viernes, 8 de noviembre de 2013
XII MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE (III)
O xoves 7 de novembro de 2013, como sempre coa máxima puntualidade, sobre as 20:00 h., comeza esta terceira sesión do XII MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE. Procede á presentación do conferenciante nesta sesión de clausura do memorial, José Carlos Valle Pérez, director do Museo de Pontevedra. Indica que o conferenciante de hoxe é o máximo experto do tema que vai desenvolver, a arte do Neolítico en espacios funerarios e vaino facer na súa dobre condición de experto e conservador de arte. O feito de que esta sala estivera repleta de público durante estes tres días, é significativo do interese que suscitan os temas que se trataron. Remata agradecendo ao público a súa fidelidade e tamén amosa a súa gratitude á Vicerretoría do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo polo seu apoio ao Memorial e agarda que o vindeiro ano poida celebrarse aquí mesmo a edición XIII. Cédelle a palabra ao conferenciante, Fernando Carrera Ramírez, da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que vai disertar sobre: ARTE NA ÉPOCA NEOLÍTICA. EXPRESIÓNS EN ESPAZOS FUNERARIOS. Empeza dicindo que coñece de vai moito tempo a Valle Pérez e ao Museo, cos que ultimamente e por medio da Escola Superior de Conservación ten unha constante e fructífera colaboración que desexa continúe. No Neolítico e na época do Megalitismo prodúcese o inicio da agricultura, da domesticación de animais... E xorden as primeiras construccións monumentais, o chamado megalitismo (dolmens, mámoas). Aparecen unhas expresións artísticas e monumentais de certa complexidade. Falamos de hai seis mil anos e as produccións son de gran interese patrimonial. Trátase de patrimonio real, tanxible, relevante; que desgraciadamente carece de recoñecemento social. Os dolméns estaban sempre decorados con pinturas e gravados, alomenos os grandes dolmens. A relevancia social non está conseguida por eivas na súa transmisión e divulgación. Este patrimonio é moi débil e sensible, de difícil conservación e coa posibilidade de que se perda. Oxalá se produza un cambio de tendencia cara a protección deste relevante patrimonio. Na miña faceta de conservador falarei das perdas irreparables que teñen lugar e que se podería facer para frear esta dinámica. Ultimamente, estanse a consolidar equipos de traballo, proxectos de investigación e aumentan as publicacións, os traballos escritos, o número de achados tamén téñense multiplicado, sobre todo de xeito cualitativo máis que cuantitativo, non deixan de medrar o número de xacementos. Irán aparecendo máis monumentos con gravados e pinturas, nos monumentos ao aire libre as pinturas vanse perdendo. Os grandes monumentos albergarían aos difuntos e aos deuses ou a ambos xuntos. Como non trasladaron a monumentalidade aos seus hábitats naturais e cotiás? O carácter funerario está máis relacionado cos "túmulos" que cos dolmens, aínda que coinciden; non ten sentido un dolmen sen "túmulo". E curioso sinalar que os corredores teñen orientación Sur, Sureste. A continuación relaciona toda unha serie moi importante de monumentos: - ROZA DAS MODIAS (Vilalba-Lugo), aquí de momento só se atoparon gravados, cando se excave máis quizais aparezan pinturas. - CHAN DE ARQUIÑA (Moaña - Pontevedra), posúe pinturas. - A MINA PARXUBEIRA (Mazaricos - A Coruña). -ANTA DO MEIXUEIRO (Vigo - Pontevedra). - PEDRA CUBERTA (Vimianzo - A Coruña), con pinturas de moita calidade. - CASA DOS MOUROS (Vimianzo - A Coruña). Lamentablemente todos os dolmens foron violados en busca de posibles tesouros. Posuían técnicas de pintura e destrezas na utilización de distintos materiais e utillaxes, realizaban uns rebocos en branco, entrando na cámara todo era branco e con decoración. - ANTA DE AXEITOS (Ribeira - A Coruña). - DOMBATE. Haberá que tomar as precaucións necesarias para que non desaparezan as pinturas, que o fan con moita facilidade. - ARCA DO BARBANZA (Boiro - A Coruña). Sinalar a relevancia simbólica dos dolmens e a capacidade e habilidades técnicas para trasladar as lousas sen fracturalas e a distancias considerables. ARTE PARIETAL, atopámolo, por exemplo, na MÁMOA DA CRUZ (Lalín - Pontevedra), con interesantes gravados. - PICOTO DO VASCO (Vila Nova de Paiva - Portugal). O gravado e a pintura son fenómenos paralelos. - MOTA GRANDE (Verea - Ourense). - ROZA DAS MODIAS (Ourense). - MÁMOA 2 PORTELA DO PAU (Melgaço - Portugal). PINTURA: Destacan en: - MÁMOA DE EIREIRA (Viana do Castelo - Portugal) con pigmentos vermellos. - MÁMOA DO AGRO DA PENA (Dozón - Pontevedra). - ANTA DE ANTELAS (Oliveira de Frades - Portugal), A paleta de cores que utilizaban eran o branco, vermello e negro. - DOLMEN DO PADRAO (Paredes - Portugal). E os motivos dos debuxos e gravados que se repiten, existindo unha especie de tradición cultural son: ondulados, zig-zags. - DOLMEN DE DOMBATE (Cabana - A Coruña), que está totalmente excavado e que ofrece unha moi ampla e rica información. Nas pinturas topamos dúas técnicas, unha simple e outra complexa. - FORNO DOS MOUROS (Toques - A Coruña). A arte megalítica esta exposta non só ao deterioro da metereoloxía senón tamén as accións humanas. - MÁMOA 1 DE JUNCAL (San Pedro do Sul - Portugal). - ORCA DO TANQUE (V.N. Paiva - Portugal). Sábese que se reutilizaban materiais que se trasladaban doutros monumentos. Como vimos mantendo as grandes construccións do Neolítico contaban con pinturas e incluso esculturas. A arte megalítica é evolutiva, que mellora, avanza, se perfecciona. As lousas que moitas veces son reubicadas e reutilizadas son representacións antropomorfas. - MÁMOA DO MONTE DOS MARXOS (Rodeiro, Pontevedra).: Abrasión, pintura simple, pintura complexa, reestructuración, datación con C-14: 4.380 - 3980 / 3.810 - 3.630. Inclinámonos por unha antigüidade de entre catro mil cen anos e catro mil douscentos. Son tan sensibles a pintura e os monumentos megalíticos que están expostos a múltiples agresións que fan que desaparezan moitos restos. Como xa dixemos repítense nas pinturas e gravados os mesmos motivos (zig-zags, ondulados), incluso un motivo por non sabelo definir nin nomear ben, recibe nunha coñecida publicación a denominación de "la cosa", propio de aquí é a técnica do reboco, que xa temos indicado. Posiblemente o dolmen teña unha orixe funeraria, para co paso do tempo ter un uso como un lugar de culto, como un templo para celebrar ritos simbólico-relixiosos e pasar de ser tumbas comúns a enterramentos de certos caudillos ou personaxes notables. Son cuestións difíciles de dilucidar, de moi complicada contestación. Pero pode constatarse que hai unha certa unidade cultural. A pintura, por exemplo, é unha característica común de todos os dolmens. Diante da pregunta sobre a diferencia entre mámoa e dolmen, o conferenciante contesta que a mámoa e o "túmulo"; mámoa en galego; "túmulo en castelán. E sendo as 21:40 h. finaliza a conferencia e dase por clausurado este XII MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE, en honra e lembranza do erudito pontevedrés que foi director do instituto da súa querida Pontevedra, director do seu Museo e alcalde da súa cidade natal (1959-1968), ademais de ser un dos grandes intelectuais e personaxe importantísimo da nosa amada Galicia.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario