domingo, 24 de noviembre de 2013

BENVIDA A REINAUGURACIÓN DO SALÓN GARCÍA












Como limiar, indicar que os orzamentos públicos deberan repartirse con criterios obxectivos e non con criterios electoralistas ou ser utilizados nun lugar cando converxen administracións “amigas”. Deixando xa clarexado o asunto da utilización dos cartos públicos, que son de todos, dar a benvida á esperada e desexada volta do Salón García, máis coñecido en Vilagarcía como o Mercantil. É unha sala de espectáculos pequena, coqueta, histórica (creada en 1884) e a única que sobreviviu á maldita “piqueta” que levou por diante: o Varietés, o Vilagarcía, o Arosa, o Cervantes, o Fantasio... En Vilagarcía non soubemos respectar a riqueza arquitectónica e o valor histórico de tantos edificios e barrios emblemáticos da cidade, o bestial e erróneo desenvolvemento urbanístico priváronnos de tantos interesantes edificios que só quedan na lembranza e ao ollar vellas fotografías e antigas postais. Ou en documentais, como o estreado nesta reinauguración e confeccionado polo departamento de Comunicación do noso Concello. O Salón García será un lugar oportuno para a utilización de tantos grupos e artistas como ten Vilagarcía, aos que hai que potenciar e apoiar, brindándolles a todos tempos e espacios para que poidan ofrecer a toda a poboación a súa arte. Coas súas 320 localidades é un salón apropiado para espectáculos que non atraen a un gran público, aquí os artistas sentiranse máis acollidos, nun salón familiar e fermoso e non nun frío, mal insonorizado, amén doutras moitas deficiencias, onde con trescentos ou catrocentos espectadores semella que estás na soidade máis absoluta. Con esto, non quero dicir que o Auditorio non teña a súa función e a súa utilidade e que foi un ben para Vilagarcía e que esta se merecía (agravios comparativos si os había en sintonía co que diciamos no limiar) e aínda e a pesares de todas as deficiencias que atesoura un edificio de todo un premio nacional de arquitectura, como algúns din que dixo Castelao: “Cousas veredes”. Dámoslle a entusiasta benvida ao Salón García, que agora dispón de numerosos camerinos, salas auxiliares, almacén... Parabéns e polo menos outros 130 anos máis para o Salón García e que nel se repita moito: Arriba o pano! (AS IMAXES FORON TOMADAS O DOMINGO 17/11/2013, A PARTIRES DAS 13:00 H., NO ACTO DE PRESENTACIÓN AOS GRUPOS LOCAIS DO SALÓN GARCÍA).




No hay comentarios: