sábado, 18 de septiembre de 2010

CAMBA, ÚLTIMA EDICIÓN (I)


Segundo as notas tomadas na xornada, celebrada no Salón de Actos da Casa do Mar de Vilanova de Arousa, o mércores 15 de setembro de 2010, sobre JULIO CAMBA ANDREU (Vilanova de Arousa, 1882 - Madrid, 1962), imos facer a partires de agora, tres crónicas, en entradas sucesivas, que reflicten os actos celebrados na sesión de mañán de dita xornada, que xiraba encol do famoso xornalista e escritor vilanovés.
Sobre as 10:30 h., Xosé Xoán Durán Hermida, Vicepresidente da Deputación Provincial de Pontevedra e Concelleiro de Cultura de Vilanova de Arousa, acompañado do Sr. Teniente Alcalde do Concello vilanovés, en representación do Alcalde, do Director da UIMP en Galicia, Xosé Luis Barreiro Rivas, do Director da Xornada, Fermín Galindo Arranz e dos señores profesores que ían intervir no acto, dirixe unhas verbas iniciais de saúdo e de acollida, tamén de agradecementos que dan inicio a dita actividade universitaria formativa e de homenaxe a Camba.
Cédelle a palabra ao profesor Galindo, quen se sinte vinculado a estes actos sobre Camba en Vilanova, dende os cursos de verán de 2005. Tamén indica que o interese por Camba segue vixente, o que demostran as teses de doutoramento sobre a súa figura, unha última en Brasil, a reedición das súas obras,... Que amosan a importancia deste singular xornalista e escritor. Seguidamente fai unha lembranza emotiva e de recoñecemento cara D. José Vilas Nogueira, profesor e articulista, quen compartía con Camba unhas características definitorias das súas obras. Cales son, a utilización da síntese e da frase curta, da fina ironía galega por medio da retranca e do humor, o que supuña unha gran mestría na utilización e no dominio da linguaxe. De aí que moitos dos artigos e das obras de Camba teñan plena vixencia e se poidan ler hoxe con total normalidade e cheos de contemporaneidade; por eso, son dignos de admiración.
A continuación o Sr. Durán cédelle a palabra a Xosé Luis Barreiro Rivas, quen comeza dicindo que a súa presencia en Vilanova e nestas terras do Salnés vén de lonxe por variados motivos, por seus cargos políticos e tamén por motivacións de carácter afectivo.
Agradece ao Vicepresidente da Deputación polas súas axudas á UIMP. E ao profesor Galindo por ter aceptado a dirección do curso.
Segue a dicir que os cursos de verán achegan temas tratados con rigor a un público variado e interesado en temáticas que as veces non teñen acubillo na universidade convencional.
Continúa argumentando que Camba era un xornalista de vocación, non de formación. Foi un periodista de raza. O verdadeiro periodista debe saber onde está o problema e utilizar a parábola, o símbolo para explicalo con brevidade e prontitude cunha linguaxe fácil e áxil. Camba era quen de posuír esas virtudes do xornalismo. Foi un viaxeiro e un políglota. Tivo que compoñer as súas crónicas en tempos difíciles, en tempos de guerra. Coñeceu in situ os lugares, as xentes e soubo, como ninguén, como transmitir as crónicas, naqueles tempos en que ata eso era difícil.
Xulio Camba foi polifacético como escritor. Gran gastrónomo, magnífico escritor de viaxes, excelente humorista. Era un intelectual creativo e constructivo. Hoxe suscita interese para os estudantes e estudosos do xornalismo e non deixa de medrar o seu interese por el.
Despois das verbas do Sr. Barreiro, dase por inaugurada a xornada. Deseguido comezarían as dúas ponencias, das que noutras entradas, faremos a súa síntese.

No hay comentarios: