lunes, 24 de octubre de 2011

X MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE






Do 24 ao 27 de outubro vaise desenvolver o Memorial Filgueira Valverde, do presente ano 2011 no que se celebra a décima edición. Nesta oportunidade dedicado ao eminente erudito redondelán, Casto Sampedro y Folgar (1848-Pontevedra, 1937), quen fora a alma pater da Sociedad Arqueológica pontevedresa (1894-1937), que sería o xérmolo do Museo de Pontevedra. D. Casto foi un dos mestres gratuitos de Xosé Fernando Filgueira Valverde, quen desde moi noviño foi un estreito colaborador do grande intelectual e sabio que foi D. Casto, quen sería o primeiro Director do Museo de Pontevedra, Filgueira sería o primeiro Secretario Técnico e o terceiro Director do Museo, despois do breve paso de Álvarez Limeses pola dirección da importante institución museística pontevedresa.

24/10/2011, 20:00 h. APUNTAMENTOS DA CONFERENCIA DO DR. XOSÉ CARLOS VALLE PÉREZ

TÍTULO DA CONFERENCIA: Casto Sampedro, a Sociedad Arqueológica e a memoria de Pontevedra.

A deputada provincial, representante da Deputación Provincial de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez preside a mesa que inaugura este X Memorial, acompañada pola Vicerreitora do Campus de Pontevedra, da Universidade de Vigo, Antonia Blanco Pesqueira e polo representante de NovaCaixaGalicia, José Zarte, como polo Director do Museo de Pontevedra e primeiro conferenciante, o xa mencionado, Xosé Carlos Valle Pérez.

A Sra. deputada cédelle a palabra á Vicerreitora que salienta que este memorial se celebra cada outono, constituindo un feito cultural de suma importancia para Pontevedra dende hai dez anos e que é posible grazas ao labor da Cátedra Filgueira, mantida pola Universidade de Vigo coa colaboración do Museo de Pontevedra, da Deputación Provincial e de NovaCaixaGalicia. Indica a pertinencia de ter presente hoxe a relevante figura do erudito, Casto Sampedro y Folgar e poder contar con Xosé Carlos Valle Pérez como conferenciante, que posúe información de primera man sobre o homenaxeado e quen mellor que el para disertar sobre este tema, de vital importancia para a cidade e provincia de Pontevedra.

A presidenta da mesa cédelle a palabra ao representante da entidade financieira, quen considera moi apropiado que sexa Xosé Carlos Valle Pérez quen abra este ciclo de conferencias, por ser en grande parte herdeiro de D. Casto Sampedro e de Filgueira Valverde, Valle xa leva dende 1986 á fronte deste Museo, xa cumpriu as bodas de prata como máximo responsable da casa que axudaron a erguer e consolidar D. Casto e D. Xosé Fernando.

Finaliza o acto de presentación a Sra. deputada provincial, que ensalza a figura de Casto Sampedro pola súa valía cultural e académica. Pero aínda é un personaxe pouco coñecido e a súa obra non está o suficientemente espallada entre o gran público. Foi un personaxe ao que lle debemos a preservación do patrimonio histórico-artístico da provincia e quen mellor que Valle Pérez para ilustrarnos no tema. Déixoos nas mellores mans, engadiría para rematar.

Valle Pérez comenza a súa intervención con palabras de agradecemento para os representantes da Deputación, Universidade e entidade financieira por terse dedicado a súa persoa con palabras tan amables e inmerecidas.

Valle preséntanos, por medio da montaxe de diapositivas, tres fotos, unha, das ruinas de San Domingos de Pontevedra; outra, da fonte da Peregrina e, finalmente, outra, do gaiteiro, Carlos Núñez; e comenta, que por medio da súa exposición, imos comprobar que as tres teñen que ver con D. Casto Sampedro y Folgar.
Moitos pontevedreses non saben que na súa cidade hai uns xardíns que levan o nome do ilustre redondelán e moitos máis non saberán onde quedaba a súa casa, no seu despacho de avogado celebrábase unha recoñecida tertulia á que Filgueira Valverde asistía dende moi novo.
Desgraciadamente D. Casto Sampedro y Folgar é un descoñecido para o gran público e non recibe o recoñecemento do que é merecente xa que foi un grande intelectual e investigador. El puso os fundamentos e abreu camiños para que outros poideran seguir investigando e facendo diversos estudios de interese. Foi unha grande figura, un sabio, un home con moitos saberes. En abril de 2012, celebraremos o LXXV aniversario do seu pasamento, xa que faleceu en Pontevedra nese mes de 1937, naceu en Redondela en 1848.
Está demostrado que realizou estudios eclesiásticos nos seminarios de Tui, Ourense e Santiago, que abandoa para licenciarse en Dereito na universidade compostelá. Pasou a exercer a avogacía no seu pobo natal; pero, por desavenencias coas autoridades locais, veuse obrigado a trasladarse a cidade de Pontevedra onde abreu un despacho xurídico que tivo moita relevancia e prestixio. D. Casto foi moi ben acollido na capital e integrouse perfectamente na vida cultural e social da cidade, chegando a ser un dos seus principais protagonistas e sendo líder e mestre de moitas xeracións de pontevedreses. Formou parte do partido conservador e chegou ser Presidente interino da Deputación Provincial en 1930. Emparentou cos Mon por vía matrimonial, unha influínte familia pontevedresa de orixe asturiano.
No verán de 1894 vai tomamndo forma o que sería a Sociedad Arqueológica de Pontevedra, entidade de vital importancia polo seu labor cultural e de defensa do patrimonio histórico-artístico e monumental de Pontevedra e a súa provincia. Naqueles intres, Pontevedra era unha cidade pequena de aproximadamente vinte mil habitantes. Cidade pequena, pero moi activa cultural e políticamente, non hai que esquecerse que naquela época pasaban as vacacións de verán de tres meses, personaxes tan influintes na vida nacional da talla de Montero Ríos, González Besada, o Marqués de Riestra. Foi a primeira cidade galega en empregar a enerxía eléctrica para iluminar espazos públicos, antes que a señorial cidade da Coruña e da industriosa de Vigo. Destacaba pola súa cultura e polas múltiples iniciativas que nela se producían, era unha cidade con moitas imprentas. Aquí veu a luz por vez primeira en 1895, a publicación FEMENINAS de Valle-Inclán, editouse tamén GALICIA MODERNA. Existían numerosas e ben dotadas bibliotecas privadas, como a de Jesús Muruáis, nela coñeceu Valle-Inclán o Modernismo. Gracias a elas, Pontevedra estaba perfectamente informada e chegaban todas as novedades do momento. Naquel entón o referente mundial da cultura era a cidade da luz, París.
O 16 de setembro de 1899 celebrase unha importante reunión, na que entre outros participan Roxelio Lois e tamén Casal, que formaban parte da Comisión Provincial de Monumentos, eles levantan a opinión xeral e impiden a demolición das ruinas do antigo convento dominico de San Domingos, salvando os importantes restos da orde dos predicadores, que chegou ser o primeiro monumento nacional declarado en Pontevedra. Anteriormente, o 24/09/1894 tíñase celebrado unha reunión para crear a Sociedad Arqueológica. Levantouse acta e redactouse o regulamento, seguramente no despacho da casa de D. Casto, que estaba situada moi preto da Peregrina, onde hoxe está a famosa bocatería, Tío Gilito, a carón do recén remozado Bar Savoy, alí vivía D. Casto naqueles tempos xa históricos.
As ruinas de San Domingos acabarían por converterse na sede da Sociedad Arqueológica, redactouse un regulamento da mesma e dende as súas orixes hai unha vinculación clara coa Deputación Provincial, agás do desencontro de 1910/1911, ao que máis tarde nos referiremos. Constitúese unha xunta e algúns dos obxectivos da Sociedade son promover os estudos arqueolóxicos e coleccionar e conservar restos de interese. Buscouse un lugar de reunións e para a garda e conservación de depósitos de pezas de pequeno tamaño. A Deputación cédelle uns baixos a tal fin. Ao tipo de socios refírese o articulado do regulamento, habería, principalmente:

- Socios de número
- Socios de Mérito
- Correspondentes

O prestixio de D. Casto no interior e exterior facilita e promove que grandes personaxes sexan socios corresponsais e de mérito. Vanse formando as coleccións, que logo pasarían ao Museo de Pontevedra. Esa será unha das razóns que a mellor epigrafía romana, os mellores modelos se atopen hoxe no Museo de Pontevedra.
Fanse interesantes intervencións, como por exemplo, en Santa María de Aciveiro. Organízanse exposicións e vese a necesidade de dispoñer de locais.
En 1896, nas festas da Peregrina, organízase unha nova exposición, cunha novidade, había que pagar un real para poder vela. Participouse, cedendo fondos, coas debidas condicións perfectamente estipuladas, en exposiciós como a Rexional de Santiago de Compostela de 1909. A Arqueológica prestaba pezas; pero, tamén ofrecía datos, recollidos en excursións e viaxes de estudos. Estes, perfectamente documentados cos debuxos de Enrique Campos e as fotos de Zagala. A Sociedad Arqueológica promovía a investigación. A recolleita de cantigas populares realizada por D. Casto, que foi premiada, sería sistematizada e publicada, no seu día, como CANCIONEIRO MUSICAL DE GALICIA, debido a xenerosidade e ao sumo aprecio por D. Casto de Filgueira Valverde.
En 1896, D. Casto deseñaría e encargaría estudos moi diversos e novidosos.
A Arqueológica ía moi por diante do seu tempo. Por subliñar en síntese, algunhas das súas iniciativas:

- Análise do particular verbo dos canteiros. Elaboraronse uns modelos de fichas para recoller e analizar o seu vocabulario propio.

- Recolleita e rexistro dunha riquísima colección de cantigas galegas. (Recibiu un premio en 1909). ( En 1942, sería publicado, grazas a Filgueira Valverde, o CANCIONEIRO, que sería reeditado pola Fundación Barrié de la Maza nos anos oitenta, e que axiña volverá a ser editado).

- Traballos de campo dos socios colaboradores.

- Excursións de investigación, como a do verán de 1897, realizada a Carboeiro, dentro dunha iniciativa para estudiar o románico pontevedrés. Participaron con D. Casto, Luis Sobrino (debuxante), Zagala (fotógrafo).

- Reconstrucción histórica e monumental de Pontevedra.

- En 1898, realizouse outra excursión a Redondela (terra de D. Casto) para estudiar as vías romanas, das que Sampedro era un experto.

D. Casto era tamén un grande coñecedor dos petróglifos, foi publicado polo Seminario de Estudos Galegos un escrito del sobre o tema: CORPUS PETROGLYPHORUM GALLAECIAE.

Pero, ao primeiro director do Museo de Pontevedra, non lle gustaba aparecer; investigou moito, pero co seu nome, publicou pouco. Moitos dos seus escritos figuran como da Arqueológica.
Fixo un traballo moi serio no Arquivo Municipal de Pontevedra, como tamén noutros arquivos.

Mercaban e recibían doazóns para formar as coleccións. Escribían e publicaban libros e investigacións. Hai varios tomos sobre a historia de Pontevedra.

- 1896: Tomo I, formado pola encadernación dos fascículos aparecidos no periódico LA OPINIÓN.

- 1900: Tomo II, Sarmiento sobre Pontevedra, epigrafía.

- 1904: Estaba previsto que aparecese o Tomo III.

Tamén se publican: DOCUMENTOS INÉDITOS PARA LA HISTORIA DE PONTEVEDRA, que aparecen baixo a autoría xeral da Arqueológica, D. Casto prefire manter o anonimato.

Impúlsase a recuperación da memoria de grandes personalidades relacionadas con Pontevedra, como por exemplo, Frei Martín Sarmiento. Por eso, non é raro que o Museo de Pontevedra sexa un referente sobre todo o relacionado co sabio bieito. O Museo ten un acopio de documentación sobre Sarmiento.

Aparecerá un tomo I de José Millán sobre Notas Históricas - Varones Ilustres de Pontevedra.

Entre 1910 e 1911 xurde un conflicto coa Deputación por negarlle á Arqueológica a concesión para o seu uso duns locais. Por eso, a 31 de decembro de 1911, aparece José Casal como presidente de dita institución e D. Casto figura como vicepresidente. No ano 1912 morre Casal e D. Casto pasará a ser Presidente en funcións ata o día da súa morte o 8 de abril de 1937. Durante esa época non se promoven reunións periódicas, non hai actas. Nese ano do pasamento de D. Casto, José Millán e López de la Ballina disolven a Arqueológica e inclúenna no Museo. Entre outras cousas por eso, Filgueira Valverde di que a Arqueológica era o alter ego de D. Casto Sampedro y Folgar.

Importantes datas a ter en conta e que se relacionan coa vida intelectual e científica de D. Casto:

- 1894, xurde en Pontevedra a Sociedad Arqueológica, D. Casto alma pater.

- 1906, fúndase na Coruña a Real Academia Galega (en 1905 fora ideada na Habana), D. Casto foi académico fundador.

- 12/10/1923, crease o Seminario de Estudos Galegos, nunha excursión de estudos e de reafirmación galega no Castro de Ortoño, o discípulo de D. Casto, Xosé Fernando Filgueira Valverde será socio fundador e unha das súas "alma mater".

- 30/12/1927, auspiciado pola Deputación Provincial, nace o Museo de Pontevedra, continuador do inmenso labor da Arqueológica. D. Casto será o seu primeiro director, e un mociño intelectual, Filgueira Valverde, será o primeiro secretario técnico.

- 10/08/1929 inauguración do Museo de Pontevedra. O día da Peregrina (16 de agosto dese ano) abriría as súas portas ao público. Á morte de D. Casto, Álvarez Limeses pasaría a ser o director accidental e en 1940, vemos como novo director a Filgueira Valverde, que permanecería no cargo ata 1986. A partires desa data, ocúpase da dirección un discípulo directo de Filgueira e indirecto de Sampedro, non é outro que o conferenciante desta interesante exposición da que reflectimos estas notas, Xosé Carlos Valle Pérez.

Rematamos subliñando a visión de futuro de D. Casto Sampedro y Folgar, cómpre coñecer a súa extraordinaria persoa e o seu inmenso labor, que perdura no Museo de Pontevedra, grazas aos seus grandes díscipulos e continuadores.

No hay comentarios: