miércoles, 28 de abril de 2010

A QUE LLE DAMOS VALOR?

Certamente vivimos nunha permanente crise de valores, non é cousa nova. Uns valores desprazan a outros; o mundo e a sociedade cambian, estamos en constante evolución.
Non obstante, na sociedade actual hai actividades que están sobrevaloradas, sobredimensionadas. En concreto, quero referirme ao mundo do fútbol, penso que é cousa de tolos. Os deportistas, mellor, futbolistas de élite están desordenada e desaforadamente moi ben pagados. Eu non digo que o deporte, o fútbol teña o seu lugar, hai momentos e espazos para todo. Fronte aos mimados futbolistas (poderiamos dicir o mesmo dos grandes magnates financieiros, para máis inri, algúns verdadeiros delincuentes sen escrúpulos), atopamos profesionais e actividades mal pagadas e mal valoradas. Está ben contemplar a beleza dun gol de Messi. Pero, que sucede cun poema, cun cadro, cunha escultura ou unha peza musical? Profesionais tan necesarios como un cirurxián, un mestre, un profesor, unha ama de casa... para o presente e o futuro da Humanidade e que na maioría dos países están mal pagados e infravalorados. Neste caso, hai unha inversión de valores. Non valoramos na súa xusta medida o que deberamos valorar e estimar máis.
Apreciamos o ter en detrimento do ser. E esto ten unhas consecuencias nefastas a nivel persoal, social e mesmo para a supervivencia do noso mal fadado planeta Terra. O consumismo feroz, o crecemento insostible converten o noso mundo nun mundo inhabitable e inhumano.
Non somos quen de atopar a felicidade nas cousas sinxelas e próximas. Semella que non atopamos satisfacción no valor do traballo ben feito, da realización persoal e profesional. Deberamos disfrutar da familia, das amizades, da práctica activa das artes e dos deportes, na participación social, na contemplación da soberbia natureza, no compartir cos demais os ideais e a vida. Parece que fuximos, que temos présa, escapamos de nós mesmos... Cando sería tan facil vivir en plenitude, contruíndo a nosa felicidade a a dos demais, día a día, hora a hora, minuto a minuto. O goce da vida depende de nós mesmos, das nosas actitudes, da nosa escala de valores.

viernes, 9 de abril de 2010

INFANCIA VIVIDA (homenaxe a Caldas de Reis)











Aqueles anos 60! Vividos na querida e sempre lembrada vila termal, a vila de dona Urraca, a do emperador Afonso VII; Caldas de Reis, na morriña dos felices tempos de infancia, seres queridos, amigos; xogos, trasnadas… Sempre o río Umia, verdadeiro dono da vila, as súas augas que corren e levan recordos cara o mar de Arousa. Quedan as sombras, os rescoldos daquela lareira, rúa Fornos nº 4, soan as badaladas das campás da igrexa parroquial de Santo Tomás,… Manoliño o de Inés, Marisé e o seu irmán Clementito, a familia Calviño, os Roquiño, Linterneiros, Cestilleiros, Serafín… Aquela rúa que ulía e sabía a pan, o Hotel Balneario Dávila, onde coñecín a Cunqueiro, o entrañable e simpático Suso, o canaval, as burgas, as mantidas, as festas de agosto, a Banda de Música de Lantaño, que nunca faltaba, os xigantes (o Papamoscas) e cabezudos,… Aquel 68, a rodaxe de “Más allá del Río Miño”, Paco Barros, don Clemente… O entroido, aquel popular entroido caldense! Onde o señor Ventura, o do Cabaret, enchíao todo de ledicia en tempos mouros e míseros. Aos nenos escapábansenos as angurias e loitas dos maiores, feliz inconsciencia, bendita inocencia; tempo de bolboretas no ar, de biscornias revoando na rúa, de morcégos atrapados con panos brancos atados nun pau de salgueiro no serán, de andoriñas que aniñaban na rúa Real, moitas andoriñas. Eran tempos de cando nas festas lle tiñamos medo aos cabezudos de pequeniños e nos causaban chiste de máis rillotes.

O colexio, o colexio San Fermín dos Pais Somascos, máis de cincuenta anos na vila, padre Lorenzo, padre José, padre Jorge, padre Federico… Aquelas festas de fin de curso: condecoracións, diplomas para premiar a conducta e o aproveitamento, na entrega o alcalde don Paco, pai do compañeiro Paquito, o gobernador Encinas Diéguez, o cardeal Quiroga Palacios, despregando a súa grande humanidade. A Asociación caldense de Bos Aires co seu inesquecible benfeitor, fillo ilustre da vila, o lembrado Mario Ferro (“Bienvenido Mario Ferro aquí”, dicía un verso dunha canción entoada polo coro do colexio), aquel recordado coro infantil e xuvenil (nel cantaramos en “play-back” por medo a nos equivocar Francisco Calviño máis eu), as míticas obras de teatro, case sempre dirixidas polo padre José, fondo con cortinóns, o omnipresente retrato de Franco. Os rosarios (os nenos prolongabamos o bis do “ora pro nobis” o que desataba a furia dos padres e foi obxecto de máis dun castigo), a misa diaria, os paseos pola campiña co padre José, quen sabía facer pases de maxia, entre outras moitas cousas, tamén sabía dar sonoras labazadas aos máis trastes. Condiscípulo inseparable e querido, José Antonio Búa Barreira, tantos xogos compartidos, visitas á biblioteca pública, el sempre con libros de electrónica; eu Tintín, Os sete secretos, As aventuras de Guillerme. Tamén estaban Yuyo, Emilio, Miguel, Eugenio, José María… aínda se escoitan os nosos berros infantís no patio e nas instalacións do colexio, os bos rapaces que pertencían ao internado do colexio, cancións italianas cantabamos no coro, dirixidos e acompañados ao piano por un mozo somasco italiano, de quen xa non reteño o nome, o paso do tempo vai ensombrecendo a memoria; pero, resoan as notas do piano: “Sui monti…”. Aquela mestra inesquecible, dona Elisa Torres, dona Carmeliña tan doce, boa e sensible. As visitas de don Jorge, o inspector (que era crego da familia dos Malvar de Pontevedra), que poñían moi nerviosa a dona Elisa…

Cando as enchentas do Umia, do Bermaña, do río Pequeno non podiamos ir ao colexio, ledicia para os cativos. As películas de romanos (“Vino Constantino y nos trajo la paz”) no salón de actos, que algúns queriamos repetir, cando as volvían a poñer no colexio da Encarnación, case todos antes fixeramos alí parvuliños cunha monxiña tan pequena coma nós, a madre Aurelia… Arrecendo a tinta, secantes, lapis, gomas, libros recén estreados, aquel arrecendo a libros novos e material escolar. Aquel libro inesquecible das primeiras lecturas, HEMOS VISTO AL SEÑOR, ou aqueles RAYAS, AMIGUITOS… as enciclopedias ÁLVAREZ de primeiro, segundo e terceiro graos…

Os colexios de pago tiñan unhas boas instalacións con patios de recreo, zonas deportivas, salón de actos con cine, bos urinarios, aquela parafernalia dos fins de curso con todo o apoio oficial e institucional ao máis alto nivel… Mentres, a escola pública semellaba abandonada de todos, pésimas instalacións, aquel inmundo servicio cun burato de terra sen auga corrente, sen saneamento, as goteiras que amenizaban as clases co clin-clan das pingueiras da auga da chuvia a bater nos cacharros de lata que as recollían. Aquí, novos amigos: Manoliño, Alvarito, Ana, a filla do mestre, un mestre moi querido e recordado, don Victoriano Rosales (que fumaba compulsivamente cigarrillos da marca JEAN). Don Victoriano era o director da Graduada de Caldas e sería o primeiro director do Colexio “Afonso VII”. Que ben ensinaba don Victoriano! Aínda que era moi duro en cuestión de disciplina, era moi bo en Matemáticas, pizarra e pizarrín, canto da Xeografía en pequenos grupos nos mapas, as clases de Relixión os sábados pola mañán, a chegada da televisión escolar cos primeiros programas de Félix Rodríguez de la Fuente (“H-I-J-K-L-M-N-Ñ es la hora de la tele, es la hora de la tele, televisión escolar”), a aventura espacial americana coa misión Apolo, aquel inesquecible xullo de 1969. Qué distintos eran o ensino privado, “de pago” e aquela lonxana escola pública! Don Victoriano Rosales é merecente dun recoñecemento público en Caldas de Reis.

E sempre Caldas de Reis, naquelas brumas de inverno e os baños sabatinos de auga termal en bañeira de cinc. Espertar con arrecendo e sabor de pan recén cocido, daquel pan do forno de Nilda, os Calviño cantando o “Yellow Submarine” co pai tocando a bandurria e os soños quentes de lareira e de amor de avós, lembranzas gardadas no rescoldo do corazón e nas lumieiras, que se difuminan, da mente infantil que aínda revolotea á beira do Umia no Campo da Feira, na centenaria Carballeira de outonos de landras e de lembranzas escolares, de tempos de fanar na belida fervenza de Segade de Arriba… Caldas sempre.

jueves, 1 de abril de 2010

BARCELONA, UN ESPELLO NO QUE SE MIRAR



Non imos descubrir nada se dicimos que Barcelona é unha cidade moi fermosa, ben deseñada e ben concibida e moi querida polos seus cidadáns; verdadeiramente síntense moi orgullosos da súa cidade. E non é para menos, é unha cidade moderna; pero, ao mesmo tempo, unha cidade chea de historia, unha cidade que soubo reinventarse e adaptarse aos tempos. Unha cidade con moita vida cultural e industrial. Exemplo vivo dunha Cataluña puxante e activa.
Barcelona ten uns moi bos medios de locomoción e de transportes que facilitan a vida dos seus cidadáns e dos moitos turistas que a visitan. Non imos referirnos ás numerosas marabillas que alberga e de sobras coñecidas. Imos fixarnos nun detalle, as ansias de eficacia e de industrialidade dos seus habitantes, que constrúen día a día unha cidade viva, dinámica e atractiva, chea de encantos.
Finalmente, destacar, o que é unha lección para todos os galegos, insisto no de todos os galegos, o grande amor que sinten os barceloneses, os cataláns pola súa lingua e pola súa cultura, o que non lles impide medrar en tódolos sentidos e ser uns magníficos anfitrións para todos os de fóra. Os cataláns aman a súa terra, mais non son excluintes.
Síntome ben en Barcelona, en Cataluña e teño envexa pola súa admirable defensa da súa lingua e da súa cultura. Sen dúbida, un espello onde mirarse.

viernes, 19 de marzo de 2010

O DR. PORTO UCHA


Anxo Serafín Porto Ucha (Guláns – Ponteareas, 1945) é un mestre extraordinario, dialogante, traballador; unha exquisita persoa, un dos meus mellores mestres.
Prácticamente recorreu e coñece moi ben todo o sistema educativo español. Comezou de mestre de ensino primario (1973), físoxe pedagogo (1979), estivo nos antigos servizos de orientación e completou os seus estudos universitarios facéndose doutor e accedendo a profesor titor da UNED en Pontevedra (1985). Logo deu o paso a universidade como profesor da Escola de Maxisterio de Santiago de Compostela, convertida despois na Facultade de Educación, onde actualmente o Dr. Porto Ucha é catedrático e vicedecano; pertence ao Corpo de Profesores Titulares da Universidade dende 2007, sendo Vicedecano da Facultade de CC. da Educación da USC dende o 2002.

SÍNTESE DA SÚA BIBLIOGRAFÍA

- La Institución Libre de Enseñanza en Galicia (1986). Que foi a súa tese de doutoramento.

- A Escola Normal de Pontevedra 1845- 1940, (1994).

- Historias de Vida (2003).

- La Institución Libre de Enseñanza y la renovación pedagógica en Galicia (2005). Complemento da súa investigación doutoral.

Unha liña de investigación que actualmente mantén o Dr. Porto Ucha, son os seus traballos sobre a depuración do maxisterio en tempos da dictadura franquista. Froito desas tarefas de rigorosa e fonda pescuda científica, atopamos a seguinte publicación:

- Mestras e mestres pontevedreses depurados polo franquismo. Primeiras accións represivas e estudo por concellos no sur da provincia (1936 – 1942) -2007-.

O Dr. Porto ten aberta unha ampla base de datos sobre o tema, que sen dúbida, dará lugar a novas publicacións.


(A fotografía é un detalle dunha imaxe obtida por Angelines Filgueira Iglesias en 2006)

sábado, 6 de marzo de 2010

A CAMELIA COA QUE ME AGASALLOU XURXO ALONSO





(Nas imaxes a camelia que me deu Xurxo e el no seu obradoiro, retratado polo altruista José Luiz Oubiña, reporteiro gráfico moi coñecido e querido en Vilagarcía)

O meu gran amigo, o poeta e pintor ou pintor e poeta, Xurxo Alonso, tivo a xentileza e a xenerosidade de me agasallar cunha fermosa camelia para ilustrar a cuberta do meu libro de poemas, HIDROMEL, 2007, no que unha grande parte do protagonismo lles corresponde, precisamente, ás camelias, ás camelias das Rías Baixas.

Xurxo Alonso naceu en Bos Aires en 1956 e reside en Vilagarcía de Arousa desde 1964. Aínda que biólogo de carreira, adica a súa vida a arte; pintura e poesía, fundamentalmente. Ten unha longa experiencia tanto en exposicións individuais como colectivas. Dende 1983, non deixa de expoñer constantemente a súa moi valorada obra pictórica, acadando moi importantes e innumerables premios. Tamén recibiu moitos galardóns no eido da creación lírica, os seus primeiros libros de poesía foron:

- ONDE VIVEN OS SAQUEADORES DE NAUFRAXIOS.

- CIDADES DE AREA.

- BREVIARIO DE ALDEMUNDE.


Xurxo é un artista que crea e recrea novos mundos, está adornado dunha exquisita sensibilidade. É unha grande persoa, amable, delicada.
Sirva esta entrada como unha homenaxe e mostra de agarimo cara el e a súa dignísima esposa. E que as musas sigan a visitar o seu obradoiro e o seu escritorio.

sábado, 27 de febrero de 2010

TEMPO DE CAMELIAS


















No meu pequeno xardín
contemplo abraiado
a fermosura das camelias,
na man un libro de poesía,
mentres lembro as notas harmónicas
e melodiosas da Rapsodia Arousá.

Arco da vella multicor,
cores de camelias
que me deixan extasiado.
Ladridos do meu can amigo
no meu recordo a enxebre música
e as verbas senlleiras
dos Seis poemas de mar
in modo antico.

Polifonía de cores
con fondo verde,
escintilar do sol
nos pétalos das camelias
que deitan as bágoas
da xeada
desta fermosa mañán
da invernía,
nun recuncho do Salnés.

Ollo ao lonxe
e segue Cortegada deitada no mar,
o vello petrucio, o Xiabre,
Medulio desexado
que orienta aos mariñeiros
desta Arousa occidental,
matria das
belidas e amadas camelias.

domingo, 21 de febrero de 2010

DÚAS ANÉCDOTAS DE MANUEL MARÍA, POETA





O poeta da Terra Cha, Manuel María (1929-2004), foi un dos primeiros que agasallaron á infancia galega cun memorable poemario: OS SOÑOS NA GAIOLA, do que eu fixen sempre unha gozosa utilización na escola. Aos nenos e nenas, cónstame polos moitos anos de experiencia, gústanlle especialmente os poemas deste fermoso libro en lingua galega.
Aínda que eu me lembro dunha anécdota vivida no curso 98/99, se non me falla a memoria, que nos pode amosar que un pode escribir marabillosamente para nenos e logo na realidade do contacto efectivo con eles, defraudar á infantil audiencia. Moitas veces, soe ocorrer que che gusta moito un libro e logo, ao coñecer ao autor podes quedar decepcionado.
Pois, nesa xa lonxana data, sucedeu que eu traballara durante todo un curso co fermoso libro citado e co disco homónimo do gran e recordado músico galego, Suso Vaamonde, quen musicara algúns dos poemas escritos por Manuel María. Os meus alumnos e alumnas daquela sabían recitar e cantar moitos daqueles fermosísimos poemas. Pois ben, no cole organizamos coa colaboración das Edicións Xerais de Galicia unha visita e un encontro do alumnado con Manuel María. As nenas e os nenos estaban ansiosos por celebrar aquel acto.
Manuel María, acompañado da súa esposa Saleta, escoitou o recitado e as cancións do alumnado reunidos con el e coa súa obra. De súpeto, un neno chamado Brais, hoxe un mozo, espontáneamente, espetoulle a Manuel María con moita ledicia e cun amplo sorriso (Brais era un neno moi vital e alegre):

- “Manuel María, me gustan mucho tus poemas”.

Ao tal oír, Manuel María (perdendo –creo eu- os papeis) enfadouse e botoulle unha retrónica a aqueles cativos impresionante sobre o uso da lingua galega e poñendo a caldo ao pobre Brais. Ignoraba Manuel María, que se trataba de alumnado de Educación Primaria e que Brais aínda non chegara a cumprir os sete anos e ademais vivía nunha zona de predominancia de castelán falantes e pouco favorable para a nosa lingua e a situación non se arranxaba con reproches. Brais non sei se foi moi consciente da perorata do insigne vate. O que si captou, foi que alguén a quen lle dixo algo agradable ; respostoulle de xeito irado, dándolle unha reprimenda.
Despois, deste insufrible e bochornoso momento de tensión, seguíu o acto, para rematala, con outra anécdota total, Carla, unha compañeira de clase de Brais, comezou a cantar o poema GALICIA, co que principiaba o libro; pero, cando aínda non rematara de cantalo, enlazou cantando HEIDI, MARCO (podedes maxinar a cara rara, de estrañeza do poeta). Tampouco se decatou de que a nena ao cantar o seu poema xunto a dúas cancións infantís, correspondentes a dúas series de TV moi famosas e populares e queridas pola infancia, o que lle estaba a amosar Carla ao poñer o seu poema no mesmo plano que esas dúas cancións, no seu plano dos afectos, estaba dicindo que valoraba e quería moito ese poema galego tan recoñecido e que o tiña moi asumido na súa mentalidade infantil. Esto debera ser un motivo de satisfacción para o poeta e non de rexeitamento e podería aproveitar o acto dun xeito positivo para que os nenos seguiran ampliando o seu amor pola poesía e pola lingua galega.
En fin, o acto estivo un tanto deslucido pola actitude incomprensible do poeta.
Claro, quizais non estaba acostumado ao trato cotiá cos nenos e nenas. El fora Procurador dos Tribunais e rexentara unha librería en Monforte de Lemos, a sensibilidade que amosou ao compoñer o libro, non a demostrou coa súa actitude persoal neste contacto directo coa infancia.

Foron dúas anécdotas que despois de tantos anos agroman na miña lembranza. Estiven noutras conferencias e actos para adultos protagonizados por Manuel María e a cousa foi diferente, recordo que foran unhas magníficas intervencións do escritor. Naturalmente, é ben distinto escribir para nenos que tratar con nenos, que manter un acto compartindo o tempo con eles en vivo e en directo. Tamén, ao mellor, o escritor non soubo contextualizar axeitadamente a súa actuación naquel acto.

A pesares de todo, o libro e o disco son marabillosos, recomendo, unha vez máis, a todos: OS SOÑOS NA GAIOLA.

(Nas imaxes un meu debuxo, retratando ao poeta, e un autógrafo de Manuel María daquel memorable e inesquecible día).