sábado, 3 de noviembre de 2012
COMENTARIOS EDUCATIVOS (ANTEPROXECTO DE LEI ORGÁNICA)
II.- No eido educativo, moitas veces, case sempre, non se teñen en conta os procesos na avaliación, simplemente non se avalían, e os procesos soen ser máis ricos que os resultados finais, que o producto final. Só se pon o foco nos resultados e tampouco se teñen en conta nas avaliacións o punto de partida inicial nin se contempla a contextualización: quenes somos, de onde partimos, que circunstancias nos envolven? Hai que facer atractiva a escola para que os nenos e nenas, os mozos e mozas non estean desexando fuxir dela canto antes. Para evitar o abandono temperá, hai que renovar as metodoloxías e dotar dunha boa formación didáctica e psicopedagóxica aos docentes. Hai que renovar a escola, repensar a educación, mais non dando pasos de xigante cara atrás. Hai que encarar o futuro para seguir mellorando e non detraendo recursos de todo tipo a educación, malditos os gobernantes que queren aforrar a costa da educación e sumir na ignorancia e na pobreza cultural ao pobo. É necesario facer da profesión e da carreira docente algo interesante e gratificante para os futuros profesionais do ensino, con boa formación, valoración e prestixio social, apoio institucional e consideración profesional; que o ministro de educación non se convirta no enemigo número 1 dos mestres e profesores. Traballar realmente por unha escola de verdadeira calidade, non no senso neoliberalista e economicista, senón unha escola humana, xusta, acolledora, promotora do coñecemento e da cultura, do pracer por saber, por descobrir; santuario da ciencia e da cultura, sen descoidar en ningún momento as Humanidades e as Artes, como está a acontecer nestes intres no noso país, no que se desprecian a Filosofía, o Latín, o Grego, a Historia, a Música, as Artes Dramáticas, todo o que nos fai máis humáns, sobra tanto maquinismo e tanto pragmatismo. Unha escola con máis incentivos que ilusionen a docentes e a discentes; non escatimarlle nada á escola, a sociedade que valora e mima á súa escola, valora o seu futuro e consigue mellores perspectivas de vida para todos os seus cidadáns. Moitas prácticas educativas e políticas aseméllanse máis a actuacións do século XIX ou da Idade Media que ao que deben ser as actuacións propias do século XXI, en vez de avanzar, recuamos. Este anteproxecto de lei retrotráenos a tempos pasados, non precisamente moi propicios para a escola pública, a escola de todos e para todos. Crer ou non crer na educación, apostar por ela, ese é o dilema. A ideoloxía prioriza unhas cousas sobre outras, a educación debera estar fóra das manobras políticas, máis que nunca precísase un pacto pola educación, hai que ter amplitude de miras, ser xenerosos e estar a altura dos tempos, debemos traballar polas xeracións futuras e non ter unha mirada miope e tacaña na política educativa que nos convén a todos, nun proxecto de país que garantice á mocedade un futuro e a vellez seguridade.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario