sábado, 1 de marzo de 2014

SOÑOS DE PAPEL E XIZ (I): A tele máxica






LIMIAR

 Comezo así a narrar algunhas das lembranzas de 31 anos de exercicio de maxisterio público. Tratan ser unha homenaxe ao alumnado (centos ou miles de nenos e nenas de  entre os 3 e ata os 16 anos), que me acompañou neste traxecto de ir facendo escola, e que me ensinou tanto; na escola todos aprendemos de todos. Tamén no meu corazón tantos pais e compañeiros que me axudaron a crecer como persoa. Tiven e aínda teño a fortuna no meu traballo de terme atopado con persoas marabillosas, un agradecemento e recoñecemento a un ensino público tan mal tratado, sobre todo, ultimamente, mágoa de que non nos concienciemos de que o ensino é clave para o desenvolvemento e felicidade dos pobos. Tamén a miña lembranza para as magníficas inspectoras de educación coas que tiven e teño o pracer de traballar co fin de ser mellor mestre e construír unha escola para a vida e para a felicidade. Non direi nomes (sería imperdoable non nomear a alguén) indicarei colexios, poboación e curso académico. A memoria fai estragos e para non esquecer tantos intres bos, lembrarei algúns retallos dos meus soños de papel e xiz.

Cada época ten os seus medios, as súas tecnoloxías, pero onde estea un mestre con ilusión, ganas de traballar, con dedicación e amor polo seu alumnado e uns nenos ávidos de aprender alí está a escola (Mario Moreno “Cantinflas”: EL PROFE). A creatividade, o enxeño, uns bos métodos; moita psicoloxía e pedagoxía e sobre todo cariño e respecto fan da escola un lugar agradable e inesquecible; un lugar onde agroman os soños e un lugar onde asoman a vida e a ledicia dos nenos, un xardín en flor.

A TELE MÁXICA

No curso 1984/1985 tiven a sorte e o pracer de exercer de mestre na EEI “Vagalume” de Vilagarcía de Arousa. Era o meu terceiro destino no ensino público (con anterioridade exercera moitos anos de profe de clases particulares e con contratos por obra no Concello de Vilagarcía para alfabetizar a algún traballador de dito Concello). Por fin recalaba na miña querida cidade natal para permanecer nela ata o de agora practicando a miña vocación de mestre. Estaba moi ilusionado e contento co meu novo destino. Por ser o máis novo e o último en chegar tiven que exercer tamén de secretario. Eu facía co alumnado actividades que lles gustaban moito: Educación Física, música, teatro, apoio escolar. Todo o agradable, quizais por iso fun moi querido e sentinme moi feliz nesa comunidade educativa.

Axudamos e animamos a crear a primeira Asociación de Nais e Pais do Vagalume. Fixéranse moitas actividades extraescolares e complementarias (saídas e visitas –unha memorable á Praza de Abastos-, teatro de marionetas -feitas de cartón-, cine escolar –no desaparecido salón de actos da Caixa de Aforros Municipal de Vigo en Dr. Tourón-) e tantas experiencias nas que a entrega e entusiasmo, así como o cariño do alumnado, deixaban forte pegada no corazón daquel mestre mozo.

Mais vouvos falar dun invento sinxelo, que me dou moito xogo e axudoume a gozar e a facer uns actos educativos moi gratificantes, xogando a aprender cores, números, conceptos, palabras, certas expresións noutros idiomas e cos que os nenos se sentían moi ledos e se entregaban totalmente, era a TELE MÁXICA, unha rudimentaria tele de cartón –que se pode ver na imaxe que ilustra este artigo-, onde cabían personaxes e escenarios que lles gustaban ás nenas e aos nenos cos que tiven a sorte de traballar naquel inesquecible curso. Eu inventaba historias (unha panda de nenos nun bosque máxico –mágoa non ter rexistradas esas historias que tanto lles gustaban-, o esquío MARIANA, variadas cancións do folclore en castelán, galego, francés. O extraordinario libro de Manuel María: OS SOÑOS NA GAIOLA e o disco homónimo de Suso Vaamonde –que aínda uso hoxe-, tamén o recoñecido libro de cancións infantís con cassette incorporada: PASITO A PASITO). Na tele máxica tamén utilizaba personaxes propios da infancia daquel tempo, OS PITUFOS, WILLY FOGG, precisamente deste personaxe fixera unha marioneta articulada de gran formato en cartón. Usaba moito cartóns, papeis de cores e a maxia das palabras e das cancións e a ilusión, a inxenuidade e a inocencia e bondade daquel alumnado que endexamais esquecerei.
E para rematar, dicirvos que nese curso 1984/1985 logramos organizar a maioría do profesorado do ensino de Vilagarcía (colexios públicos e concertados) cousa que nunca máis foi posible e non se repetiu, unhas festas patronais de San Xosé de Calasanz memorables, onde houbo probas deportivas entre mestres e alumnado, actos festivos (banquete e baile), actos relixiosos (unha misa para quen quixo asistir), actos culturais (entre eles a proxección no Salón de Actos xa mencionado, da película OS 400 GOLPES de François Truffaut, en versión orixinal, e coa colaboración do tristemente desaparecido Cine-Club Ádega). Foi un curso moi completo que permanecerá por sempre na miña lembranza.  (Outro día seguirei cos recordos educativos, co obxectivo de non perder unha parte de min).

No hay comentarios: