da antiga Suevia, albiscando lugares e tempos novos. Porque ti podes dicir como o poeta:

“Y al cabo, nada os debo; me debéis cuanto escribo…”.

O meu amigo, Xosé Lois Vila Fariña presentará a súa querida obra no colexio de Baión o día 18/12/2009, a partires das 20:00 h.

Que os deuses e Fortuna lle sexan propicios e as musas o sigan inspirando durante moitos anos.
(A fotografía que ilustra esta entrada é do noso bo amigo José Luiz Oubiña e forma parte da portada do libro de Vila Fariña: LÓSTREGOS E TEBRAS).