viernes, 1 de julio de 2011

DESCONTENTO XERAL


MOTIVOS PERSOAIS, SOCIOPOLÍTICOS PÓDENNOS LEVAR A UN ESTADO DE INDIGNACIÓN INDIVIDUAL E COLECTIVA. PERO ESTE ESTADO DE CRÍTICA E AUTOCRÍTICA TEN QUE SER ALGO CONSTANTE. NON PODEMOS PARARNOS NIN DURMIRNOS, AS INQUEDANZAS E COMPROMISOS TEÑEN QUE SER UNHA CONSTANTE, A PARTICIPACIÓN CIDADÁ TEN QUE ESTAR SEMPRE ACTIVA. A CRISE É PERMANENTE, NO SENTIDO DE QUE A PERSOA E O MUNDO ESTÁN EN CONSTANTE CAMBIO, EN PERPETUA EVOLUCIÓN. O PROBLEMA É QUE LEVABAMOS MOITO TEMPO NARCOTIZADOS, COMO ACOMODADOS, COMO QUE ESTO NON VAI COMIGO. MENTRAS HAXA INXUSTIZA, FAME, PARO, GUERRA, DOR EN CALQUERA PARTE DO MUNDO, NON PODEMOS PERMANECER INDIFERENTES.

É evidente, que tal como está a producirse o "devenir" das actuacións do ser humano neste aínda fermoso planeta, non se pode xerar un estado de complacencia e aceptación. O mundo vai mal, leva estando mal desde sempre, sobre todo, dende que a especie humana domina, ou cre dominar a situación. Debemos tomar conciencia que todos, tanto a nivel individual, particular como social temos que facer algo e axiña. Tampouco debemos descargar toda a culpa na clase política, que a ten; senón, en todos e cada un de nós. Hai políticos corruptos porque hai un pobo que llo permite e tamén comparte esa corrupción, dalgunha maneira a alimenta porque tamén participa dela. E logo cedemos completamente a soberanía do pobo nos políticos que din nos representar, e a soberanía non se pode entregar totalmente, os políticos non se poden apropiar dela. Pero, durante moito tempo fomos uns "pasotas", no tempo das vacas gordas miramos para outro lado, aceptando todo. E agora volveron os tempos duros para a inconsciente e pretendidamente rica Europa; diría eu, corrompida Europa, caduca Europa, onde a profunda crise de grandes e positivos valores vén larvada dende hai moito tempo. Só nos preocupaba a economía, só mirabamos o noso propio embigo.
As nosas actitudes egoístas, consumistas, materialistas están a destrozar o noso planeta e será a causa da nosa propia perdición. Que planeta terán en herdanza os nosos netos e bisnetos? Mais, diante este estado de cousas, algo poderemos facer?

- Dotarnos dun mellor comportamento ético e moral, esixirnos e esixir que todos cumpramos co noso deber, buscando a excelencia a nivel persoal e social.

- Ter respecto polo ben común. Traballar polo benestar de todos.

- Co traballo ben feito, intentar brindar oportunidades a toda a mocedade, de traballo e de estudos; darlles un futuro polo que eles tamén terán que loitar.

- Deixar e conservar un planeta habitable para todos os que recibirán en herdanza a Terra, por medio da conservación da natureza e nun decrecemento que se terá que dar cunha economía sostible, razoable ao servizo da Humanidade e da Terra. Eliminar drasticamente unha contaminación bestial e destructora de vida.

- Ofrecer aos anciáns seguridade e protección na súa vellez.

- Rachar coa dinámica do envellecemento poblacional. Sen nenos non hai futuro. As sociedades vellas demograficamente (a velliña Europa -a moi vella Galicia-) perden peso económico e político e tenden a extinción. (É un dos máis graves problemas que temos na querida Galicia).

- Non eludir a nosa responsabilidade de traballar polo ben social e por unha sociedade xusta e sostible.

- Non basta só con indignarse e plantexar asambleariamente acordos moi fermosos e razoables, hai que pasar a acción e traballar pacificamente para que se cumplan para todos os Dereitos Humanos.

- Participar responsablemente na vida social e política para garantizar a todo ser unha vida digna e de realización persoal e social.

- Hai un mínimo de benestar social que se debe garantir para todos (son dereitos constitucionais no noso país):

. Dereito á vida

. Dereito a un traballo digno

. Dereito á educación

. Dereito á saúde

. Dereito a unha vivenda digna

. Dereito á liberdade

. Dereito á particpación cidadá na vida social e política

. Dereito a identidade propia e a pertencer a unha familia

E todos os dereitos e deberes sociais privados e grupais que todo Estado de Dereito debe garantir ao pobo soberano.

Toda persoa debe ser axente activo na súa vida individual e social e debe colaborar na construcción dun mundo novo máis xusto e feliz para todos. Coa solidariedade e coa paz seremos constructores dese mundo distinto, desexable, urxente.

Non val só a protesta, hai que se implicar e comprometerse na construcción dunha cidade nova, unha cidade xusta e máis humana; como cantabamos xa nos anos 70.

Para esixir aos demais, hai que esixirse a un mesmo.

(Recomendo o visionado, a escoita ou a lectura do discurso final da película de Charles Chaplin "Charlot": O GRANDE DICTADOR).

No hay comentarios: