Cheguei ao coñecemento de Xosé Neira Vilas por medio do seu extraordinario libro: MEMORIAS DUN NENO LABREGO, este best-seller fórame regalado por un grande amigo, extraordinario amante de Galicia, quen me concienciou na descuberta da nosa lingua e da nosa cultura, falo do crego galeguista, Daniel Luis Espiño Otero, moi coñecido e querido na nosa comarca de Arousa. Ao meu alumnado, cando ensinaba a nosa lingua, transmitinlle o coñecemento de Neira Vilas e da súa obra. O 6 de xuño de 1996, visitamos en Gres (Vila de Cruces) ao matrimonio de escritores, Xosé e Anisia, eles recibíronnos moi agarimosamente na súa casa. Descubrimos a súa tenrura e a súa sensibilidade; foron uns anfitrións exquisitos, tanto o alumnado como o profesorado quedamos fascinados coa visita á casa e a biblioteca-complexo cultural de ámbolos dous escritores. Posteriormente, e en varias ocasións tiven a oportunidade de entrevistar a Anisia Miranda no espazo dos libros: O CURRUNCHO DOS LIBROS do programa sabatino "HOY PARA TI" de Radio "Arosa"-SER. Neste espazo radiofónico recomendabamos (facémolo agora igualmente) a obra literaria da exemplar parella NEIRA-MIRANDA. Os dous amaban a Galicia dun xeito especial, Xosé sígueo a facer, desgraciadamente sen a presencia motivadora de Anisia. Sirvan estas verbas de recoñecemento e admiración pola súa obra e exemplaridade; ao mesmo tempo, facemos sentida lembranza de Anisia Miranda, marcada por Galicia e por Cuba, dous países tan relacionados e tan próximos. A presencia galega en Cuba é determinante e alá sucederon e xestáronse tantas cousas importantes para Galicia: himno, Real Academia e alí foron acollidos tantos galegos, pasaron tempadas naquelas terras moitos escritores, artistas e intelectuais galegos, entre eles, Curros, Cabanillas... Para Anisia a nosa testemuña de cariño e de gratitude, q.e.p.d.
Non deixen de achegarse a obra de Xosé e de Anisia e de visitar o lugar entrañable de Gres, as súas terras, os seus ríos, a súa paisaxe son o marco onde se desenvolven as historias do inesquecible e importante libro: MEMORIAS DUN NENO LABREGO.
(Nas imaxes, o artigo en ONDAS DE AROSA, que recolle a nosa primeira visita a Gres, e un autógrafo de Neira Vilas nun dos meus exemplares de MEMORIAS).
MARABALLA.- Sobre esta verba fala o mestre Filgueira no seu primeiro ADRAL nun artigo chamado O ARUME ARPADO, onde indica que é unha das numerosas variedades da palabra arume, que nomea as acículas dos pinos. Na miña infancia teño escoitado, no ámbito local de Caldas de Reis, a palabra maraballa, referida a unha herba de forma radial, estrelada que era moi gorentosa para os coellos. Aínda lembro a miña nai recollendo maraballas cun coitelo vello no herbal que había preto do río Umia e do lavadoiro de auga quente de Caldas. Ese mesmo herbal servía para poñer a roupa a clarear e como tendedeiro comunal. Tamén me lembro como os coellos comían con fruición as para eles saborosas maraballas. Aínda que Filgueira escribe esta verba con "b", eu tamén a escribía así, nos diccionarios de lingua galega actuais figura: maravalla, e no Gran Diccionario Xerais da Lingua Galega, atopamos esta acepción da palabra: "Xénero de plantas vivaces da familia das compostas, de follas alternas de cor variable; comprende unhas vinte especies das que a máis coñecida é a CALENDULA OFFICINALIS.
(No meu debuxo aparece un coello e un esquema de como recordo que era a maraballa, da que el é un gran devorador).
Cando estaba concibindo a publicación do meu libro: Ó GALEGO POLO TEATRO (1996), coñecín a dúas persoas coas que ben axiña trabei unha fonda amizade, o editor galego, desgrazadamente xa falecido, Carlos Blanco, daquela máximo responsable das Edicións do Cumio, e ao escritor Xosé Vázquez Pintor, asesor da editorial viguesa. Carlos Blanco alentou e acolleu con moito agarimo a idea de publicar o meu libro, no que tamén tomou boa parte, unha parte calada; pero, eficiente, o meu amigo de mocidade, Cándido Meijide, quen estaba integrado no equipo da editorial. A relación con Carlos Blanco e o seu equipo editorial foi magnífica. Estoulles moi agradecido polas súas atencións e polo bo traballo desempregado. Ao fin o libro foi unha vizosa realidade, da que quedei moi satisfeito. Xa falei tamén do fermoso limiar de D. Xosé Filgueira Valverde. Xosé Vázquez Pintor coa súa experiencia de escritor, de home do teatro, de pioneiro no mundo do mimo en Galicia, axudoume moito a mellorar e completar o meu traballo con ideas e suxerencias sobre todo en aspectos da técnica do mimo e no universo dos titiriteiros galegos. El relacionarase moito con Varela Buxán, autor de teatro popular galego. En Bos Aires, con Maruxa Villanueva, Varela Buxán encargouse da representación de OS VELLOS NON DEBEN DE NAMORARSE de Castelao. Vázquez Pintor fora amigo e admirador de Varela Buxán. Moito falamos del e da súa obra dramática. Tamén era tempo do teatro dos maiores da Casa da Bola de Cangas. Cangas de Morrazo era a vila de adopción de Vázquez Pintor, pois el era nado en Melide. Sirva esta lembranza para reiterar a miña gratitude e recoñecemento a Carlos Blanco e o seu equipo editorial e ao meu amigo, o profesor Xosé Vázquez Pintor, con quen tanto conversei sobre o teatro galego. Non esquezo aquela "accidentada" viaxe a Ferrol coa miña muller, Vázquez Pintor e Cándido Meijide para presentar alí, na Sala Sargadelos o meu libro sobre o teatro galego, pero quizais esto sexa obxecto doutra xeira de verbas para compartir na rede.
II MOSTRA MUSICAL DO EIXO ATLÁNTICO - FINAL EN VILAGARCÍA DE AROUSA, 08/05/2010
LIMIAR:
O mestre Filgueira era un namorado da Música, un gran melómano. Sempre protexeu e promoveu este arte, participando na creación e promoción de moitas iniciativas musicais, como por exemplo, o certame internacional MÚSICA EN COMPOSTELA e dentro das actividades do mesmo, sempre no Museo de Pontevedra os magníficos concertos baixo o rubro, MÚSICA A LA LUZ DE LOS CANDELABROS. Tamén era íntimo amigo de persoeiros da Música en Galicia, como do gran musicólogo xesuita, Padre Calo, e do gran compositor homenaxeado hoxe en Vilagarcía co gallo da celebración da II MOSTRA MUSICAL DO EIXO ATLÁNTICO, referímonos a ROGELIO GROBA GROBA, quen musicou as SEIS CANTIGAS DE MAR IN MODO ANTICO, da autoría de Filgueira, dentro do movemento neotrobadorista. Filgueira tamén amaba moito ao fraterno Portugal, era íntimo amigo do Dr. Santos Junior e logo ten adicado fermosas páxinas a temas lusitanos, como por exemplo, a súa magnífica monografía sobre Camoens, era partidario dunha relación moi estreita entre Galicia e Portugal.
A REALIDADE DE HOXE:
Nós tamén estimamos en alto grao a Música e por medio da ANPA DO ENSINO MUSICAL DE VILAGARCÍA "ATRIL" coa colaboración do Concello da mesma cidade celebramos catro edicións dunha mostra musical que ideamos e fixemos vizosa realidade. Dende outros enfoques o EIXO ATLÁNTICO recolleu a proposta da Concellería de Educación do Concello da capital arousá de asumir a organización e celebración das mostras musicais e xa vamos na segunda, que celebramos hoxe. Mozos e mozas de Galicia e Portugal xúntanse para competir artísticamente nunha reunión musical de irmandade. As semifinais celebráronse en Portugal, hoxe a final aquí. Hai moita calidade, pódese gozar dunha velada magnífica, todos unidos pola Música. Atril, non coincidindo coa Mostra, que ten carácter bianual, celebra uns encontros musicais non competitivos, dos que xa se celebrou unha edición. É desexable seguir apostando pola Música dende os centros educativos e as institucións, promovendo todo tipo de actividades e concertos. Todo polo ben da mocidade e para honrar á Musa Euterpe. Viva a Música!
Certamente vivimos nunha permanente crise de valores, non é cousa nova. Uns valores desprazan a outros; o mundo e a sociedade cambian, estamos en constante evolución. Non obstante, na sociedade actual hai actividades que están sobrevaloradas, sobredimensionadas. En concreto, quero referirme ao mundo do fútbol, penso que é cousa de tolos. Os deportistas, mellor, futbolistas de élite están desordenada e desaforadamente moi ben pagados. Eu non digo que o deporte, o fútbol teña o seu lugar, hai momentos e espazos para todo. Fronte aos mimados futbolistas (poderiamos dicir o mesmo dos grandes magnates financieiros, para máis inri, algúns verdadeiros delincuentes sen escrúpulos), atopamos profesionais e actividades mal pagadas e mal valoradas. Está ben contemplar a beleza dun gol de Messi. Pero, que sucede cun poema, cun cadro, cunha escultura ou unha peza musical? Profesionais tan necesarios como un cirurxián, un mestre, un profesor, unha ama de casa... para o presente e o futuro da Humanidade e que na maioría dos países están mal pagados e infravalorados. Neste caso, hai unha inversión de valores. Non valoramos na súa xusta medida o que deberamos valorar e estimar máis. Apreciamos o ter en detrimento do ser. E esto ten unhas consecuencias nefastas a nivel persoal, social e mesmo para a supervivencia do noso mal fadado planeta Terra. O consumismo feroz, o crecemento insostible converten o noso mundo nun mundo inhabitable e inhumano. Non somos quen de atopar a felicidade nas cousas sinxelas e próximas. Semella que non atopamos satisfacción no valor do traballo ben feito, da realización persoal e profesional. Deberamos disfrutar da familia, das amizades, da práctica activa das artes e dos deportes, na participación social, na contemplación da soberbia natureza, no compartir cos demais os ideais e a vida. Parece que fuximos, que temos présa, escapamos de nós mesmos... Cando sería tan facil vivir en plenitude, contruíndo a nosa felicidade a a dos demais, día a día, hora a hora, minuto a minuto. O goce da vida depende de nós mesmos, das nosas actitudes, da nosa escala de valores.
Aqueles anos 60! Vividos na querida e sempre lembrada vila termal, a vila de dona Urraca, a do emperador Afonso VII; Caldas de Reis, na morriña dos felicestempos de infancia, seres queridos, amigos; xogos, trasnadas… Sempre o río Umia, verdadeiro dono da vila, as súas augas que corren e levan recordos cara o mar de Arousa. Quedan as sombras, os rescoldos daquela lareira, rúa Fornos nº 4, soan as badaladas das campás da igrexa parroquial de Santo Tomás,… Manoliño o de Inés, Marisé e o seu irmán Clementito, a familia Calviño, os Roquiño, Linterneiros, Cestilleiros, Serafín… Aquela rúa que ulía e sabía a pan, o Hotel Balneario Dávila, onde coñecín a Cunqueiro, o entrañable e simpático Suso, o canaval, as burgas, as mantidas, as festas de agosto, a Banda de Música de Lantaño, que nunca faltaba, os xigantes (o Papamoscas) e cabezudos,… Aquel 68, a rodaxe de “Más allá del Río Miño”, Paco Barros, don Clemente… O entroido, aquel popular entroido caldense! Onde o señor Ventura, o do Cabaret, enchíao todo de ledicia en tempos mouros e míseros. Aos nenos escapábansenos as angurias e loitas dos maiores, feliz inconsciencia, bendita inocencia; tempo de bolboretas no ar, de biscornias revoando na rúa, de morcégos atrapados con panos brancos atados nun pau de salgueiro no serán, de andoriñas que aniñaban na rúa Real, moitas andoriñas. Eran tempos de cando nas festas lle tiñamos medo aos cabezudos de pequeniños e nos causaban chiste de máis rillotes.
O colexio, o colexio San Fermín dos Pais Somascos, máis de cincuenta anos na vila, padre Lorenzo, padre José, padre Jorge, padre Federico… Aquelas festas de fin de curso: condecoracións, diplomas para premiar a conducta e o aproveitamento, na entrega o alcalde don Paco, pai do compañeiro Paquito, o gobernador Encinas Diéguez, o cardeal Quiroga Palacios, despregando a súa grande humanidade. A Asociación caldense de Bos Aires co seu inesquecible benfeitor, fillo ilustre da vila, o lembrado Mario Ferro (“Bienvenido Mario Ferro aquí”, dicía un verso dunha canción entoada polo coro do colexio), aquelrecordado coro infantil e xuvenil (nel cantaramos en “play-back” por medo a nos equivocar Francisco Calviño máis eu), as míticas obras de teatro, case sempre dirixidas polo padre José, fondo con cortinóns, o omnipresente retrato de Franco. Os rosarios (os nenos prolongabamos o bis do “ora pro nobis” o que desataba a furia dos padres e foi obxecto de máis dun castigo), a misa diaria, os paseos pola campiña co padre José, quen sabía facer pases de maxia, entre outras moitas cousas, tamén sabía dar sonoras labazadas aos máis trastes. Condiscípulo inseparable e querido, José Antonio Búa Barreira, tantos xogos compartidos, visitas á biblioteca pública, el sempre con libros de electrónica; eu Tintín, Os sete secretos, As aventuras de Guillerme. Tamén estaban Yuyo, Emilio, Miguel, Eugenio, José María… aínda se escoitan os nosos berros infantís no patio e nas instalacións do colexio, os bos rapaces que pertencían ao internado do colexio, cancións italianas cantabamos no coro, dirixidos e acompañados ao piano por un mozo somasco italiano, de quen xa non reteño o nome, o paso do tempo vai ensombrecendo a memoria; pero, resoan as notas do piano: “Sui monti…”. Aquela mestra inesquecible, dona Elisa Torres, dona Carmeliña tan doce, boa e sensible. As visitas de don Jorge, o inspector (que era crego da familia dos Malvar de Pontevedra), que poñían moi nerviosa a dona Elisa…
Cando as enchentas do Umia, do Bermaña, do río Pequeno non podiamos ir ao colexio, ledicia para os cativos. As películas de romanos (“Vino Constantino y nos trajo la paz”) no salón de actos, que algúns queriamos repetir, cando as volvían a poñer no colexio da Encarnación, case todos antes fixeramos alí parvuliños cunha monxiña tan pequena coma nós, a madre Aurelia… Arrecendo a tinta, secantes, lapis, gomas, libros recén estreados, aquel arrecendo a libros novos e material escolar. Aquel libro inesquecible das primeiras lecturas, HEMOS VISTO AL SEÑOR, ou aqueles RAYAS, AMIGUITOS… as enciclopedias ÁLVAREZ de primeiro, segundo e terceiro graos…
Os colexios de pago tiñan unhas boas instalacións con patios de recreo, zonas deportivas, salón de actos con cine, bos urinarios, aquela parafernalia dos fins de curso con todo o apoio oficial e institucional ao máis alto nivel… Mentres, a escola pública semellaba abandonada de todos, pésimas instalacións, aquel inmundo servicio cun burato de terra sen auga corrente, sen saneamento, as goteiras que amenizaban as clases co clin-clan das pingueiras da auga da chuvia a bater nos cacharros de lata que as recollían. Aquí, novos amigos: Manoliño, Alvarito, Ana, a filla do mestre, un mestre moi querido e recordado, don Victoriano Rosales (que fumaba compulsivamente cigarrillos da marca JEAN). Don Victoriano era o director da Graduada de Caldas e sería o primeiro director do Colexio “Afonso VII”. Que ben ensinaba don Victoriano! Aínda que era moi duro en cuestión de disciplina, era moi bo en Matemáticas, pizarra e pizarrín, canto da Xeografía en pequenos grupos nos mapas, as clases de Relixión os sábados pola mañán, a chegada da televisión escolar cos primeiros programas de Félix Rodríguez de la Fuente (“H-I-J-K-L-M-N-Ñ es la hora de la tele, es la hora de la tele, televisión escolar”), a aventura espacial americana coa misión Apolo, aquel inesquecible xullo de 1969. Qué distintos eran o ensino privado, “de pago” e aquela lonxana escola pública! Don Victoriano Rosales é merecente dun recoñecemento público en Caldas de Reis.
E sempre Caldas de Reis, naquelas brumas de inverno e os baños sabatinos de auga termal en bañeira de cinc. Espertar con arrecendo e sabor de pan recén cocido, daquel pan do forno de Nilda, os Calviño cantando o “Yellow Submarine” co pai tocando a bandurria e os soños quentes de lareira e de amor de avós, lembranzas gardadas no rescoldo do corazón e nas lumieiras, que se difuminan, da mente infantil que aínda revolotea á beira do Umia no Campo da Feira, na centenaria Carballeira de outonos de landras e de lembranzas escolares, de tempos de fanar na belida fervenza de Segade de Arriba… Caldas sempre.
Non imos descubrir nada se dicimos que Barcelona é unha cidade moi fermosa, ben deseñada e ben concibida e moi querida polos seus cidadáns; verdadeiramente síntense moi orgullosos da súa cidade. E non é para menos, é unha cidade moderna; pero, ao mesmo tempo, unha cidade chea de historia, unha cidade que soubo reinventarse e adaptarse aos tempos. Unha cidade con moita vida cultural e industrial. Exemplo vivo dunha Cataluña puxante e activa. Barcelona ten uns moi bos medios de locomoción e de transportes que facilitan a vida dos seus cidadáns e dos moitos turistas que a visitan. Non imos referirnos ás numerosas marabillas que alberga e de sobras coñecidas. Imos fixarnos nun detalle, as ansias de eficacia e de industrialidade dos seus habitantes, que constrúen día a día unha cidade viva, dinámica e atractiva, chea de encantos. Finalmente, destacar, o que é unha lección para todos os galegos, insisto no de todos os galegos, o grande amor que sinten os barceloneses, os cataláns pola súa lingua e pola súa cultura, o que non lles impide medrar en tódolos sentidos e ser uns magníficos anfitrións para todos os de fóra. Os cataláns aman a súa terra, mais non son excluintes. Síntome ben en Barcelona, en Cataluña e teño envexa pola súa admirable defensa da súa lingua e da súa cultura. Sen dúbida, un espello onde mirarse.