jueves, 7 de noviembre de 2013
XII MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE (II)
O mércores 6 de novembro de 2013, ás 20:00 h., da comezo a segunda sesión do Memorial. Antonio de la Peña Santos abre o acto agradecendo a organización deste Memorial por xuntar nesta oportunidade a tres dos grandes pesos pesados da Prehistoria de Galicia. Continúa dicindo que hai máis de trinta anos que coñece e é amigo do conferenciante de hoxe, Ramón Fábregas Valcarce. Os dous somos persoas incómodas para a Administración, un investigador ha ser crítico co poder. O conferenciante de hoxe é o Catedrático de Prehistoria na Universidade de Santiago de Compostela, á condición académica se xunta que é un referente da Prehistoria en Galicia, é a cabeza visible desa disciplina na nosa comunidade. Sempre tivo a iniciativa de formar equipos de traballo. É tamén un dos poucos investigadores de Galicia que da a coñecer os seus traballos por medio de publicacións, ademais é unha persoa culta. Estamos a demostrar nestas xeiras que Galicia non estaba tan atrasada como se pensaba. O concepto tópico de Galicia como un lugar atrasado, estase a amosar inapropiado e estase a rachar con esa dinámica. / Toma a palabra o conferenciante, Ramón Fábregas Valcarce, quen disertará sobre: COVA EIRÓS: OS PRIMEIROS ARTISTAS DE GALICIA. Empeza indicando que non merece as louvanzas e os merecementos que lle atribúe o seu presentador, aludindo á película Doctor Zhivago, e tal como dicía a súa protagonista, non se recoñece nesas palabras. Prosigue sinalando que o labor do investigador, simplificando moito, é resolver problemas. Existe o perigo de que todo o mundo se crea un experto en arqueoloxía. Hónrase de coordinar a equipa que está a desenvolver o seu traballo no interior de Galicia. Fala da Banda Caliza e das Calizas de Cándana e das Calizas de Vegadeo. Só pretende ser un continuador co fin de intentar ir resolvendo problemas. A Cova de Eirós atópase nunha zona de formación de calizas que atravesan a parte oriental de Galicia. Está nunha situación estratéxica, en pleno Camiño de Santiago, está preto da ruta do Val do Miño e do Val do Sil, nunha ruta que leva ao Cantábrico. O xacemento está situado nuha cova realmente pequena na que existen tres metros de estratificacións, cun grande interese arqueolóxico, hai ósos das cavernas de interese paleontolóxico. Fixérase unha sondaxe de apenas un metro cadrado e nesa superficie atopáronse medio millar de restos do Paleolítico. Espera seguir conseguindo financiación do Ministerio para este proxecto de investigación. Empezamos a intervir neste xacemento no ano 2008. Trátase dun dos mellores xacementos do Paleolítico medio e superior de todo o norte da Península Ibérica. Os neanderthais son desprazados de Europa por poboacións procedentes de África dun xeito máis ou menos amable. Na cova existe un dos fogares do Paleolítico medio. Grandes restos líticos moi ben elaborados e cunha complexidade técnica salientable na eleboración de puntas Levalois. E apareceron outros artefactos elaborados con materiais distintos á pedra. No Paleolítico había nesta zona relacións de decenas e centenares de kilómetros. No xacemento de Valdavara traballa o profesor, Manuel Vaquero, da Universidade de Tarragona que ten feito interesantes descubertas preto de Becerreá. Unha das cuestións que se plantexan en Galicia son as referentes a arte parietal. Fálase da aparente soidade do Paleolítico de Galicia en canto a arte cavernaria. Na Cova Eirós - Triacastela (Lugo), como noutros lugares, nos gravados poden se utilizar marcas naturais. Aparecen nela gran cantidade de trazos, signos; pero, son máis escasos os elementos figurativos. A mala conservación das pinturas e gravados obríganos a empregar variadas técnicas, como por exemplo, o programa D-STRETCH. Como dicía Levy-Strauss non hai historia sen datas. En cronoloxía relativa unha maneira de datar son as comparacións, como na Cova Palomera, Siega Verde, podemos ter unha aproximación cronolóxica entre doce mil e dez mil anos, nun horizonte gravetense. Na cronoloxía absoluta, esta cova ten unha longa historia, para datar empregamos a técnica do Carbono 14, as series de uranio, a termoluminotecnia. A Cova Eirós ten unha prolongada historia, atopándose restos de distintas etapas históricas. Fixéronse na cova varios lumes en distintas etapas que causaron certos danos e deterioros. Os lumes das distintas épocas perxudican a datación por medio do Carbono 14. Non obstante, o que parece pintura é pintura. As figuras paleolíticas proceden duns dez mil anos (Paleolítico superior) a data real pode se aproximar aos once mil ou doce mil anos, na etapa magdaleniense. As representacións do panel 3 son do Paleolítico Superior final. Creo que a Cova Eirós non sexa unha excepción, cabe esperar que poidan xurdir máis decubertas con máis restos. Galicia xa non é un sitio tan distinto no Paleolítico Superior. Hai que perseverar, fan falta máis exploracións para descubrir máis xacementos cavernarios. /// Diante da pregunta da posibilidade de que aparezan en Galicia xacementos do Paleolítico Superior ao aire libre. A resposta: Si, pero expostas a un maior deterioro e en materiais de tipo cuarcítico. Remata o conferenciante indicando que se pode proceder a estudos de xenética antiga polos restos óseos atopados e dunha antigüidade de entre doce mil ou dez mil anos. O conferenciante levanta a sesión sobre as 21:20 h.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario