miércoles, 6 de noviembre de 2013
XII MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE
O martes 5 de novembro, deu comezo no Salón de Actos do Museo de Pontevedra no VI edificio o XII MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE, cunha conferencia de Eduardo Méndez Quintas, membro da Sección de Etnografía e Arqueoloxía do Instituto de Estudos Miñoranos, titulada: O MÁIS ANTIGO POBOAMENTO DE GALICIA 50 ANOS DESPOIS DAS GÁNDARAS DE BUDIÑO: CRÓNICA DUN PRESENTE E DUN FUTURO PROMETEDOR.
A Vicerreitora do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Antonia Blanco Pesqueira, abre o acto e cédelle a palabra ao Director do Museo de Pontevedra, José Carlos Valle Pérez que fai mención ao historial de Memorial, que nestas doce edicións sempre aportou estudos, referencias e adiantando commemoracións que logo terían lugar na sociedade nos meses seguintes. Este ano non se commemora nada en especial; pero, ofreceranse novas, informacións, estudos sobre a nosa Prehistoria, esta iniciativa xurdiu despois das novas montaxes das coleccións permanentes no edificio Sarmiento do noso Museo. Finaliza as súas palabras co agradecemento aos colaboradores e patrocinadores, así como a importante presencia de público neste primeiro día do memorial.
Seguidamente, a vicerreitora cédelle a palabra a José Fernando Filgueira Iglesias, Presidente do Patronato Filgueira Valverde, quen lembra a importancia da desaparecida Cátedra Filgueira. Agradece á Vicerreitora do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo a súa aposta por este Memorial, que pretende divulgar o labor docente e investigador de José Fernando Filgueira Valverde. Agradece á Universidade, á Deputación Provincial de Pontevedra, a José Carlos Valle Pérez e a todo o persoal do Museo de Pontevedra, así como ao numeroso público asistente.
Toma a palabra a Vicerreitora que indica que a Universidade de Vigo está interesada en potenciar o Memorial, que estos outonos xa son algo clásico en Pontevedra, incluso debido a que xa hai varias edicións nas que ela participa e xa recoñece a persoas asiduas na asistencia a este acto cultural. Engade finalmente, que é un pracer traballar neste memorial por todas as persoas e institucións que o promoven. Dálle paso ao conferenciante de hoxe.
Eduardo Méndez Quintas, empeza comentado que é gratificante e estimulante o papel que vai cobrando o Paleolítico nos estudos prehistóricos da nosa terra, xa que antes o paleolítico galego como que non aparecía. Foi un momento interesante nas investigacións prehistóricas de Galicia o inicio dos traballos de estudo das Gándaras de Budiño na década dos 60 do pasado século XX. E imos falar dun período que se vai repetir nesta disertación, o chamado período achelense. A terminoloxía que se emprega nos estudos do Paleolítico é moi específica e pouco utilizada noutros ámbitos. No Plioceno empezamos a considerar á especie humana, que se diversifica e espalla no período do Pleistoceno. O Paleolítico e a etapa máis antiga no estudo histórico da especie humana. O proceso cultural humano desenvólvese en gran parte no Paleolítico. Galicia non estaba desvinculada do que pasaba no resto de Europa nesta época. Constatar que xacementos moi antigos de case un millón de anos atópanse na Península Ibérica como son os xacementos de Atapuerca e de Orce. O chamado Homo Georgicus, atopado en Georgia ten un millón oitocentos mil anos.
HOMO GEORGICUS= HOMO HABILIS + HOMO ERGASTER. O Homo Antecessor atópase en Atapuerca e son os primeiros poboadores de Europa. Os colonizadores de Europa pertencían ao chamado HOMO NEANDERTALENSIS. E nos poboamentos que ocupaban aparecen as ferramentas ou industrias formadas por núcleos e lascas. No Paleolítico medio aparece unha utillaxe especializada sobre lasca de carácter máis sofistificado e elaborado. // PALEOLÍTICO ANTIGO - OLDUVAIENSES - ACHELENSE - MUSTERIENSE. Os achados do Paleolítico Antigo de Galicia sitúanse na Conca do Miño, especialmente na zona do Baixo MIño e os xacementos atópanse nas chamadas terrazas fluviais. O río ao longo do tempo vai xerando depósitos, sobre todo nas súas beiras. Hai estratificacións xeradas en distintas épocas no cauce do río. O xacemento do Cabrón está localizado no Concello de Arbo e foi descuberto por MANUEL LEDO, a quen debemos os importantes estudos sobre o Paleolítico galego, grazas a el podemos coñecer e saber o esencial sobre esa época en Galicia. Os traballos sobre o xacemento achelense de Cabrón atópanse nunha terraza de 32 metros. Nel hai unha importante concentración de materiais traballados, inxentes cantidades de bifaces, lascas. Trátase dun xacemento moi ben conservado, un dos mellores conservados ao aire libre. Os bifaces son de características morfolóxicas moi ben acabadas. Son cuarcitas, materiais óptimos para traballar, fendedores, bifaces, lascas; materiais líticos en morfoloxías moi ben acabadas, son materiais do período achelense de entre douscentos mil e setecentos mil anos, inclínome polos 300.000 anos. A zooloxía daquel tempo nesta zona estaba constituída por elefantes, leóns, hipopótamos, rinocerontes; que logo desaparecerían de aquí. /// O xacemento de Porto Maior está situado no Concello das Neves, as súas condicións xeolóxicas a grande escala son óptimas. O seu descubridor foi tamén MANUEL LEDO, atópase nun piso de 30 metros. Hai unha gran concentración de materiais líticos traballados, foi descuberto no ano 2005. Os materiais atópanse tal como as deixaron os grupos humanos, a posición dos elementos é tal cual a deixaron e están especialmente conservados e son dun tamaño considerable, dos máis grandes conservados en xacementos europeos. Alberga pezas tremendamente grandes, como nos xacementos africanos. O xacemento de Porto Maior apareceu nunha terraza de trinta metros e dunha antigüidade sobre os catrocentos mil anos, o máis antigo de Galicia e un dos máis antigos da época achelense de Europa. A que se debe que todas esas pezas estean xuntas? Non temos explicación. Hai varias conxeturas, varias hipóteses: 1.- Sería un xeito de "ligar", unha motivación de carácter sexual, un alarde do traballo do operario para atraer ás femias. (Non ten moita consistencia). 2.- De carácter formativo, para ensinar aos cativos. 3.- Para acumular stoks, para facer acopio das pezas xa elaboradas para utilizalas nun momento dado, unha especie de supermercado de materiais. (O máis plausible). Con estas observacións finaliza o conferenciante as súas verbas, eran sobre as 22:00 h.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario