Mostrando entradas con la etiqueta Caldas de Reis. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Caldas de Reis. Mostrar todas las entradas

sábado, 24 de agosto de 2024

UN MEU ENCONTRO INESQUECIBLE CON ÁLVARO CUNQUEIRO

 

VEU UN MERLO MINDONIENSE CANTAR Á VILA DE DONA URRACA EN AGOSTO DE 1969

Cando don Álvaro Cunqueiro agasallou a un “botones” de 12 anos cunha historia exclusiva, alá no recibidor do Hotel Balneario Dávila da vila de Caldas de Reis en agosto de 1969


Imaxe do Faro de Vigo do que foi director

Hotel-Balneario Dávila de Caldas de Reis
Lugar dos feitos

Eu aos 12 anos, cando D. Álvaro me agasallou con máxicas verbas

Sería unha tardiña, despois do xantar que na vila de Caldas, chamada de Reis por dona Urraca e polo seu fillo Afonso VII, un cantor veu declamar na nosa doce fala e viña das terras de Miranda ou da episcopal vila de Mondoñedo, o vate tiña por nome Álvaro, da liñaxe dos Cunqueiro-Montenegro e dos Mora, sempre viviu da súa fácil e xeitosa pluma   e con aquel seu fermoso dicir, engaioloume, naquela inesquecible e calorosa tarde dun agosto do 69, mágoa que daquela eu non fun quen de libar aquel xarope de máxicas verbas e de misteriosos artificios orais, dignos do seu bo amigo, o extraordinario mago, o druídico don Merlín.

Naquel recibidor do familiar e acolledor Hotel Balneario Dávila caldense, escoitei por primeira vez, verbas que endexamais volvería a escoitar. Don Álvaro, que así lle chamaban no Hotel, ceibou, naquel ar, verbas ben fermosas, nunha historia que quedou oculta pola néboa do tempo pasado.

Pídolle a don Merlín que recupere, ao seu xeito, con todos os artificios  e mañas que estime a ben e que el coñece fondamente, aqueles marabillosos e divinos sons perdidos, as verbas que lle escaparon dos seus beizos a aquel fénix inmortal das nosas letras e que xunte e ordene as verbas que contaban unha bela historia exclusiva, só para min, un humilde cativo que traballaba de “botones” naquel querido, lembrado e familiar hoteliño.

Don Álvaro era o mago das verbas, a divina ave cantora, que eu, ao igual que un Felipe de Amancia, escoitaba abraiado e incrédulo aquel torrente de frases fermosas e enigmáticas que eu, naqueles intres únicos,  non podía apreciar nin entender axeitadamente, estaban expresadas nunha lingua próxima, mais descoñecida e aldraxada.

Que don Merlín me devolva esas verbas roubadas polo tempo e por unhas circunstancias estrañas, que as transmigre e transmute do 1969 ao 2024, que si el quere; pode, que cousas difíciles e peores ten solucionado ao longo dos tempos. Quizais agora as poida amar, entender, reverenciar.

Don Álvaro xa está no alén; pero, don Merlín todo o ha poder e traerame  o galano agasallo que don Álvaro noutrora creou para min e que agora si, sería quen de saborear e de gozar, maxia de verbas e tempo. Cando Merlín mas entregue, heivos con elas premiar.

Don Álvaro deixounos nos seus libros a alquimia, o tesouro das súas verbas; pero, as que a min me deu en agosto de 1969, ninguén volas poderá entregar; agás que don Merlín veña na miña axuda e xuntos as poidamos escoitar.

Cousas veredes!  

jueves, 24 de marzo de 2022

MIGUEL ÁNGEL LÓPEZ FARIÑA SOBRE CALDAS DE REIS NAS CANTIGAS MEDIEVAIS



Meu amigo da infancia caldense Miguel Ángel López Fariña disertará mañá, ás 20:00 h. no Auditorio Municipal de Caldas de Reis. O tema é moi suxerente e interesante para todos os que amamos á vila de dona Urraca, precisamente a presencia de Caldas de Reis nas cantigas de Afonso X, coñecido como o rei Sabio.

Sobre este tema escribiu Filgueira Valverde no seu Segundo Adral (1981, pp. 144-146). Recollendo un milagre sobre amoríos e o roubo e mal uso da sagrada forma e a bruxería. O título do traballo filgueirián é: O MILAGRE DE CALDAS. E comenta que El-Rei Sabio ben puido coñecer o milagre polo ter escoitado de neno cando se educaba en Galicia ou ter referencias del "polo seu fillo Sancho, que estivo en Caldas (...) o seis de agosto do 1278". Este artigo foi publicado previamente no Faro de Vigo do 21-V-1978, no ano que se facían "outocentos anos" da estadía en Caldas de don Sancho.
Filgueira dedicoulle outro artigo a Caldas de Reis e a súa parroquia de Santa María para falar do baldaquino do século XV que nela se conserva. (Adral, 1979, pp. 263-266).

Meu amigo Miguel máis eu andamos a argallar algo sobre un mestre querido que impartiu sabia docencia na nosa querida vila de Caldas de Reis, a vila dos nosos anos dourados da infancia. Ese mestre admirado e respectado non é outro que don Victoriano Rosales, director da Graduada de Nenos de Caldas nos anos 60 do pasado século e primeiro director do Colexio Público "Afonso VII"; pero, disto xa teremos oportunidade de falar algún día.

Este venres tocará escoitar e gozar das sabias palabras do profesor e músico, noso benquerido amigo Miguel Ángel López Fariña. Parabéns, Miguel, por esta iniciativa e en hora boa ao Concello de Caldas de Reis por acoller e apoiar este acontecemento cultural.

Miguel disertou dun xeito extraordinario e moi ameno, sen dúbida, é un gran experto na música e nos intrumentos medievais. Parabéns pola súa magnífica conferencia centrada fundamentalmente na cantiga CIV (XCVI no Códice conservado na catedral de Toledo, o primeiro, recolle 100 cantigas da primeira etapa da escola de Afonso X).


O conferenciante moi concentrado

O representante municipal presentando o acto


O Concelleiro menciona a cantiga 104, a cantiga que alude a Caldas de Rei

Asistentes á conferencia no Auditorio Municipal de Caldas de Reis

En próximas entradas, seguirémonos a referir a este acto cultural de tanta importancia e relevancia para o pobo de Caldas de Reis, que algo terá que facer coa cantiga da que nos ilustrou hoxe Miguel. Para min foi un acto entrañable, que tamén me facilitou o contacto con xentes coñecidas e queridas da vila termal.











 

lunes, 15 de noviembre de 2021

POBRIÑA DA TOLA! Unha lembranza da infancia en Caldas de Reis

 


Manoliño, o de Inés, era un dos meus amigos da infancia dourada en Caldas de Reis. Era un rapaz curtido nas rúas de Caldas, posuía grandes habilidades para moitas cousas. Era moi mañoso en cuestións manuais para artellar xoguetes (espadas de madeira, variados obxectos con casca de pino, arcos de frechas con ballestas dos paraugas, facer pompas de xabón, monicreques de cartón e madeira, ...). 

Foi tamén, ao meu ver, o "monaguillo" que mellor repicaba as campás do campanario da igrexa de Santo Tomé.

Pero, hoxe quero lembralo, unha vez máis, por unha picardía de cativos, el era capaz das máis enseñosas falcatruadas. Pois ben, vou relatar un feito verídico no que tomei parte.

Na casona do lugar da Canle, zona coñecida en Caldas de Reis porque alí atopouse o tesouro prehistórico que se conserva no Museo de Pontevedra, (a casa aparece nas fotografías desta entrada, en imaxes tomadas por min o 15 de novembro de 2021), había nos anos 60 do pasado século unha muller que dicían tola e que era moi fermosa. Esta muller gustaba andar espida pola súa casa.

Meu amigo Manoliño o de Inés


Un día, Manoliño, que era un pouco maior ca min, levoume á casa da Canle para ver á tola. Polas fiestras podiamos ver á muller núa. Recordo que tiña unha longa e bonita melena. Estivemos alí uns intres, observándoa, era realmente fermosa.


E nós alí como paspáns en modo "voyeurs". Manoliño dicíame que el ía ás veces por alí para ver á pobre da tola. Tamén me invitaba a ir pola noitiña ao parque xardín para espiar ás parellas. Esto para min era difícil, case que imposible porque a esas horas eu facía os deberes do cole, estudaba e lía na compaña do meu avó. Ademais ceaba cedo e axiña ía para a cama. Así que nunca puiden acompañar a Manoliño nas súas correrías polo parque naquelas noitiñas de espionaxe aos amantes que gozaban da súa compañía naqueles fermosos e escuros paraxes.

Manoliño finou novo, mágoa que desexei xuntarme con el pasado moito tempo co fin de lembrar esta e miles de anécdotas que atesourabamos daquelas vivencias da infancia caldense dos anos 60. Que tempos!

Manoliño un gran "monaguillo" repicador




sábado, 12 de junio de 2021

ÁLVARO CUNQUEIRO MÁIS EU

 

Imaxe: Faro de Vigo


O HOME QUE SOÑABA E INVENTABA AS PALABRAS E AS HISTORIAS

De cando coñecín a Álvaro Cunqueiro en 1969

 

Era unha tarde luminosa e calorosa de verán, posiblemente do mes de agosto de 1969. Eu atopábame no recibidor do Hotel Balneario Dávila de Caldas de Reis, onde traballaba de botóns. Era pouco despois do xantar, na sobremesa.

Senta moi preto de min un ilustre hóspede do hotel, unha persoa moi respectada e moi ben considerada. Saúdame e fálame moi amablemente. Para miña estrañeza dirixíase a min en galego. Daquela o galego era moi desprezado. Cando os nenos intentabamos falalo... –Fala ben! Na escola os nenos que se expresaban en lingua galega eran aldraxados e obxecto de burlas. Naquelas alturas da historia eu non tiña consideración ningunha cara o galego. Iso que os meus avós o falaban entre eles e a miña avoíña cantábame unha cantiga galega que a min me gustaba moito: Se vas a San Benitiño. Mais sorprendíame que un cliente do hotel, un señorito se dirixira a min en galego.

Contoume unha historia fantástica e moi bonita, chea de imaxinación e de cousas sorprendentes. E falaba, falaba... e contaba, contaba... Semellaba que desfrutaba e se recreaba en cada palabra que pronunciaba. Eu, a dicir verdade, estaba un pouco aburrido e dábame o sono, pero por respecto aguantaba o tipo. E escoitaba ao cliente aparentemente con moita atención e interese.

Mágoa que non fora hoxe cando Don Álvaro Cunqueiro narraba a súa historia para min en exclusiva. Todo un privilexio que no seu momento non estaba capacitado para escoitar e valorar, que pena!

Don Álvaro e a súa dona estaban instalados na suite do hotel e cada mañá á hora do almorzo eu leváballe ao seu cuarto a prensa, o Faro de Vigo, (do que fora director), e o ABC. A min dábame a sensación de que o matrimonio non tiñan moi boas relacións entre eles.

Moitas tardes Álvaro Cunqueiro pasaba uns momentos de descanso, á sombra do fermoso e fresquiño canaval do hotel, botaba unhas cabezadas e tamén lía algo.

Don Álvaro Cunqueiro apreciaba moito a boa cociña do Hotel Balneario Dávila, sobre todo a magnífica repostería de dona Balbina, a nai da dona do hotel.

Tamén combinando literatura e gastronomía don Álvaro xuntábase co grupo dos Endovélicos, unha serie de intelectuais e escritores, entre os que se atopaban Maximo Sar e penso que tamén andaba entre eles Hipólito de Sá, este grupo de eruditos compartían mesa e mantel nun bar restaurante que coñecíamos como O Cabaret, que estaba situado no Cruceiro e alí entre bos viños e gorentosos manxares da terra discorrían letras e historias.

É para min moi grato rememorar estas vellas lembranzas da miña infancia de botóns, aos meus doce e trece anos, foron dous veráns inesquecibles que vivín no Dávila, que valen máis que algúns cursos universitarios.

Ademais de don Álvaro ían alí de veraneo personaxes tan importantes, e que tiven a sorte de coñecer e de tratar, como o Dr. Santos Junior, un grande intelectual e profesor da Universidade de Porto, sabio portugués moi amigo de Filgueira Valverde, Cunqueiro tamén foi grande amigo do vate pontevedrés. Tamén o escritor lugués Trapero Pardo e posiblemente outros dos que xa non teño lembranzas.

Os amigos aos que lles contei estas historias e anécdotas anímanme a que as poña por escrito, para que o paso do tempo e a mingua da memoria non as fagan perder. Non obstante, creo que noutras ocasións xa me teño dedicado a narrar ditos feitos, mesmo nalgún programa de televisión. A miña infancia en Caldas foi moi rica e feliz. Pero, imos vellos, e sen dúbida, ás veces, repetímonos. A vida vai e ben nunha continua e cíclica narración. 


Hotel Balneario Dávila - Caldas de Reis


As Burgas de Caldas de Reis

O canaval do Dávila


No canaval do Dávila cuns amigos
Instantánea tomada polo meu amigo Luís González Bravo "Lois do Salnés"




 
 

 

sábado, 17 de septiembre de 2016

Caldas de Reis na lembranza




As tres imaxes iniciais son instantáneas de como se atopa na actualidade a rúa dos Fornos en Caldas de Reis, por certo un tanto descoidada e abandoada. Nesta rúa,  no seu número 4, transcorreu a miña vida desde 1957 e ata 1971. Nas imaxes figura un edificio ruinoso con balconadas no que antigamente estaban situados o bar Roquiño e súa pousada. Eu era amigo dos nenos que eran fillos dun dos propietarios do citado local de hostalería, tan popular en Caldas. Alí teño pasado moito tempo de maxia e diversión, xogando con Manolo, Seso e Ramón e vendo na televisión do bar, que outra non había na rúa, aquelas famosas e para min boísimas series, case nos inicios da televisión no noso país, lembro: "El Virginiano", "Bonanza", "Caravana", "Jim West", "Daniel Boom" e tantas outras, as sesións de ventriloquía da austríaca Herta Frankel coa súa cadeliña (un boneco), Marilín, os debuxos animados que nos gustaban tanto aos nenos daquela: O oso Yogui, "Los Picapiedra", "La Hormiga Atómica", ... E tamén viamos, case todos os nenos do barrio alí, as corridas de touros con Manuel Benítez, "El Cordobés", os partidos de fútbol, fundamentalemente do Real Madrid (lémbrome da velocidade de Gento) e da Selección Española, onde era o porteiro, o mítico Iríbar, xogador do Atlético de Bilbao. Horas e horas pasadas naquel mítico e lembrado Bar Roquiño. Ah! tamén estaban os partidos de tenis con Manolo Santana, primeiro, e logo con Orantes. E as carreiras ciclistas, Tour e Volta a España con Federico Bahamontes. Viamos o que nos botaban, só había unha única canle e gracias.

As tardes dos sábados ía ver a televisión, naqueles tempos idos, ao Liceo de Caldas, ali gocei moito cunha serie que era do meu máximo agrado: "Viaje al fondo del mar", co almirante Nelson e toda a súa tripulación do submariño que estaba ao seu mando. Tamén vía o mítico concurso escolar "Cesta y Puntos", que comandaba Daniel Vindel.

Así mesmo, lembro ver a televisión no colexio San Fermín dos Padres Somascos, de alí recordo ver os primeiros capítulos da miña vida, baseados nun cómic, que logo lería con fruición na Biblioteca Pública de Caldas, tratábase de Tintín co seu can Milou e o seu amigo, o meu personaxe preferido, o capitán Haddock, acompañados do simpático "profesor Tornasol". Neste colexio, tamén teño asistido a sesións de cine, sobre todo relixioso, hai unha frase dunha daquelas películas que me quedou gravada: "Vino Constantino y nos trajo la paz", ou algo así.

No ano 1968, chegou un televisor á graduada de nenos de Caldas de Reis, dirixida daquela por un gran mestre que merecería hoxe un recoñecemento en Caldas, D. Victoriano Rosales. Alí seguimos as peripecias do programa espacial americano Apolo, logo un programa que se chamaba Televisión Escolar, onde vin por primeira vez ao gran Doctor Félix Rodríguez de la Fuente, que nos engaiolaría a todos cos seus programas de animais e da Natureza.

Non quero esquecer as tardes-noites no cine Avenida, acompañado da miña querida nai, e comendo aqueles saborosos "cacahuetes" mentres víamos: Ben-Hur, "La Marabunta", "Sube y Baja" de Cantinflas coa que me escachei a rir, tamén todas as películas, dos daquela nenos prodixio, Marisol e Joselito, teño que confesar que naquel tempo gustáronme moito. Ai! aqueles tempos de neno! E tamén recordo o medo que me fixo pasar o meu tío Manolito cando me levou a ver Drácula...

Foron inesquecibles tardes de TV e noites de cinema na querida Caldas de Reis da miña infancia.


sábado, 1 de agosto de 2015

FESTAS DE AGOSTO EN CALDAS DE REIS NOS ANOS 60





 Imaxe da WEB do Concello de Caldas de Reis

Imaxe obtida de www.youtube.com
O paso do tempo e o feble que é a memoria humana fan que se esvaezan lembranzas que fan referencias a persoas e a feitos de tempos idos. Eses mesmos elementos ou compoñentes da vida dun ser humana, tempo e memoria, fan tamén que nos repitamos e volvamos a contar unha e outra vez cousas que deixaron forte pegada nas nosas vidas. O tempo da infancia, lembrámolo a maioría como un tempo feliz, nunha feliz Arcadia e para min esa Arcadia perdida e soñada é Caldas de Reis.

Para non perder o que queda e para revivir aquelas vivencias infantís, na querida vila termal, na sempre lembrada Caldas de Reis xa na lonxanía do tempo, daqueles máxicos e felices anos sesenta do pasado século, relato vivencias, recordo á xentes e como diciamos ao principio as imperfeccións e limitacións da nosa memoria fan posible que me repita; pero así son as características do propio ser humano.

Imos recrearnos nas lembranzas das festas de agosto de Caldas de Reis, naqueles tempos sesenteiros. Ditas festas era algo esperado e desexado ao longo do ano. Aqueles tres ou catro días memorables e vividos con tanta intensidade pola maioría da poboación da bisbarra. Ademais das consabidas verbenas nocturnas no campo da feira, na fermosa carballeira, do combate “fluvial” do último día, dos pasarrúas con gaitas, xigantes e cabezudos, dos concertos de banda de música, do tiro interminable de bombas de palenque, da procesión de San Roque, había outros actos paralelos moi populares e con moita participación, que facían as delicias de todos os presentes.

Tratábase de que sobre o mediodía e no marco incomparable da carballeira e dos seus arredores, celebrábanse toda unha serie de actividades moi esperadas e das que o armadanzas era o señor Ventura, o dono do popular bar coñecido como o Cabaret, onde se selaban as quinielas de fútbol e tamén onde a dona do Sr. Ventura, extraordinaria cociñeira, preparaba as papatorias dos Endovélicos e a onde tamén acudía Álvaro Cunqueiro nas súas visitas de verán a Caldas, alí daban boa conta de lampreas, anguías, mariscos, carnes,... magnificamente preparados e regados cos mellores viños do país. Este señor Ventura organizaba e preparaba, por exemplo, carreiras de burros e veladas de boxeo, onde participaban como protagonistas os personaxes e tipos máis característicos do pobo, que motivaban os risos e goce de todo o público asistente que escachaba coa risa. Entre os xinetes e púxiles lembro ter visto ao coñecido como o Achou de Paradivas, O Castriño (popular e querido varrendeiro da vila), Manolo, o Marta. Este último era un tipo popular digno de estudio, todo o mundo se ría del e pensaban que estaba tolo, pero a min parecíame unha persoa moi intelixente e orixinal, diverxente e moi peculiar. Facía de fotógrafo, vendía sementes nos mercados... Vivía coa súa nai, el mesmo construíu a súa vivenda, un lugar especial, alí ondeaba sempre a bandeira nacional e gardaba toda sorte de trebellos moi interesantes e curiosos.

Teño rido a escachar naquelas carreiras de burros e naquelas peculiares veladas de boxeo, animadas polo Sr. Ventura, quen tamén se encargaba do Entroido caldense. Aínda que se buscase o riso fácil, utilizando a personaxes característicos do pobo.

Nestas festas de verán de Caldas non faltaban os concertos e as verbenas e un ano si e outro tamén un invitado especial que non faltaba era a Banda de Música de Lantaño, dirixida polo lembrado e querido Sr. Laguarta e na que tocaba un mozo e virtuoso trompetista, o noso amigo, o compositor, Elixio Vila. Co meu avó non me perdía un só concerto, ao mediodía ou á tardiña (moitas veces esta banda repitía tamén na verbena). Xa pola noite, as concorridas verbenas, ás que asistía coa miña nai, meus tíos e os meus curmáns. Por alí pasaban ano tras ano as orquestras e bandas (banda!) do momento. Non podían faltar a consabida tómbola, os tiros de pichón, as barcas, as churreiras que tamén vendían patatas fritidas, as carpas para degustar o polbo á feira, cocido naquelas grandes potas de cobre, e cuberto con sal gorda e aderezado con aceite e pimentón.

Capítulo aparte eran os xigantes e cabezudos que facían as delicias dos nenos máis grandes e que provocaban os medos e os choros dos máis cativos. De moi neno eu tíñalles un medo atroz, logo de máis grande divertíanme moito vendo aquelas figuras tan típicas e correndo tras delas. Ían comandados polo xigante que coñeciamos como o Papamoscas e lembro un anano cabezudo que era un mariñeiro negro.

Como todo tempo de ledicia toca ao seu fin, remataban as festas de madrugada co esperado combate naval (mellor fluvial) e ao que a miña avoa lle tiña verdadeiro pánico, asustábase moito. Que festas aquelas de San Roque na Caldas dos sesenta!    

miércoles, 11 de marzo de 2015

CALDAS DE REIS NA LEMBRANZA - SR. MANOLO, O DA LUS


Aínda semella que foi onte, lémbrome do señor Manolo Campos, a quen coñeciamos como señor Manolo, o da lus, porque traballaba na compañía eléctrica FENOSA, e cun gancho insertado nunha varilla de madeira ía á noitiña encendendo o alumeado público da vila caldense, premía no interruptor de cada punto de luz con aquel artiluxio de confección caseira, eran aqueles tempos de precariedade onde o enseño e as habilidades manuais e artesanais ofrecían solucións aos problemas cotiás. Señor Manolo era un home tranquilo, cordial e moi servicial. Relacioneime moito coa súa dona e as súas fillas e fillo porque eramos veciños, viviamos moi preto deles.

Á hora en que o señor Campos se dispoñía todos os días ao encendido do alumeado, os nenos de Caldas estabamos xogando nas rúas, tiñamos xogos moi variados:

- Os cartóns, coas fermosas imaxes e figuras de variados temas (castelos de España, traxes rexionais, uniformes militares, paisaxes, etc.) que viñan nas caixas de mistos, soltabámolos apoiando nunha parede, se montabas por riba dos que estaban no chan, gañábalos todos. Non podedes maxinar as liortas que se formaban por discusións e opinións distintas neste xogo, que máis adiante, cando chegaron os cromos, aplicabamos para desfacerse dos repitidos. Aparte dos típicos do fútbol, recordo unha colección de cromos mítica, que se chamaba VIDA E COLOR, tamén a colección de cromos que viñan cos chicles DUNKIN e que se chamaba OCEANÍA, eu aínda conservo o albume destes cromos.

- As bolas, ao comezo do curso sempre viñan as bolas, ás que xogabamos en distintas modalidades, por exemplo ao guá, ao truquele-truquele.

- As buxainas (tamén trompos), sobre todo polo San Martiño, trompos ao camiño. Xogabamos moito coas buxainas, había nenos que eran verdadeiros artistas. Recordo unha modalide un tanto bruta, poñíanse as buxainas dentro dun círculo marcado no chan, lanzábase unha buxaina contra elas, a quen lle tocaba, moitas veces destrozábase totalmente algunha das que estaban no círculo.

- Pompas de xabón, cun anaco de xabón de lavar a roupa (o famoso xabón Lagarto), mezclado nun recipiente con auga e logo de remexer, cunha palliña, recollida no campo, facíanse as pompas. Un as lanzaba desde unha altura e os outros tratabamos de pillalas.

- Os pelouros, con pedriñas pequenas e redondeadas xogabamos acompañando cunha cantiga a coller os pelouros na man, sen soltar e sen que caeran os que xa tiñamos collido.

- Obxectos de madeira, xogabamos con moitos obxectos que nós faciamos con madeira, como por exemplo unhas fermosas espadas, ou os tiratacos.

- Casca de piñeiro, con ela esculpiamos variados obxectos, entre eles, uns barquiños que logo poñiamos a navegar polo río Pequeno (hoxe desaparecido). Cos barcos e con pequenos estalos fabricado con mistos, aos que cubriamos a cabeza con papel de prata, logo prendiámolos e semellaban pequenas bombas de palenque. Con todo esto xogabamos a simular o combate naval, mellor combate fluvial, como se celebraba nas festas de agosto, as festas de San Roque, no río Umia, fronte ao parque xardín, preto do campo da feira, da carballeira, onde se desenvolvían as verbenas e os concertos. Lémbrome que case sempre actuaba a Banda de Lantaño, co seu inesquecible director, o señor Laguarta.

Que tempos aqueles dos xogos e dos soños, engaiolados nos tempos da infancia!

domingo, 19 de octubre de 2014

O HOME QUE DISCURSABA COAS ÁRBORES NA AVENIDA DE DONA URRACA DE CALDAS DE REIS


   A avenida de Dona Urraca, sen os plátanos das súas beiras, coas que Paco tantos discursos ten compartido. Todo acaba.


Alá nos lonxanos anos sesenta do pasado século, coñecín en Caldas de Reis a un home que se chamaba Paco García, que era barrendeiro de profesión e que vivía na Avenida Dona Urraca, máis coñecida como a "carretera de Portas", tiña unha querida e respectada familia numerosa, a familia García Gamallo, cunha esposa exemplar e admirable. Daquela, dita bonita e pintoresca avenida estaba flanqueada nas súas dúas marxes por candasúa ringleira de plátanos que lle confería un aspecto moi particular, que a facían moi fermosa, as árbores chegaban ata a estación de ferrocarril de Portas, tristemente desaparecida igual que as árbores, xa que viñera unha febre de talar árbores e todo perdeu o seu propio aspecto de tantos anos. Paco e as súas árbores xa son historia.

Pero, ao que íamos, Paco era un traballador moi cumpridor coas súas tarefas como funcionario municipal, cunha familia numerosa á que manter. Daquela os barrendeiros elaboraban a maioría dos elementos cos que traballaban con materiais obtidos da propia natureza, con pequenas ponlas e ramallos confeccionaban as súas basoiras e outros útiles para o seu traballo cotiá. O noso home traballaba arreo e sacaba a súa familia adiante naqueles tempos de penuria e atraso. Como xa teño dito máis dunha vez, aquela Caldas de Reis dos anos sesenta, anos da miña nenez, era unha vila entrañable e familiar, onde todos os veciños nos coñeciamos e tratabamos.

Pois ben, algunhas veces, á tardiña, cando Paco volvía para a súa casa, ía un pouco bébedo e dando pequenos tombos polo camiño, paraba e con acenos e braceando, poñíase a pronunciar os seus discursos, tendo como público oínte, ás sofridas árbores das beiras da avenida, falaba de todo e dalgunhas cousas que daquela non era doado falar en circunstancias normais; pero, que se lle permitían aos bébedos e aos tolos. Pero, Paco non tivo problemas, ningunha árbore o denunciou nunca. Ninguén o escoitaba, só as silandeiras e maxestuosas árbores e algún que outro meniño coma min. Sen dúbida as árbores e os nenos podían apreciar e estar de acordo con aqueles solemnes e sentidos discursos. Os marmurios das follas e o bater das ponlas coa brisa eran os aplausos daquel público entregado e como as árbores tamén falan, expresaríanlle as súas opinións e daríanlle palabras de aprobación polos seus elaborados parlamentos, cando só eran sempre os mesmos os que parlamentaban e sen disensións. Naqueles tempos, quen podía falar e opinar libremente? Só Paco e as súas árbores, as árbores da súa avenida. Coas que discursaba cando volvía algo contento para a súa casa, na Avenida de Dona Urraca. Que Caldas aquela dos 60? Quen poderá esquecer aquelas lembranzas e vivencias xa idas? A Paco e ás árbores oínos falar máis dunha vez, naqueles tempos felices e inocentes da miña infancia caldense e hoxe como naquel onte aínda esbozo un sorriso vendo a Paco cunha man na botella e coa outra facendo acenos, arengando a aquelas árbores desparecidas.

domingo, 15 de junio de 2014

CALDAS DE REIS E ALGÚNS DOS SEUS PERSONAXES POPULARES: JUAN LOSADA



En Caldas, alá polos anos sesenta, cando tiven a sorte de vivir alí os meus anos de infancia, había un personaxe inconfundible, que todos lembrarán, porque formaba parte da paisaxe urbana e humana da vila termal. Tratábase de JUAN LOSADA, unha persoa diferente, inofensiva; aceptada, podíase dicir incluso querida; pero, marxinada pola enfermidade mental que padecía. Meu avó, Sr. Manuel, "o Ghatillo", tíñame dito que Juan fóra moi listo, que escribía moi ben e que tiña unha moi boa caligrafía e que a orixe do mal de Juan estivera na mordedura dun can con rabia, comentaban que o Sr. Losada fóra unha persoa moi intelixente antes de enfermar.

Juan Losada deambulaba libremente pola rúas e prazas da fermosa vila de dona Urraca, tiña as súas manías, algunhas moi curiosas: moitas veces, sobre todo cando se poñía nervioso, daba uns pasiños adiante, outros atrás, semellaba que quedaba atascado, bloqueado, que non era capaz de seguir a marcha normal, logo duns intres, seguía camiñando. Outra, na fonte das burgas, tiña un xeito moi peculiar de lavar as mans, facía unhas ablucións moi seguidas, bruscas, repetitivas, frotando as mans e mobendo os dedos. Non soportaba que lle asubiaran, algúns desaprensivos facíano para poñelo nervioso e descontrolalo. Era un fumador compulsivo, sempre apurando a colilla nos seus beizos. Pedía á vontade, sobre todo para poder mercar tabaco.

Vivía cun irmán e cunha irmá solteiros, aos que lle tiña un gran respecto, sobre todo ao irmán, na rúa ou travesía da Ferrería, entre o hotel Acuña e a famosa tenda de Ultramarinos de Manuel Froján. Cando Juan Losada se quedou sen familia foi recollido no Asilo da vila. Xa andados os anos oitenta, foi traslado para outro pobo o que provocou certo malestar e descontento na vila, da que Juan Losada era un elemento indispensable, característico. Miña lembranza agarimosa e o meu respecto para Juan Losada, quen apreciaba moito ao meu tío Manolito, quen se ausentara de Caldas nos anos 1966 e 1967 para afincar en terras barcelonesas, aínda nos anos oitenta, Juan cando me vía, me preguntaba por el. Que Caldas aquela que se perde bretemosa no transcorrer inexorable do tempo!

miércoles, 16 de octubre de 2013

CALDAS DE REIS NA MIÑA LEMBRANZA

Eu cheguei a Caldas de Reis de bebé no ano 1957 e permanecín na vila termal de xeito continuo ata o ano de 1970. Pasei, pois, a primeira etapa da miña vida na vila real (a de dona Urraca e Afonso VII) e sempre que podo retorno a feliz infancia en Caldas. As lembranzas van sendo xa brumosas, a memoria selectiva vaise quedando con algúns retallos e con moitas lagoas, mais gústame recrearme no que aínda permanece, de moita xente esquecín os nomes, pero aínda reteño moitas anécdotas e vivencias, algunhas xa foron recollidas nesta bitácora, sempre hai o perigo das repeticións, ímonos facendo vellos, o paso inexorable do tempo non se detén, a brétema do Umia envolve o meu pensamento, aquela humidade do querido e recordado río fería daquela a miña feble gorxa que naqueles tempos era un dos meus puntos fracos. A foto que ilustra esta entrada, datada o 28 de abril de 1964 e realizada por FOTOS SAMPAYO, fai referencia ao que entonces chamabamos o Punto, lugar onde un garda municipal dirixía o tráfico e preto de onde estaba a parada de autobuses, diante dos grandes e senlleiros magnolios que aínda perviven e que daban entrada a antesala do parque xardín e onde estaban daquela a Escola Graduada de Nenos, dirixida polo inesquecible D. Victoriano Rosales, e a Escola Graduada de Nenas, dirixida por Dna. María Sarandeses. Estaba a liña de autobuses A Estradense, que facía o percorrido da Estrada a Pontevedra e viceversa e tamén a do famoso Castromil que unía Vigo con Santiago. Logo estaba o autobús do señor Sinsonte que facía o servicio á estación de ferrocarril de Portas. Meu tío Manolito e mais eu viñamos de recoller un paquete na parada dos autobuses, a Sra. Estrella, esposa dun coñecido traballador do servicio municipal de limpeza, facía o servicio de reparto de paquetería das distintas liñas de autobuses. Tamén recordo que na Prazuela había unha coñecida carnicería da familia Fariña Muñiz que un día á semana poñía á venda uns deliciosos “rixóns”, valía unha peseta o cucurucho. Lembro que en Caldas, naquel tempo, había tres farmacias a de Pura Parga Vázquez (onde traballaba meu tío Manolito), a de D. Paco Álvarez, que chegara a ser alcalde, e o seu fillo Paquito que fóra meu compañeiro no colexio San Fermín dos Padres Somascos, e a de D. Ramón Suárez que estaba preto do Hotel Balneario Dávila e a fonte das burgas. Xa que mencionei aos somascos, lémbrome especialmente do padre Lorenzo, que foi superior e director, e que permaneceu ata o seu pasamento en Caldas, o padre José, o padre Jorge (quen me preparou para a primeira comuñón) e o mozo padre Federico. E xa que falamos de relixiosos, endexamais esquecerei ao pasionista, padre Ismael, quen me fixo participar por primeira vez na lectura do evanxeo nunha misa, tiña eu sobre nove anos e nun domingo de Ramos lin toda a Paixón, paseino moi mal, pero quedeille para sempre agradecido ao padre Ismael. Finalmente, remato cunha anécdota verídica, que é posible que contara algunha vez, de parvuliño estudiei no Colexio da Encarnación, que daquela rexentaban as Hermanas de la Doctrina Cristiana, é unha da relixiosas que se chamaba a madre Aurelia e que era tan baixa que parecía por pequena un de nós, era moi simpática, recórdoa cantándonos con xestos algunhas cancións infantís, tamén teño unha lembranza difusa dunha relixiosa alta e moi boa, que morrera estando alí no colexio, e que nos introducira magnificamente na lectura, lembro varios libros, o meu preferido titulábase HEMOS VISTO AL SEÑOR, pero tamén estaban AMIGUITOS, o RAYAS e os inefables cadernos de escritura e cálculo, RUBIO. Pero, ao que ía, a anécdota, empezaramos un dos cursos de parvuliños e un compañeiro que se chama Eugenio Torres, que hoxe é médico, incorporouse ás clases máis tarde e sentou ao meu carón, pero non deixaba de chorar e chorar, eu para que calara e se consolara, fíxenlle, realizando dobreces nun papel, unha especie de acordeón, cando estabamos neste choio, unha mestra leiga que chamabamos dona Emilia, e que era sobriña do cura párroco de Santo Tomás, daquela D. José Grande Bayón, non sei o que debeu interpretar que non se lle ocorreu máis que poñerme como un lazo dito papel na miña cabeza e levarme para expoñerme polas outras clases (aínda hoxe é algo que non podo comprender), nunha delas, estaba unha miña veciña da rúa dos Fornos, que ao verme daquel xeito botou a rir sen parar e fíxome rir a min tamén. O que sei, é que rematamos os dous na clase da monxa que era a superiora, quen nos mandou poñer de xeonllos, como Mari Carme, a filla de señora Nilda e do señor Manuel, que tiñan unha famosa e coñecida panadería na nosa rúa, non paraba de rir, a monxa lanzounos ao rebolo unha campaíña de bronce que tiña na súa mesa, menos mal que non tivo puntería e non nos dou a ningún dos dous, o que puidera ser unha desgracia. Bo, eran cousas daqueles felices e grises tempos idos. Outro día retornaremos a Caldas de Reis.

martes, 1 de enero de 2013

RETORNO A CALDAS DE REIS

A néboa do tempo vai escurecendo as lembranzas dos tempos idos da infancia en Caldas de Reis, as brétemas do Umia ao anoitecer, aquela lúa chea e aquel ceo estrelado que contemplaba mentres as mulleres da casa xunta a outras mulleres veciñas lavaban a roupa no lavadoiro de auga quente, auga termal, fronte ao xardín e ao canaveiral do Hotel Balneario Davila, ai! O Hotel Dávila! Que marabillosas lembranzas! Eu fun botóns dese familiar hotel, alí aprendín moitas cousas e tiven moi agradables experiencias, nos veráns de 1969 e 1970 realicei alí dous cursos acelerados de convivencia e de aprendizaxe da vida. Lembro a D. Ramón Legerén, un home extremadamente educado e prudente, tiña sido docente en algunha famosa e antiga academia de Caldas, tamén fora mestra a súa exquisita esposa, Dna. Luisa. A familia que rexía o hotel balneario tamén contaba con outros membros, entre eles, D. David Legerén, que tristemente falecía no verán de 1969. Estaban os sobriños que serían os sucesores e herdeiros, Dna. Ana que tiña tres fillos amigos e compañeiros de infancia e de grato recordo, Ana, Juan (desgraciadamente e de xeito prematuro xa falecido), e David, quen rexenta na actualidade o negocio familiar. E estaba o querido e simpático, Suso. A nai de Dna. Ana e de Suso, Dna. Balbina era unha gran reposteira. Todos tiveron conmigo un trato exquisito e agarimoso que eu correspondín e correspondo neste retorno á miña querida vila termal. Tamén o meu recordo para os traballadores do hotel, meus queridos compañeiros, personalizo a lembranza en dous, dos demais reteño as caras e a imaxe daqueles tempos, pero xa non os nomes, falo de Sr. Ramón (encargado de mantemento)
e de Maruja, toda unha institución e eficiente encargada do comedor. Naquel hotel traballín e realicei as típicas falcatruadas de rapaces, nun entorno privilexiado, natural e socialmente falando. Recordo o xogo da escondite no extraordinario canaveiral, o que poñía furioso a D. Ramón, porque podían danarse as raigames que renovavan o curioso e digno de ser visitado canaveiral, nas tardes soleadas do verán, e á apacible sombra lía e dormitaba o grande Álvaro Cunqueiro, un dos egrexios clientes do hotel, xa que había unha moi boa cociña (sabemos das exquisiteces gastronómicas do grande poeta e escritor galego) e un trato moi familiar. D. Álvaro, que daquela era director do Faro de Vigo, unha tarde calorosa, penso que de agosto, púxose a falar comigo, contábame historias moi fantasiosas e de ricaz vocabulario, mágoa que non forán agora ditas conversas cando lle podía sacar substancia. A D. Álvaro, pola mañán, leváballe todos os días o Faro e o ABC, que eu mercaba na librería de Luisa, e dáballe os recados dos seus amigos endovélicos (Máximo Sar, Hipólito de Saa,...), que organizaban xuntanzas cunha boa mesa por medio no bar restaurante do Sr. Ventura (un grande personaxe de Caldas), que se chamaba popularmente daquela O Cabaret. Outra importante personalidade que frecuentaba o hotel e que eu tiven a sorte de coñecer, foi o Dr. Santos Junior, eminente sabio portugués gran amigo de Filgueira Valverde. O Dr. Santos Junior tiña un Volkswagen, que se coñecía como escarabello, era un coche moi curioso cuns intermitentes que se abrían en pechaban, un home digno de ser coñecido, hai algúns poemas del adicados as augas termais de Caldas, que se conservan en pequenos mosaicos ao estilo portugués nas instalacións do balneario. Outra persoa que coñecín no verán de 1970, foi Mme. Lechaud, unha distinguida suiza da cidade de Xenebra, serviume para repasar e afondar no francés que aprendera no curso, moito lle debo a Mme. Lechaud, a ignorancia do pobo non vía ben que eu me relacionara con dita distinguida e culta señora estranxeira, quen non me facía máis que ben, dicíanlle a miña nai: “Maruja, vaiche endroghar ao meniño”, que leixos estaban de saber que para min era fonte de sabiduría e cultura. Un día fíxome encargar un taxi para todo o día (o do Sr. Marcelino) e alá fomos a Santiago de Compostela, maxinades o meu asombro e pracer, visitar a catedral cun guía de lingua francesa, logo ela fixo algunhas compras, lembro o de unhas luvas de coiro, xa que ela era mestra de equitación, recordo que me dixera que entre as súas alumnas estivera a princesa Ana de Inglaterra. Que grande experiencia e que pracer o ter coñecido a Mme. Lechaud! Logo estaba a relación coas nenas e nenos da vecindade do hotel, os fillos de Fernando “O Linterneiro”, Carmencita, Vicente, Miguel; o fillo do director da sucursal da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, Sr. González, ao neno, que foi compañeiro meu no Colexio dos Somascos e que fixemos xuntos a comuñón, chamabamoslle “Yuyo”. Aqueles dous veráns de botóns no Hotel Dávila de Caldas de Reis non os esquencerei endexamais. E sobre eso, xa voltarei outro día a Caldas, téñovos moitas cousas que contar.

lunes, 10 de septiembre de 2012

REPENICAR DAS CAMPÁS

É mágoa que agora non se escoite tanto o repenicar das campás. Antigamente, as campás marcaban a regulación do tempo, tocaban a morto, tocaban a arrebato para avisar de calquera perigo ou emerxencia, por exemplo, dun incendio para que os veciños acudisen a sofocalo. Nos mosteiros indican as distintas tarefas e oracións que teñen que facer os monxes ou as monxas. Famosos son os rezos da liturxia das horas, co seu respectivo toque de campás: a maitines, tertia, nona, vísperas... Pero, imos falar dun toque especial de alegría, o repenicar dos días de festa; por exemplo, da festa do patrón ou da patrona ou o repenicar da vixilia pascual e do domingo de pascua. Na parroquia de Santo Tomás Bécquet de Caldas de Reis nos anos finais da década dos sesenta do pasado século XX, había un monaguillo que tiña un don especial para repicar, era un espectáculo velo bailar tocando, repenicando as campás, xa temos falado del noutras entradas, trátase do meu amigo da infancia, Manoliño, o de Inés. Ía daquí para acolá, tocando as distintas campás que había no campanario, naquel tempo moi perigoso; pois, estaba moi deteriorado e mal coidado, Manoliño obviaba o perigo e voaba, bailaba indo dunha campá a outra, unhas pequenas, outras máis grandes, cada unha coa súa fala, co seu toque peculiar que tan ben coñecía o Manoliño. Cada campá tiña a súa personalidade propia e o meu amigo coñecíaas como se foran as súas amigas, creo que lle tiña un nome a cada unha. Era un artista, era o monaguillo que daquela mellor manexaba as campás. Aquel campanario máxico coas súas vistas aos catro puntos cardinais, de alí había unha magnífica panorámica das terras do Umia; ao lonxe: Saiar, Bemil, San Clemente, San Andrés de César, Tibo, o Umia, o pai de Caldas de Reis, esa querida vila das miñas lembranzas infantís.

martes, 17 de julio de 2012

A FESTA DA BANDERITA EN CALDAS DE REIS

Non se trata dunha festa da Cruz Vermella, como a que se celebra na capital do Reino, recordo na miña alma de neno que nos anos sesenta do pasado século, na parroquia de Santo Tomás Bécquet de Caldas de Reis, en tempo de Pascua, máis concretamente, no domingo de Resurrección, celebrábase unha procesión moi alegre e chea de corido, que quedou gravada na miña lembranza da infancia na querida vila termal, tratábase da procesión chamada da Banderita, na que se celebraba a Resurrección de Xesús. Os protagonistas eramos os nenos e nenas, que levabamos unha pequena bandeira de cores, que axitabamos ao vento. Algunhas delas coas cores da bandeira nacional española, a galega, desgraciadamente non a coñecíamos, era inexistente. Constituía un acto pintoresco e cheo de ledicia. A maioría dos cativos e cativas tiñan confeccionado eles mesmos a súa bandeira, pintando e coloreando os papeis que se colocaban nun mastro de cana e que se levantaban e axitaban ao paso da imaxe de Xesús. Aquelo era algo impresionante, alegre; multitude de bandeiras multicores que percorrían as principais rúas de vila de dona Urraca, sobre todo ao longo da rúa Real, tan fermosa daquela, cos seus estupendos soportais, a maioría, lamentablemente hoxe perdidos. A xestión urbanística na nosa terra case sempre tan lamentable, canto bo se perdeu! Naqueles días de pascua era cando os rapaces estreaban algo (poucas oportunidades había para elo), que se uns zapatos, unhas zapatillas, algunha peza de vestir. Logo estaban as gorentosas bicas, co rico pan de Caldas, coas bicas os padriños agasallaban aos afillados na Pascua. As bicas eran uns saborosos bolos de pan cun ovo no medio. Este típico producto gastronómico preparabase e cocíase nas numerosas e excelentes panaderías da vila. A da miña rúa, rúa dos Fornos, era a panadería da señora Nilda e do señor Manuel, un forno excelente que lembrarei noutra oportunidade. Venme o sorriso cando aínda lembro a baixada desta procesión pola costa da "Plazuela", fronte a antiga zapatería de Zarategui, cos cantos e co balbordo infantil, que se producía naquela alegre e pintoresca procesión que quedou impresa no meu corazón, como todo o de Caldas, así sigo a Proust e rescato o tempo perdido, un xeito de revivilo e facelo presente.

miércoles, 15 de febrero de 2012

CALDAS, NA ALMA DA INFANCIA





Sempre é bo volver a recuperar a infancia perdida, ese lugar recóndito gardado no máis fondo do corazón, no máis íntimo da alma, no curruncho gardado da memoria.
Imos retroceder no tempo, ao 6 de xuño do ano 1965, estamos na antiga capela do Colexio "San Fermín" de Caldas de Reis, dos "Padres Somascos", na imaxe estamos uns nenos, compañeiros de estudos que recibiron a Primeira Comuñón das mans do daquela director do centro, o moi coñecido e popular, padre Lorenzo.

É mágoa, pero de dous compañeiros esquecín o nome e apelidos, non así dos outros, dos que vou reflectir as miñas lembranzas.

José Antonio, que é o neno con gafas que está preto do padre Lorenzo, el mais eu fomos compañeiros e amigos, compartimos moitas xeiras de lecer e de xogos, enredabamos na sastrería do seu avó coa miña recordada caixa de indios, vaqueiros e demais, e co meu tren eléctrico (a pilas), José Antonio xa de pequeno tiña afección pola electrónica e tivo a feliz idea de enchufar o meu tren á rede eléctrica, como consecuencia fundíronse os plomos da súa casa, que provocou a estrañeza e enfado da súa nai; e o meu tren, coido que non funcionou máis. Tamén na súa casa víamos a TV, entre outras cousas, os CHIRIPITIFLÁUTICOS con Valentina, o capitán Tan, Locomotoro, "los hermanos mala sombra", ou o popular concurso, CESTA Y PUNTOS. Tamén frecuentabamos os dous xuntos a Biblioteca Pública, el manexaba libros de Electricidade e Electrónica e eu coas Aventuras de Tintín, os libros de Jules Verne e as Aventuras de Guillermo da editorial Molino. José Antonio pasaría, andado o tempo, a ser profesor do lembrado colexio da nosa infancia.

Con Yuyo Carbón, que é o máis baixiño da fila de diante e está a carón do máis alto e co cabelo roxo, Miguel Ángel e tamén ao meu lado, teño pasado intres moi divertidos e inesquecibles. El era un gran afeccionado á pesca naquel gran río, o troiteiro, Umia. O río querido da miña infancia, onde tantas vivencias e experiencias atesourei. Non podo entender e amar a Caldas de Reis sen o seu río, o meu río. Yuyo mais eu, acompañados ao órgano polo pai pasionista, Ismael, temos cantado algunha que outra misa na parroquial de Santo Tomás e temos feito algunhas visitas ao querido e popular Asilo de Caldas. Yuyo que pertenceu ao grupo de Coros e Danzas, que dirixiu D. Clemente Viqueira, aparece bailando unha danza galega na película rodada en Caldas, no entorno do bar O Muíño, MÁS ALLÁ DEL RÍO MIÑO, da que xa temos falado noutra entrada.

Os dous xa citados foron cos que eu máis me relacionei; pero, lembro tamén con agarimo a Miguel Ángel, que era un magnífico estudiante, tamén o recordo como incipiente violinista. El tamén, segundo me dixo, chegou a estudiar co gran mestre, D. Victoriano Rosales, a quen os ex alumnos da miña época en Caldas deberamos organizar un encontro na súa homenaxe e lembranza.

Tamén me era moi simpático, Marcelino, que está na fila de atrás, o primeiro pola dereita, quen chegara ao colexio procedente do Brasil, chistábame moito o seu característico acento brasileiro ao falar.

Muñiz, que está na primeira fila, o primeiro pola esquerda e ao meu lado, vivía na rúa Real, preto da ponte do río Bermaña, os seus pais rexentaban unha carnicería na Praza de Abastos. Lembro as famosas festas de San Xoán, coa súa popular e grandiosa fogueira situada no campo da Torre, moi preto da casa de Muñiz. Desgraciadamente, había moito campo e nada de Torre, a torre de dona Urraca, ou do conde de Trava, onde tiña nacido o emperador Alfonso VII, foi destruida por "inconscientes" a finais do século XIX, que enorme perda para Caldas!

Esta foto propiciou unha viaxe no tempo, no tempo do maxín e da nostalxia. Caldas sempre, Caldas.

(Se alguén coñece o nome e algún dato dos dous compañeiros que recordo, pero lamentablemente sen poder nomealos, que faga algún comentario, grazas).

martes, 2 de agosto de 2011

OS MEUS RÍOS DA INFANCIA



“As nosas vidas son os ríos…”


O UMIA

Río Umia saudoso
Baixa canso, lentamente
Polas fermosas terras
De Caldas de Reis.


Pobo da miña infancia,
Lugar dos soños queridos,
Nas ribeiras do Umia
que ben o pasei!


O río non se quere ir
Que fermosas as meniñas de Caldas!
Que raparigos tan ledos!


Sorrinte o Umia, moi quedo,
Baixa de Segade, paseniño.
Fervenza das horas perdidas,
Baixa o río acariñando ós sauces choróns,


Deixando as súas pingotas na feira,
A fina e doce néboa
Na vila nas noites de outono,
Nas noites de invernía.


Soan melancólicas as campás
Da igrexa parroquial;
Non se quere ir,
Non quere morrer no mar.


Umia da miña infancia,
En ti aprendín a nadar,
En ti fican os meus soños
Quen os puidera apreixar?


Vaise o río como a vida,
Vanse as xentes nas paisaxes
Idas; paseniño, paseniño
Vaise o río como a vida.


O MIÑO


O Miño vai facendo país
Mentres percorre as terras
Dunha doce e verde Suevia.
Dende o Pedregal de Irimia


Baixa o rexo Miño
Bicando á provincia luguesa,
Abrazando levemente a Auria,
Morrendo nos brazos da Garda


Acariñando na súa agonía
Ó querido e desexado Portugal,
Antes fixo parada en Tui,
Cidade de dona Urraca,


Cárcere e esperanza de ilusións,
Paseos na Corredoira,
Xogos e agoiros no Aloia;
Tui na sombra, sempre Tui.


O río vai morrendo,
O río vai construíndo,
Vai esmorecendo
Nun antigo e vital país.


Galicia non esquece ó seu río,
Non esquece ó río que lle da o ser.
Río Miño, señorial,
Polo seu leito corre o noso historial.

viernes, 8 de julio de 2011

VACACIÓNS




Palabra máxica. As vacacións supoñen ter mais tempo para o lecer e para dedicarse ás actividades que a un lles gustan máis.
As lembranzas desta palabra asócianse coa luz da infancia, cando existía outra percepción do tempo, aqueles longos e luminosos veráns de calor...
Os primeiros baños na praia fluvial de Caldas de Reis, aquela chamada Ínsua, preto de Saiar, a aprendizaxe a nadar naquel fermoso, grande e próximo río Umia, o río da miña infancia, luminoso e fresco no verán, bretemoso no inverno. Naquel tempo o río estaba máis preto, había unha vivencia do río máis intensa, os baños, a pesca, as lavandeiras. O río non estaba contaminado, era un río moi troiteiro. Os nenos collíamos de cando en vez un escalo para observalo e xogar con el. Nas ribeiras aniñaban as fermosas nutrias e as denonciñas, era un río xeneroso con moita diversidade de vida.
Os paseos á beira do río ata chegar á fermosa fervenza de Segade. A remontada en barca ata chegar ao chamado merendeiro na parte baixa desa fluvial aldea, chea das lembranzas dos seus antigos muíños. Aínda que se actuou nesa zona, habería que recuperala e poñela en valor, restaurar os muíños, recuperar as remontadas nas barcas, protexer todo o río e o seu entorno, o embalse (lemantable erro) río arriba, habería que decidir que facer con el. O mellor sería que todo voltara a ser como antes; pero, non sei se eso será posible. Se o río volvese a ser o de antes, penso que se podía mellorar tendo outra mentalidade e coidando ben o entorno natural, todo sería máis doado.
As camiñatas polo monte ata chegar aos lugares de San Clemente e de San Andrés de César, observando á benigna Natureza e escoitando as sabias leccións do avó Manuel...

Logo o descubrimento do mar, do mar de Arousa; aquela praia de Compostela dos anos 60, con aquela area fina e dourada, na Concha podíanse coller os abundantes e saborosos berberechos e algunhas ameixas e navallas, comíanse alí mesmo crus e que ben sabían! Xogos nas praias cos curmáns e co tío Manolito, sorrisos con sabor a mar, arrecendo de algas no tempo, calidoscopio deformante dos tempos idos, solpores de sons e músicas dos que aínda quedan os ecos, búsqueda do Raio Verde nas tardiñas estivais, cando Lourenzo caía co sono, no horizonte debuxado coa liña da serra da Curota.

O regreso a Caldas en tren, aquel tren de vapor, se te asomabas ás ventaíñas pícábanche os ollos coa carbonilla que desprendía a chimenéa da locomotora, nos vagóns aqueles asentos de madeira, o traqueteo do tren... A estación de Portas tiña o seu encanto daquela, coa súa cantina, co seu xefe de estación. Logo o autobús do "Sinsonte" ata Caldas percorrendo a avenida de dona Urraca, a estrada tiña a ambos lados unha longa ringleira de plátanos, que lle daba un aspecto fermoso e maxestuoso, aquelas árbores murmaraban as súa cousas polas noites, eu seino ben, sobre todo ao pasar preto do cimiterio da parroquia de Santa María de Caldas coa súa fermosa e interesante igrexa parroquial do século XII. Parroquia de gratas lembranzas da miña infancia, alí fun catequista aos 10 anos, cantaba nas misas,facía as lecturas, rezaba o rosario,... D. Marcelino Torres Villar era o párroco daquela, alí escoitei no ano 1967 ou 1968 as primeiras lecturas en galego nas misas e escotei falar dun sabio pontevedrés, Filgueira Valverde, que algo andaba a investigar sobre uns frisos mal ubicados e abandoados, con certo valor e antigüidade e que podían ser noticia da Descoberta de América, veu facer fotos e reclamar mellor trato para ese documento en pedra (temos lle dedicada ao tema unha entrada antiga).
Nos veráns da infancia caldense tiven observado moito o ceo nas claras e despexadas noites de xullo e agosto. A avoa dicíame que non ollara para as estrelas, pois por cada unha que mirara creceríanme espullas. Eu non facía caso e miraba entusiasmado aquelas estrelas escintilantes e pensaba que habería alá tan lonxe?, as estrelas parecía que me chiscaban o ollo con aqueles latexos lonxanos do seu brilo.

Vacacións asociadas coas lecturas, aquelas visitas primeiras á Biblioteca Pública de Caldas, as lecturas dos primeiros Tintín, As aventuras de Guillermo da editorial Molino, A illa do Tesouro, o descubrimento de Verne, Heidi de J. Spiri, os cómics de Mortadelo e Filemón, Anacleto, O botones Sacarino, Zipi e Zape, TBO, o Capitán Trueno, Jabato, Pantera Negra, as Fazañas Bélicas, as Historias do FBI... Todas esas historias encheron os meus veráns. Ademais dos xogos infantís e a convivencia veciñal, ás veces os adultos xogaban e disfrutaban con nós, veráns dos anos 60 non volverán... Pasou a nenez.

Agora son outros veráns, outras historias, outros tempos. Intres de madureza con outros encantos... Benditas vacacións!