jueves, 21 de julio de 2011

A Terra do Ouro
















O día 17 de maio de 2011 un grupo de amigos fixemos unha viaxe turística por terras de Ourense. Fermosa cidade do interior de Galicia, a antiga Auria, fai lembrar a riqueza en ouro, de aí o nome, que se podía atopar nas concas do Sil e do pai Miño, os románs (segundo se di) deron boa conta dese ouro.
Ourense tivo un pasado comercial interesante relacionado co mundo da pel e do calzado, do que aínda se poden atopar vestixios. Tamén por aquí houbo experiencias de industrias agropecuarias, xestionadas como cooperativas.
Os ourensáns son emprendedores e traballadores, como toda Galicia sofreu as terribles consecuencias da emigración. Podíase topar un paragüeiro en calquera parte do mundo. Famoso foi o Centro Ourensán de Bos Aires, onde foi recibido o grande Castelao.
Eminentes compañeiros da xeración de Castelao, a Xeración Nós, eran ourensáns, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Cuevillas (mestres e amigos de Filgueira Valverde). A revista homónima e voceiro do grupo tivo a súa mellor época cando foi deseñada dende Ourense con Risco e Castelao como directores.
Ourense atesoura riquezas culturais, patrimoniais e naturais, na selección de fotos que ilustran esta entrada podemos ollar algunhas.
Ourense dorme aloumiñada nos veráns polos efluvios que xorden das augas do pai Miño e que fan máis levadeiras as "esmorgas" de cantos visitan as súas históricas rúas. Fixemos un pequeno percorrido seguindo o roteiro dos esmorguistas da famosa novela do lembrado Eduardo Blanco Amor, quen tivo que vivir alonxado da súa terra e de seres tantas veces incomprendido. Para el e para todos os ourensáns a nosa admiración e o noso agarimo por tantas riquezas, sobre todo, tantas riquezas inmateriais que non hai ouro no mundo que as poida pagar.

No hay comentarios: