miércoles, 16 de octubre de 2013
CALDAS DE REIS NA MIÑA LEMBRANZA
Eu cheguei a Caldas de Reis de bebé no ano 1957 e permanecín na vila termal de xeito continuo ata o ano de 1970. Pasei, pois, a primeira etapa da miña vida na vila real (a de dona Urraca e Afonso VII) e sempre que podo retorno a feliz infancia en Caldas. As lembranzas van sendo xa brumosas, a memoria selectiva vaise quedando con algúns retallos e con moitas lagoas, mais gústame recrearme no que aínda permanece, de moita xente esquecín os nomes, pero aínda reteño moitas anécdotas e vivencias, algunhas xa foron recollidas nesta bitácora, sempre hai o perigo das repeticións, ímonos facendo vellos, o paso inexorable do tempo non se detén, a brétema do Umia envolve o meu pensamento, aquela humidade do querido e recordado río fería daquela a miña feble gorxa que naqueles tempos era un dos meus puntos fracos. A foto que ilustra esta entrada, datada o 28 de abril de 1964 e realizada por FOTOS SAMPAYO, fai referencia ao que entonces chamabamos o Punto, lugar onde un garda municipal dirixía o tráfico e preto de onde estaba a parada de autobuses, diante dos grandes e senlleiros magnolios que aínda perviven e que daban entrada a antesala do parque xardín e onde estaban daquela a Escola Graduada de Nenos, dirixida polo inesquecible D. Victoriano Rosales, e a Escola Graduada de Nenas, dirixida por Dna. María Sarandeses. Estaba a liña de autobuses A Estradense, que facía o percorrido da Estrada a Pontevedra e viceversa e tamén a do famoso Castromil que unía Vigo con Santiago. Logo estaba o autobús do señor Sinsonte que facía o servicio á estación de ferrocarril de Portas. Meu tío Manolito e mais eu viñamos de recoller un paquete na parada dos autobuses, a Sra. Estrella, esposa dun coñecido traballador do servicio municipal de limpeza, facía o servicio de reparto de paquetería das distintas liñas de autobuses. Tamén recordo que na Prazuela había unha coñecida carnicería da familia Fariña Muñiz que un día á semana poñía á venda uns deliciosos “rixóns”, valía unha peseta o cucurucho. Lembro que en Caldas, naquel tempo, había tres farmacias a de Pura Parga Vázquez (onde traballaba meu tío Manolito), a de D. Paco Álvarez, que chegara a ser alcalde, e o seu fillo Paquito que fóra meu compañeiro no colexio San Fermín dos Padres Somascos, e a de D. Ramón Suárez que estaba preto do Hotel Balneario Dávila e a fonte das burgas. Xa que mencionei aos somascos, lémbrome especialmente do padre Lorenzo, que foi superior e director, e que permaneceu ata o seu pasamento en Caldas, o padre José, o padre Jorge (quen me preparou para a primeira comuñón) e o mozo padre Federico. E xa que falamos de relixiosos, endexamais esquecerei ao pasionista, padre Ismael, quen me fixo participar por primeira vez na lectura do evanxeo nunha misa, tiña eu sobre nove anos e nun domingo de Ramos lin toda a Paixón, paseino moi mal, pero quedeille para sempre agradecido ao padre Ismael. Finalmente, remato cunha anécdota verídica, que é posible que contara algunha vez, de parvuliño estudiei no Colexio da Encarnación, que daquela rexentaban as Hermanas de la Doctrina Cristiana, é unha da relixiosas que se chamaba a madre Aurelia e que era tan baixa que parecía por pequena un de nós, era moi simpática, recórdoa cantándonos con xestos algunhas cancións infantís, tamén teño unha lembranza difusa dunha relixiosa alta e moi boa, que morrera estando alí no colexio, e que nos introducira magnificamente na lectura, lembro varios libros, o meu preferido titulábase HEMOS VISTO AL SEÑOR, pero tamén estaban AMIGUITOS, o RAYAS e os inefables cadernos de escritura e cálculo, RUBIO. Pero, ao que ía, a anécdota, empezaramos un dos cursos de parvuliños e un compañeiro que se chama Eugenio Torres, que hoxe é médico, incorporouse ás clases máis tarde e sentou ao meu carón, pero non deixaba de chorar e chorar, eu para que calara e se consolara, fíxenlle, realizando dobreces nun papel, unha especie de acordeón, cando estabamos neste choio, unha mestra leiga que chamabamos dona Emilia, e que era sobriña do cura párroco de Santo Tomás, daquela D. José Grande Bayón, non sei o que debeu interpretar que non se lle ocorreu máis que poñerme como un lazo dito papel na miña cabeza e levarme para expoñerme polas outras clases (aínda hoxe é algo que non podo comprender), nunha delas, estaba unha miña veciña da rúa dos Fornos, que ao verme daquel xeito botou a rir sen parar e fíxome rir a min tamén. O que sei, é que rematamos os dous na clase da monxa que era a superiora, quen nos mandou poñer de xeonllos, como Mari Carme, a filla de señora Nilda e do señor Manuel, que tiñan unha famosa e coñecida panadería na nosa rúa, non paraba de rir, a monxa lanzounos ao rebolo unha campaíña de bronce que tiña na súa mesa, menos mal que non tivo puntería e non nos dou a ningún dos dous, o que puidera ser unha desgracia. Bo, eran cousas daqueles felices e grises tempos idos. Outro día retornaremos a Caldas de Reis.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario