domingo, 13 de junio de 2010

LEMBRANZAS DE ANISIA MIRANDA E DE NEIRA VILAS



Cheguei ao coñecemento de Xosé Neira Vilas por medio do seu extraordinario libro: MEMORIAS DUN NENO LABREGO, este best-seller fórame regalado por un grande amigo, extraordinario amante de Galicia, quen me concienciou na descuberta da nosa lingua e da nosa cultura, falo do crego galeguista, Daniel Luis Espiño Otero, moi coñecido e querido na nosa comarca de Arousa.
Ao meu alumnado, cando ensinaba a nosa lingua, transmitinlle o coñecemento de Neira Vilas e da súa obra. O 6 de xuño de 1996, visitamos en Gres (Vila de Cruces) ao matrimonio de escritores, Xosé e Anisia, eles recibíronnos moi agarimosamente na súa casa. Descubrimos a súa tenrura e a súa sensibilidade; foron uns anfitrións exquisitos, tanto o alumnado como o profesorado quedamos fascinados coa visita á casa e a biblioteca-complexo cultural de ámbolos dous escritores.
Posteriormente, e en varias ocasións tiven a oportunidade de entrevistar a Anisia Miranda no espazo dos libros: O CURRUNCHO DOS LIBROS do programa sabatino "HOY PARA TI" de Radio "Arosa"-SER. Neste espazo radiofónico recomendabamos (facémolo agora igualmente) a obra literaria da exemplar parella NEIRA-MIRANDA. Os dous amaban a Galicia dun xeito especial, Xosé sígueo a facer, desgraciadamente sen a presencia motivadora de Anisia. Sirvan estas verbas de recoñecemento e admiración pola súa obra e exemplaridade; ao mesmo tempo, facemos sentida lembranza de Anisia Miranda, marcada por Galicia e por Cuba, dous países tan relacionados e tan próximos. A presencia galega en Cuba é determinante e alá sucederon e xestáronse tantas cousas importantes para Galicia: himno, Real Academia e alí foron acollidos tantos galegos, pasaron tempadas naquelas terras moitos escritores, artistas e intelectuais galegos, entre eles, Curros, Cabanillas...
Para Anisia a nosa testemuña de cariño e de gratitude, q.e.p.d.

Non deixen de achegarse a obra de Xosé e de Anisia e de visitar o lugar entrañable de Gres, as súas terras, os seus ríos, a súa paisaxe son o marco onde se desenvolven as historias do inesquecible e importante libro: MEMORIAS DUN NENO LABREGO.

(Nas imaxes, o artigo en ONDAS DE AROSA, que recolle a nosa primeira visita a Gres, e un autógrafo de Neira Vilas nun dos meus exemplares de MEMORIAS).

No hay comentarios: