sábado, 7 de mayo de 2011
REPORTAXE MAIOS-2011 EN VILAGARCÍA DE AROUSA
Como cada 1 de maio, celebrouse en Vilagarcía de Arousa a Festa dos Maios, sendo realistas, se non fose polos centros educativos esta festa estaría desaparecida. Os veciños, as asociacións, os particulares non participan e é unha mágoa. Este ano non asistiu a Asociación Contra Vento e Marea do barrio de A Laxe, despois de tantas edicións con destacadas intervencións. Que pasa na Laxe? Xa non hai nenos? Xa non hai ilusión? Non sei como, pero habería que ir pensando en revitalizar esta fermosa tradición, si, hai moita xente mirando; pero, é preciso dar un paso máis, participar.
Nesta edición de 2011 o animador da festa foi o noso bo amigo, o folclorista, Carlos Rey Cebral.
Imos facer unha pequena selección das letriñas de dous dos colexios, que segundo o noso criterio, foron os que mellor as interpretaron, trátase dos colexios vilagarciáns de O PIÑEIRIÑO e do ANEXO A LOMBA.
A Mostra dos Maios celébrase dende hai uns poucos anos no Parque Miguel Hernández, o que é un acerto. Non obstante, habería que probar un ano a celebrala na Praza de Galicia e na rúa Castelao, hoxe en día, un dos lugares máis frecuentados da cidade.
- CEIP O PIÑEIRIÑO:
Fixemos o maio
con flores e fiunchos
e agora o cantamos
aquí todos xuntos.
Fixemos colares
con margaridas
das amarelas
que son máis bonitas.
Estes maios
adornamos
con laranxas
e ovos cucados.
Levántate maio
bastante durmiches
pasou un burro
e non o sentiches. (Interpretadas ao xeito de Vilafranca do Bierzo).
Decidir a quen votar
ten moita complicación
vaian antes a comer
e despois á procesión.
Ademais o Piñeiriño
estase modernizando
coas novas tecnoloxías
temos para ir tirando.
Coa pizarra dixital
eu abraiado me quedo
porque para escribir
temos que darlle co dedo.
Desexámoslle un bo día
e que voten con acerto
e que veña Santa Rita
con calor e tempo seco.
Catro arroaces
entraron pola ría
quedaron abraiados
de Vilagarcía.
A pesar de todo
podemos presumir
das vistas tan bonitas
do paseo ata Carril.
Os da nosa anpa
reclaman e reclaman
pero a beirarrúa
aínda non se arranxa.
Ata aquí chegamos
xa poden aplaudir
e si lles gustou
podemos repetir.
- A.N.P.A. do Colexio Anexo "A Lomba"
Hoxe día un de maio
vimos todos a cantar
con risas e alegría
ímolo pasar xenial.
A violencia nas mulleres
non resolve os conflictos
por iso berramos xuntos
TODO ISO SON DELITOS!
Non hai moito que o concello
decidiu sacar os bancos
os que estaban na Ravella
os tiraron ao barranco.
Aos rapaces do Anexo
tamén lles gusta comer
e grazas a Antena 3
o taxi poden coller.
E agora nos marchamos
cantando esta canción
ata o ano vos dicimos
Nosa querida afición.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario