domingo, 7 de julio de 2013

A RÍA DE AROUSA E CORTEGADA

Neste verán, algunhas persoas poderán gozar dunha travesía de dúas horas pola nosa ría, abordo do galeón ILLA DE CORTEGADA, penso que pode ser unha experiencia magnífica que nos brindan o CONCELLO DE VILAGARCÍA e a asociación ROMPETIMÓNS. Parabéns pola iniciativa. É unha ocasión única para que a xente poida valorar a beleza e a riqueza que supoñen a Ría de Arousa e a illa de Cortegada. Lémbrome con cariño dunha amigo que navega por outros mares, os océanos da eternidade, e que era un amante e bo coñecedor da nosa ría, o biólogo Felipe Porta Vila, que as augas da outra vida lle permitan boa navegación. // Dispoñíame eu na compaña duns familiares a participar nesta extraordinaria experiencia o pasado domingo día 23 de xuño, ás 17:00 h., ía ilusionado e contento. Ao chegares ao peirao de Carril todo disposto a embarcar no galeón ("meu gozo nun pozo") o patrón da embarcación, con moi bo criterio, criterio de experto, e diante do estado da mar, indicounos que era mellor deixalo para outro día, co fin de ter unha boa experiencia e grata lembranza, xa que neste día as augas e o vento non eran propicios. En principio, un queda defraudado, despois das ilusións postas na travesía; pero deseguida se comprenden as razóns, o primeiro é a seguridade e hai que aceptar as decisións dos que saben, dos vellos lobos do mar. Xa embarcaremos no galeón ILLA DE CORTEGADA e relataremos e ilustraremos a experiencia. /// Quedámonos con estes versos de Cunqueiro: Hai unha illa deitada / alá, no fondal do mar...

No hay comentarios: