domingo, 11 de noviembre de 2012

MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE-2012

Nesta ocasión o XI MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE está dedicado a un gran amigo de Filgueira e dunha familia moi significativa para Pontevedra, trátase de ALEJANDRO DE LA SOTA (Pontevedra,1913- Madrid,1996), gran arquitecto e fillo de Daniel de la Sota, o lembrado presidente da Deputación de Provincial de Pontevedra (1924-1930), nos anos da dictadura de Primo de Rivera, alá polos anos vinte do pasado século, cando empezan os anos de esplendor de Pontevedra que finalizarán cando caeu a II República.
O memorial desenvolveuse durante os días 6, 7, e 8 de novembro de 2012, a partires das 20:00 h. no marco do Salón de Actos do edificio VI do Museo de Pontevedra. O primeiro día constituíuse a mesa presidencial na que se atopaban a deputada provincial, Ana Isabel Vázquez Reboredo; representando á Universidade de Vigo, Antonia Blanco Pesqueira; o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa Silva; o director do Museo de Pontevedra e secretario da Cátedra Filgueira, Xosé Carlos del Valle Pérez; pola fundación Filgueira, Xosé Fernando Filgueira Iglesias, o fillo do personaxe central do Memorial, Juan de la Sota; e o conferenciante, o xornalista, Rafael López Torre. No acto protocolario de inauguración recoñécese o labor da Cátedra Filgueira, organizadora xunta ao Museo deste acto e a significación de Alejandro de la Sota como un dos máis importantes arquitectos españois do século XX, cunha obra moi variada e moi estudiada, destacando o traballo da fundación que leva o nome do ilustre arquitecto e que difunde o seu legado persoal, os seus arquivos e a súa obra, que son obxecto de estudio por expertos en arquitectura de todo o mundo e polo público en xeral. Seguidamente, Rafael López Torre comeza a súa disertación con palabras de agradecemento á Cátedra Filgueira, á Universidade de Vigo, ao Museo de Pontevedra e ao seu director, Xosé Carlos del Valle. Posteriormente, precisa que a súa conferencia non ten nada que ver coa arquitectura e si coa vida e a obra de Alejandro de la Sota a quen lle dedicou moito tempo de estudio, indica que foi un arquitecto que creou escola, a forxa do artista que foi e a configuración da súa personalidade veñen marcadas pola familia, a casa, a cidade, deulle moita importancia aos trinta anos da súa vida que pasou na cidade de Pontevedra. Naceu no seo dunha familia acomodada e distinguida. O seu pai, Daniel de la Sota, cántabro de orixe humilde, que nun determinado tempo foi militar, aínda que en 1917 cando obtén o destino forzoso de Melilla co emprego de comandante solicita o seu pase a supernumerario e nunca máis volveu ao exército, pasara un tempo na Escola de Debuxo da VIII Rexión Militar e é notoria a súa intervención na remodelación do cuartel de San Fernando en Pontevedra. D. Daniel era un gran debuxante (como tamén o chegaría a ser Alejandro, quen naceu cun lapis na man, aprendeu antes a debuxar que a andar), D. Daniel era algo así como arquitecto, enxeñeiro, mestre de obra; o seu fillo recoñéceo xunto con Castelao como os seus únicos mestres no debuxo. A súa nai era descendente dunha rica familia de propietarios de grandes fincas agrícolas de Salcedo, moi relacionada coa influínte e poderosa familia dos Muruais, tamén era prima de D. Xosé Mª Filgueira Martínez, pai de Filgueira Valverde polo que os de la Sota e os Filgueira tiñan unha relación moi familiar. Así como o marcaron a súa familia e as súas amizades e relacións aquí en Pontevedra, relacionouse con Castelao, seu mestre, foi amigo do seu fillo Alfonsiño e do seu sobriño “Turiñas”, un trío inseparable. Pero tamén ten influencia un edificio emblemático de Pontevedra, o do Café Moderno, onde naceu e pasou a súa infancia e mocedade, o dono deste edificio era D. Bernardo Martínez Bautista. Tamén subliñar a casa do verán, a casa solariega dos seus avós en Salcedo que lle propiciou gozosas experiencias infantís. Outra das súas paixóns era a música, chegou a ser un virtuoso do piano e formou parte do coro de nenos da mítica Coral Polifónica de Pontevedra nos seus inicios e baixo a dirección do marinense, Blanco Porto, el tiña a avantaxe de que sabía solfexo. Emilio Quiroga presentoulle ao seu irmán, o prestixioso violinista, Manuel Quiroga, quen quedou marabillado das destrezas de Alejandro para a caricatura. Alejandro foi discípulo na música do mestre Jané, quen lle transmitiu o seu amor por Bach. Tivo unha infancia feliz, sendo tamén moi mañoso no xogo das canicas e do trompo. Estudiou no colexio dos Maristas e logo o bacharelato no Instituto de Pontevedra, situado primeiro no edificio da antiga Escola de Oficios, logo Normal, incluso cárcere, hoxe ese edificio pertence á Deputación; pasando logo ao edificio que hoxe pertence ao Instituto Valle-Inclán. Aos quince anos prodúcense dos feitos de distinto signo, un ledo: a primeira exposición da súa vida, unha exposición de caricaturas baixo a inspiración de Castelao; outro triste, precisamente a morte do fillo de Castelao, Alfonsiño, do que era grande amigo. Nestes anos da nenez e mocedade prodúcese o florecemento cultural de Pontevedra, nesta pequena cidade provinciana conflúen extraordinarios personaxes que enriquecen á capital do Teucro, entre eles, por só citar a uns poucos: Casto Sampedro, Losada, Iglesias Vilarelle, Castelao, Osorio Tafall, Sánchez Cantón, Filgueira Valverde,... Un momento único para Pontevedra. Uns dos feitos desa riqueza cultural foi a creación da revista CRISTAL, precisamente a figura feminina que aparez na portada do número 1 da revista é de Alejandro de la Sota, os debuxos do seu amigo Turiñas aparecerán nos números do 4 ao 10 de Cristal, precisamente o 10 será o último, con el púsoxe fin a este extraordinario experimento cultural. Lorca compartiu cos membros da revista Cristal unhas xornadas memorables en Pontevedra, xornadas de arte e de música, o poeta granadino ofreceu para uns poucos privilexiados un recital de cancións populares andaluzas acompañándose ao piano, entre eses elexidos estivo Alejandro de la Sota e que acompañaron ao lembrado poeta do 27 na benvida e en toda a súa estancia na cidade do Lérez. O golpe de estado co que comenza a Guerra Civil sorprendeu ao seu pai, D. Daniel, na cidade de Madrid, onde quedou aillado da súa familia, esa guerra foi orixe de moita dor para todos. Alejandro foi ferido no frente nun ollo, esa ferida de metralla deixoulle afectado o ollo para sempre; pero, non lle impediu seguir coa súa vida normal. Nestas circunstancias tan terribles deixou de debuxar, finalizou unha guerra absurda que non creou máis que separación e sufrimento, Ventura de Dios, “Turiñas”, o seu amigo de sempre, finou na guerra e en 1947, morreu de tuberculose a súa irmá maior, María; circunstancias todas tristes e mouras. El pertencería a primeira promoción de arquitectos da postguerra da Escola de Arquitectura de Madrid. “La Pastora” foi a primeira casa que deseñou, seu primeiro traballo arquitectónico. Traballou para o denominado Instituto de Colonización no deseño de pobos, tamén colaborou co Patrimonio Forestal e co CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) na Misión Biolóxica. Foi un bo irmán e preocupouse moito do seu irmán menor ca el once anos, Jesús de la Sota, quen chegaría ser un bo artista, costeoulle os seus estudos de pintura. Tanto Alejandro como Jesús foron moi independentes no seu traballo artístico, aínda que a Pontevedra da súa infancia e mocedade tivo moita influencia neles. Remata Rafael López Torre lanzando un órdago cara o centenario de Alejandro de la Sota (1913/2013), por se alguén o recolle, que se rehabilitara e volvese ao seu estado inicial o Pavillón de Deportes de Pontevedra, unha das grandes obras dun dos seus fillos máis egrexios, sería a mellor homenaxe para honrar a memoria de Alejandro de la Sota, arquitecto. Pon fin ás súas palabras agradecendo no acto a presencia de Juan de la Sota, fillo de quen centrou todo o noso interés nesta conferencia. Os sucesivos días do Memorial dedicáronse ao estudio das súas obras arquitectónicas, por medio da observación de debuxos, croquis, planos e fotografías. - AS IMAXES POR ORDE DE APARICIÓN: A PRIMEIRA PERTENCE AO FOLLETO DO XI MEMORIAL, A SEGUNDA CORRESPONDE Á GALERÍA DE IMAXES DOS PRESIDENTES DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA, que se pode consultar en www.depontevedra.es

No hay comentarios: