miércoles, 28 de noviembre de 2012

O ESCUDO DE VILAGARCÍA DE AROUSA

O actual escudo de Vilagarcía de Arousa foi configurado e aprobado en 1915, sendo deseñado, pois, posteriormente á creación do novo concello denominado Vilagarcía de Arousa, coa agregación ao concello de Vilagarcía, dos concellos veciños de Vilaxoán e de Carril no ano 1913. (VILLARONGA GARCÍA, Manuel A.: VILAGARCÍA, VILAXOÁN Y CARRIL, 1991, pp. 8, 147-150). Precisamente o ano que vén celebraremos o centenario da unificación. A cidade de Vilagarcía ten os títulos de Moi Noble e Moi Leal e concedéuselle ao seu Concello o tratamento de Excelentísimo e o uso da Coroa Real no seu escudo por privilexio real. (cfr.: PORRAS, Javier: 150 AÑOS DE GUARDIA MUNICIPAL EN VILAGARCÍA, 2004, p. 19). No escudo atopamos a coroa real, sobre todo polas vinculacións e o trato dado á familia real. O noso concello acolleu en múltiples ocasións visitas e estancias reais. No século XIX visitounos o rei Alfonso XII, foi hóspede de honra no Pazo de Rubiáns. No século XX, o rei Alfonso XIII ten veraneado na casona da lagoa de Comboa, preto das instalacións portuarias na parroquia de Sobradelo, camiño de Vilaxoán por beiramar. Este mesmo rei visitou a Illa de Cortegada e o pobo de Carril, cando o asunto da donación da illa con vistas a construir o pazo real de verán. Tamén visitaron en épocas recentes varias veces o noso Concello os actuais reis de España, D. Juan Carlos I e dona Sofía. Igualmente estivo aquí varias veces D. Juan de Borbón, conde de Barcelona, que ten degustado a exquisita lubina, que preparaba Manolo Cores no seu famoso e xa desaparecido restaurante CHOCOLATE en Vilaxoán. Asimesmo nos ten visitado a infanta dona Cristina. (Cfr.: VIANA, Víctor: VISITAS REALES A VILAGARCÍA, 1997). En baixo da coroa figura no escudo unha chave de ouro sobre fondo verde, a chave da cidade que simboliza a hospitalidade do noso pobo e a garda e custodia da mesma. Debaixo da chave sobre tres montículos aparecen tres torres, que simbolizan a tres castros da cidade, o de Castroagudín, o Castro Alobre e o Castro de Carril; este último estaba situado no monte de San Roque, na zona da Tomada. Aínda que Manuel VILLARONGA (1991) alude ao Castro Lupario (situado no monte Lobeira). Indican que o concello ten sido poboado dende a máis remota antigüidade. No cuartel inferior esquerdo represéntase unha nave, unha trirreme, unha embarcación antiga sobre as ondas do mar, que sinala a importancia do noso mar, da vida marítima e das antigas invasións e defensa por esa vía. No cuartel inferior dereito, un sable dourado sobre fondo vermello indicando as loitas e o sangue derramado por defender este territorio, sobre todo na chamada Guerra da Independencia no século XIX, librada contra o invasor francés. Vilagarcía foi unha das primeiras cidades galegas en rebelarse e loitar bravamente contra dos franceses (1808-1809), como podemos comprobar na placa e no monumento instalados na nosa Praza da Independencia. Os tres cuarteis están unidos por outro máis pequeno e superposto, VILLARONGA (1991) denominao escusón ou escudo interior, que representa o segundo cuartel de gules cun pino de sinople, terrazado do mesmo, perfilado en ouro e acompañado de dez lanzas de prata, con ferros de ouro, postas en faixa, cinco en cada flanco (que representa aos Caamaño, fundadores da cidade), segundo cuartel das armas do escudo do marquesado de “Villagarcía”. (Cfr.: BUGALLAL Y VELA, Jaime: VILLAGARCÍA, Señorío y Marquesado de, en GRAN ENCICLOPEDIA GALLEGA, tomo 30, 1974, p. 126). Os escudos falan, hainos que entender, dannos datos de cidades, de familias. A nosa cidade, o noso Concello teñen o seu escudo. En Vilagarcía de Arousa, se somos observadores, podemos atopar en edificios coñecidos e nobles fermosos escudos en pedra, moitos repiten as señas de identidade dos Marqueses de Vilagarcía, emparentados co fundador da cidade, García de Caamaño, o Fermoso, como figura na carta puebla de 1441. As pedras falan, hai que entendelas, os símbolos esculpidos nelas dannos moita información. A heráldica ten que ser apaixoante, cando teñamos tempo dedicaremos estudos a esta singular ciencia auxiliar da historia. (A D. Ramón Reiriz, auxiliar de protocolo do noso Concello, téñolle escoitado fermosas e eruditas explicacións sobre a bandeira arlequinada en vermello e amarelo e sobre o escudo de Vilagarcía de Arousa ao alumnado do CEIP O PIÑEIRIÑO da nosa cidade. Este artigo é deudor do aprendido nesas magníficas leccións, desenvolvidas consecutivamente nos anos 2010, 2011, 2012).
BIBLIOGRAFÍA:/ - BUGALLAL Y VELA, Jaime: “VILLAGARCÍA, Señorío y Marquesado de” en GRAN ENCICLOPEDIA GALLEGA. T. 30, Vitoria, Silverio Cañada, 1974, p. 126. / - PORRAS, Javier: 150 AÑOS DE GUARDIA MUNICIPAL EN VILAGARCIA. Pontevedra, Concellería de Cultura – Concello de Vilagarcía de Arousa, 2004, p. 19. / - VIANA, Víctor: VISITAS REALES A VILAGARCÍA. Vigo, Cardeñoso, 1997. / - VILLARONGA GARCÍA, Manuel A.: VILAGARCÍA, VILAXOÁN Y CARRIL. Vigo, Diputación Provincial de Pontevedra, 1991, pp. 8, 147-150.

No hay comentarios: