sábado, 15 de octubre de 2011

UNHA VISITA AO MOSTEIRO DE SANTO ESTEVO DE RIBAS DE SIL












O 17 de maio de 2011, un grupo de catequistas da parroquia Santa Baia de Arealonga de Vilagarcía de Arousa fixemos unha interesante visita ao Mosteiro benedictino de Santo Estevo de Rivas de Sil, despois de teres estado na capital da provincia, a fermosa cidade de Ourense. Tanto o mosteiro como o entorno onde está situado son algo extraordinario. Riqueza paisaxística, artística e histórica á que deseguido nos imos referir nesta sinxela reportaxe. Pero, antes de nada, recomendamos a todos visitar este fermosísimo enclave da nosa querida Galicia, nai e señora.
O mosteiro está situado na actual parroquia homónima do Concello de Nogueira de Ramuín, nunha zona onde conflúen os ríos Miño e Xil. Unha natureza privilexiada de frondosos bosques de castiñeiros, acariñados polo pai Miño e o caudaloso Sil, para facer certo o refrán de que o Miño leva a sona e o Sil o caudal. Preto do famoso canón do Sil e na histórica Ribeira Sacra, chea de tesouros artísticos na forma de innumerables e sorprendentes mosteiros. Paralelamente, atopamos típicos lugares onde as vides e as cortizas das abellas ascenden polos montes enriba, en ladeiras empinadas e características. Podemos dicir que son terras fértiles que manan leite, viño e mel. Todo o mundo debera coñecer e gozar desta comarca da Galicia profunda, tan fermosa e tan descoñecida; quizais agora menos.
"Nos tempos de San Martiño de Dumio (s. VI) prodúcese unha espléndida floración relixiosa nos vales dos ríos ourensáns (Arnoia, Avia) e especialmente Miño-Sil" na chamada Ribeira Sacra como se pode comprobar en documentos do século XII.
O primeiro documento referente ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e do século X. "Trátase dun privilexio outorgado no ano 909 polo rei Ordoño II, a petición do conde Gutierre Meléndez e de Franquila, primeiro abade coñecido do mosteiro".
"A tradición asegura que foi o mosteiro de Santo Estevo refuxio de nove santos bispos (de Ourense, Iria, Coímbra e Astorga) e de aí que o seu blasón leve nove mitras".
Santo Estevo chegou ser o centro da "Rivoyra Sacrata". Moitas marabillas de todo tipo ofrécenos esta fermosísima comarca ourensá, que todos deberamos coñecer e admirar.

MÁIS INFORMACIÓN

- Diccionario Enciclopédico Galego Universal. T. 45, p. 19.

- Gran Enciclopedia Gallega. Tomo 22, p. 204.

- http://www.ourense.com/santo-estevo-de-ribas-de-sil/

- www.turgalicia.es/sit/ficha_datos.asp?crec=5216&ctre=1212&cidi=E">

No hay comentarios: