viernes, 20 de diciembre de 2024

HOMENAXE EN OURENSE AO PROFESOR ANTÓN COSTA RICO, 18-12-2024 18:00

Ofrecemento dun libro como agasallo a un dos fundadores da nova Pedagoxía en Galicia

Un dos grandes da Historia da Educación de Galicia con proxección internacional

Aquí uns pedagogos galegos, amigos e admiradores dun dos grandes da nosa Pedagoxía

O prezado profesor Cid comentando a súa contribución no libro ofrecido ao profesor Costa

Ao fondo, meu querido mestre, o Dr. Cid Fernández


Dirixindo unhas palabras de agarimo e admiración cara o Dr. Costa Rico

Ofrezo uns pequenos micro vídeos desta homenaxe na Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, presidida pola Decana María Isabel Mociño.







Longa vida ao Dr. Antón Costa Rico e á Pedagoxía de Galicia, que teñamos a ilusión e emprendamos as accións concretas por mellorar a educación e soerguer á nosa amada Galicia e non deixemos de utilizar nunca a nosa lingua galega, esencia do noso ser e estar no mundo.




















 

viernes, 13 de diciembre de 2024

PAZ MÁIS PAZ - PEACE MORE PEACE - LA PAIX PLUS DE PAIX

 


PAZ PERSOAL, PAZ SOCIAL, PAZ MUNDIAL

Sen paz non pode haber Nadal; guerras e violencias son incompatibles co Nadal.


Quixera 

para todo ser humano

paz interior, persoal

e tamén social.


Que un poida

saír á rúa

e pasear polo seu barrio

sen perigos e sen violencias.


Durmir no fogar

a perna solta

e que a mañanciña unha raiola

de luz feliz entre pola fiestra.


Que as crianzas

e a mocidade

xoguen e se divirtan

seguros polas rúas e prazas.


Ver xogar á infancia

con pelotas, bolas e buxainas

polos camiños da vila;

as rúas e prazas para os cidadáns.


E aquel que se chama Lourenzo

do ceo pendurado lance

seus raios, seu calor, súa luz

para que os velliños desfruten á raxeira.


Que un avó

poida ter no seu colo

á súa netiña

e os dous poidan durmir tranquilos a siesta.


Que cantos de luz

e de esperanza

percorran o mundo;

cidadáns libres e en paz.


Calen para sempre

as armas

e os cucos e os merlos da paz

canten para todos nós.


Xermán Torres


Neste Nadal só quero paz.




martes, 26 de noviembre de 2024

FEDERICO GARCÍA LORCA EN VILAGARCÍA DE AROUSA, 29 DE AGOSTO DE 1932


É sabida a querencia de Federico García Lorca (1898-1936) por Galicia, onde estivo en distintas ocasións, a primeira en 1916, sendo un xove estudante e unha especialmente moi interesante para nós, o seu percorrido por Galicia en agosto de 1932 dirixindo o grupo de teatro universitario LA BARRACA, achegando o teatro clásico ao pobo. Pois ben, o luns, 29 de agosto de 1932, estivo en Vilagarcía de Arousa coa Barraca realizando unha concorrida e popular representación teatral na praza do pescado, que teremos que indagar se é a que se corresponde coa actual praza da Peixería, conseguíu o emprazamento para a actuación Manuel Rey (entendemos nós que Manuel Rey Posse, o grande artista e activista cultural vilagarcián).


O programa sería moi semellante ao desenvolvido na cidade da Coruña o 22 de agosto de 1932, que se pode observar nese cartel reproducido. Antes de vir a Vilagarcía estiveron os días 27 e 28 dese mesmo mes na cidade de Pontevedra, a onde Federico volvería en novembro de 1932. Entendemos nós que tanto en Pontevedra como en Vilagarcía representaron ENTREMESES de Cervantes.

Federico mantivo unha boa amizade con Guerra da Cal e Eduardo Blanco Amor, os que dalgún xeito colaboraron con el na escritura dos seus famosos SEIS POEMAS GALEGOS de Lorca, cuxa primeira edición correu a cargo da editorial Nós o 27 de decembro de 1935, da que era propietario Ánxel Casal, o alcalde de Santiago asesinado polos golpistas en 1936, a mesma sorte que correrían Federico García Lorca, Bóveda e por desgracia tantas outras persoas pola barbarie da nosa triste e lamentable Guerra Civil (1936-1939).
 Ademais das razóns literarias e de aprecio da fermosura e do impacto que lle causou Galicia ao poeta granadino, había outras razóns de tipo amoroso que atraían a Federico a Galicia e máis concretamente a Santiago de Compostela e que nos ten comentado o profesor e intelectual Xesús Alonso Montero.

Filgueira Valverde, mantivo algúns contactos con Lorca, incluso presenciou no teatro en Madrid algunha estrea das súas famosas obras dramáticas. E Filgueira pensaba incluir a Federico García Lorca  como poeta galego na súa ANTOLOXÍA CONSULTADA DE POESÍA GALEGA, obra que deixou póstuma e da que hai unha edición de Ana Acuña e Alonso Montero.

Na actuación de Lorca coa Barraca en Vilagarcía xa teño escrito aquí a anecdota da entrega dun ramo de flores por parte de Xaquina Trillo e das súas mozas amigas andaluzas a Federico na representación desenvolvida na capital arousá. Da dita representación hai unha reseña do Faro de Vigo do día 31 de agosto de 1932. Estes días ando a indagar en Galicia Nueva e no libro de plenos do Concello de Vilagarcía de Arousa correspondente ao ano 1932, por se topo máis referencias da estancia de Lorca en Vilagarcía.

Na miña mente bule argallar algo para lembrar este feito histórico Lorca e a Barraca en Vilagarcía de Arousa o 29 de agosto de 1932, sabemos que a función teatral rematou con enorme éxito a altas horas da madrugada.

Compre seguir investigando sobre este acontecemento literario de tan grande relevancia para Vilagarcía como parte do periplo de Lorca en Galicia en agosto de 1932.

PARA CONSULTAR:



https://chusrios21.blogspot.com/p/la-barraca.html

Filgueira Valverde, X. (2008). Os poetas galegos (1936). Antoloxía Consultada. Xesús Alonso Montero et Ana Acuña (Eds.). Museo de Pontevedra / Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, p. 36.

Hai poucas testemuñas gráficas do paso de Lorca coa Barraca por Galicia. Descoñecemos se quedou algunha fotografía de Lorca en Vilagarcía, ofrecemos algunhas das poucas imaxes que coñecemos desa época:

Lorca cuns amigos na Quintana (Santiago de Compostela, 1932)

O camión da Barraca en Avilés, 1932
(Diario de Avilés)
Despois da estadía en Galicia (agosto de 1932) pasaron por Asturias

Lorca no estudo da súa casa co mono típico e co cartel da Barraca detrás







 

domingo, 17 de noviembre de 2024

CASTELAO, PRIMEIRO PRESIDENTE DE GALICIA - Parlamento de Galicia, venres, 15 de novembro de 2024, 18:00 h.

 

Autocaricatura exposta na Sala Castelao do Museo de Pontevedra

Convidado polo Secretario Xeral do Partido Galeguista (PG), meu benquerido amigo, o popular Chesqui, promotor deste merecido e xusto acto na honra e no recoñecemento do grande CASTELAO, xa non era sen tempo! asistín no Parlamento de Galicia á conmemoración do LXXX Aniversario da Constitución, en Montevideo no ano 1944, do Consello de Galicia, que presidiu ata o seu pasamento o ilustre rianxeiro, a figura máis importante da política e da cultura de Galicia do século XX, un personaxe polifacético que ofrendou a súa vida ao servicio de Galicia e da súa lingua. Por iso, con toda xustiza é considerado o primeiro Presidente de Galicia.
O acto desenvolveu o seguinte guión:

1.- Palabras de apertura polo Presidente do Parlamento de Galicia
2.- A Presidenta do Consello da Cultura Galega pronuncia o seu discurso para logo dar paso ao profesor e historiador Ramón Villares, quen diserta sobre a Constitución do Consello de Galicia en Montevideo, o 15 de novembro de 1944, no seu relatorio fai a historia desta importante institución, esencial na historia contemporánea de Galicia e do imprescindible e insuperable labor do seu presidente Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 - Bos Aires, 1950).
3.- Parlamentos con pausas para interpretar fermosas cantigas.
4.- O Presidente da Fundación Castelao deu paso ao Presidente do PG, promotor deste acto co apoio de todas as forzas políticas representadas no Parlamento de Galicia, os representantes das diversas portavocías de ditas forzas políticas fixeron uso da palabra para respaldar e apoiar a proposta de nomear a Castelao como I Presidente de Galicia, interviron, segundo a norma parlamentaria, pola seguinte orde: DO, PSOEg, BNG, PPg.
5.- Recitado dun poema de Ramón Cabanillas á morte de Castelao.
6.- Finalizou o acto co canto por todos os presentes do Himno Galego.

De que morte morreu a nosa prenda?
Morreu de amor á Terra.

Botei de menos neste acto ao prezado Chesqui, asunto que comentaban varios dos presentes, pero enterámonos que estaba en Bos Aires, nun acto conmemorativo do aniversario do Consello de Galicia. Sabido que os emigrados e exiliados de Latinoamérica acolleron e coidaron ao gran Castelao no seu obrigado e triste desterro, inexcusable, pois a presencia do Secretario Xeral do PG na querida Arxentina.

REPORTAXE GRÁFICA DE XERMÁN TORRES







Presidente do PG

O presidente da Fundación Castelao cos representantes dos partidos políticos











Chesqui, Secretario Xeral do PG, en Bos Aires
































sábado, 2 de noviembre de 2024

UNHA AGRADABLE PAUSA CAFÉ CON DON XESÚS ALONSO MONTERO

Don Xesús coa estilográfica coa que o agasallou a Mesa das Verbas

Foi unha honra facerlle entrega do agasallo da Mesa das Verbas



D. Xesús Alonso Montero, do que me gabo de telo como un ilustre amigo e un gran mestre "gratuito". Estudoso filgueiriano coma mín, o seu magnífico libro: BIOGRAFÍA INTELECTUAL DE FILGUEIRA VALVERDE (2015) e a súa importante contribución a que nese ano 2015, por fin se lle dedicara o DÍA DAS LETRAS GALEGAS, con todo elo deunos unha nova lección a todos os galegos ao superar sectarismos e partidismos, e ao tomar parte nesa decisión no 2015 sobre D. Xosé, tan lonxe del no plano ideolóxico; pero, non desde o punto humano e na xusticia científica e literaria de escoller para ese día a unha persoa amante da lingua e da literaturas galegas e cunha magna obra escrita na nosa lingua. Grazas a D. Xesús, unha persoa que non renuncia aos seus principios ideolóxicos, publicamente coñecidos e difundidos por el mesmo, unha persoa coherente, aberta, dialogante. Un gran erudito e sabio investigador humanístico. 
Parabéns don Xesús por ser como é e por ter traballado a prol de Galicia e do galego, antes en tempos máis convulsos e nos que, ás veces, tivo que pasar por momentos desagradables e complicados. E hoxe, que son momentos difíciles para a nosa lingua e a nosa cultura, pero temos a sorte de poder contar coa súa voz e coa súa valente testemuña, oxalá todos lle fixeramos máis caso, e que Galicia recollese as reflexións dun sabio vivo de Galicia, sen sectarismos nin partidismos; a lingua galega e cousa de todos, responsabilidade de todos os galegos. Grazas mestre! E como din os mariñeiros de Vilaxoán e de Galicia que vostede coñece tan ben: SEMPRE AVANTE!!!










 

domingo, 6 de octubre de 2024