Mostrando entradas con la etiqueta Memoria sobre educación pública. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Memoria sobre educación pública. Mostrar todas las entradas

domingo, 6 de abril de 2014

SOÑOS DE PAPEL E XIZ (II)



-CODESEDA-














Con toda a ilusión e grande satisfacción fun nomeado mestre do Colexio Nacional de Codeseda (A Estrada) o día 2 de xaneiro de 1983. Incorporeime a dito colexio para cubrir a vacante por xubilación dunha mestra moi querida nesta poboación do grande concello da Estrada, despois das vacacións de Nadal. Agardábame alí un marabilloso alumnado dun dos dous grupos de 3º de EXB.

Era o meu primeiro destino no ensino público, despois de ter aprobadas as correspondentes oposicións do ano 1982. Un mestre novo que chegaba a un lugar por descubrir, unha vila rural, dun concello que me traía gratas lembranzas, xa que a miña familia materna era procedente da vila da Estrada. Foi como un encontro coas orixes. Alí fun moi ben acollido por toda a comunidade escolar e pasei uns meses moi agradables e inesquecibles, tanto desde o punto de vista humano como educativo. Os nenos e as nenas daquel terceiro, en plena etapa dourada da infancia, eran realmente bos. A xente do rural é pacífica e traballadora. Eu faláballes do idílica que me parecía a vida do campo e os nenos dicíanme, pois cambiámoslla pola de Vilagarcía. Descoñecía que a maioría dos nenos ademais das súas tarefas escolares, axudaban no seu lugar nas duras e incómodas tarefas do campo. Ademais o colexio era unha concentración, viñan os nenos de distintos lugares da comarca. E nos seus lugares case non había nenos. Por eso, viñan moi contentos ao colexio, porque alí xuntábanse cos compañeiros, xa que onde vivían eran case únicos, e na escola tiñan a oportunidade de xuntarse cos iguais.

Os mestres daquel colexio pasabamos moito tempo xuntos, convivindo, case todos quedabamos no comedor escolar, ao que acudían un grande número dos alumnos, chegamos a ser compañeiros e amigos. Na miña etapa alí, había máis de catrocentos alumnos, hoxe desgraciadamente, case non chegan a cen.

Nas tardes dos venres a miña compañeira de nivel e máis eu organizabamos un concurso do saber ao xeito dun famoso concurso televisivo daquel tempo, así dun xeito lúdico e divertido faciamos repasos dos contidos curriculares co noso alumnado. Tamén preparamos algunha obra de teatro, así como algunhas competicións deportivas. No fin de semana cando eu volvía a Vilagarcía, cunha querida compañeira que era veciña, preparabamos conxuntamente algunhas actividades para desenvolver nas nosas clases. Aínda recordo un texto que preparamos con distintas actividades e que se titulaba “El deshollinador”.

Eu estaba encantado coa paisaxe de Codeseda, preto de alí nacía e era o curso alto do río Umia, o meu querido Umia de Caldas de Reis, o Umia que desembocaba en Cambados na non menos querida ría de Arousa. Alí había moitas troitas, que teño probado, que gorentosas eran aquelas troitas! Tamén facía longas camiñadas polo campo, moitas veces acompañado por algúns alumnos. Lémbrome de ter chegado ata Sabucedo e alí visitar o seu famoso curro, o da rapa das bestas. Que tempos xa idos! Os tempos das ilusións pedagóxicas, de tremendas ganas de traballar, de dalo todo polo alumnado. Ese primeiro destino quedou gravado por sempre no meu corazón, non me esquezo de Codeseda, das súas xentes, das súas paisaxes campestres e sobre todo do seu querido colexio nacional, o meu primeiro colexio! Como os primeiros amores, moi difícil de olvidar, imposible.    

sábado, 1 de marzo de 2014

SOÑOS DE PAPEL E XIZ (I): A tele máxica






LIMIAR

 Comezo así a narrar algunhas das lembranzas de 31 anos de exercicio de maxisterio público. Tratan ser unha homenaxe ao alumnado (centos ou miles de nenos e nenas de  entre os 3 e ata os 16 anos), que me acompañou neste traxecto de ir facendo escola, e que me ensinou tanto; na escola todos aprendemos de todos. Tamén no meu corazón tantos pais e compañeiros que me axudaron a crecer como persoa. Tiven e aínda teño a fortuna no meu traballo de terme atopado con persoas marabillosas, un agradecemento e recoñecemento a un ensino público tan mal tratado, sobre todo, ultimamente, mágoa de que non nos concienciemos de que o ensino é clave para o desenvolvemento e felicidade dos pobos. Tamén a miña lembranza para as magníficas inspectoras de educación coas que tiven e teño o pracer de traballar co fin de ser mellor mestre e construír unha escola para a vida e para a felicidade. Non direi nomes (sería imperdoable non nomear a alguén) indicarei colexios, poboación e curso académico. A memoria fai estragos e para non esquecer tantos intres bos, lembrarei algúns retallos dos meus soños de papel e xiz.

Cada época ten os seus medios, as súas tecnoloxías, pero onde estea un mestre con ilusión, ganas de traballar, con dedicación e amor polo seu alumnado e uns nenos ávidos de aprender alí está a escola (Mario Moreno “Cantinflas”: EL PROFE). A creatividade, o enxeño, uns bos métodos; moita psicoloxía e pedagoxía e sobre todo cariño e respecto fan da escola un lugar agradable e inesquecible; un lugar onde agroman os soños e un lugar onde asoman a vida e a ledicia dos nenos, un xardín en flor.

A TELE MÁXICA

No curso 1984/1985 tiven a sorte e o pracer de exercer de mestre na EEI “Vagalume” de Vilagarcía de Arousa. Era o meu terceiro destino no ensino público (con anterioridade exercera moitos anos de profe de clases particulares e con contratos por obra no Concello de Vilagarcía para alfabetizar a algún traballador de dito Concello). Por fin recalaba na miña querida cidade natal para permanecer nela ata o de agora practicando a miña vocación de mestre. Estaba moi ilusionado e contento co meu novo destino. Por ser o máis novo e o último en chegar tiven que exercer tamén de secretario. Eu facía co alumnado actividades que lles gustaban moito: Educación Física, música, teatro, apoio escolar. Todo o agradable, quizais por iso fun moi querido e sentinme moi feliz nesa comunidade educativa.

Axudamos e animamos a crear a primeira Asociación de Nais e Pais do Vagalume. Fixéranse moitas actividades extraescolares e complementarias (saídas e visitas –unha memorable á Praza de Abastos-, teatro de marionetas -feitas de cartón-, cine escolar –no desaparecido salón de actos da Caixa de Aforros Municipal de Vigo en Dr. Tourón-) e tantas experiencias nas que a entrega e entusiasmo, así como o cariño do alumnado, deixaban forte pegada no corazón daquel mestre mozo.

Mais vouvos falar dun invento sinxelo, que me dou moito xogo e axudoume a gozar e a facer uns actos educativos moi gratificantes, xogando a aprender cores, números, conceptos, palabras, certas expresións noutros idiomas e cos que os nenos se sentían moi ledos e se entregaban totalmente, era a TELE MÁXICA, unha rudimentaria tele de cartón –que se pode ver na imaxe que ilustra este artigo-, onde cabían personaxes e escenarios que lles gustaban ás nenas e aos nenos cos que tiven a sorte de traballar naquel inesquecible curso. Eu inventaba historias (unha panda de nenos nun bosque máxico –mágoa non ter rexistradas esas historias que tanto lles gustaban-, o esquío MARIANA, variadas cancións do folclore en castelán, galego, francés. O extraordinario libro de Manuel María: OS SOÑOS NA GAIOLA e o disco homónimo de Suso Vaamonde –que aínda uso hoxe-, tamén o recoñecido libro de cancións infantís con cassette incorporada: PASITO A PASITO). Na tele máxica tamén utilizaba personaxes propios da infancia daquel tempo, OS PITUFOS, WILLY FOGG, precisamente deste personaxe fixera unha marioneta articulada de gran formato en cartón. Usaba moito cartóns, papeis de cores e a maxia das palabras e das cancións e a ilusión, a inxenuidade e a inocencia e bondade daquel alumnado que endexamais esquecerei.
E para rematar, dicirvos que nese curso 1984/1985 logramos organizar a maioría do profesorado do ensino de Vilagarcía (colexios públicos e concertados) cousa que nunca máis foi posible e non se repetiu, unhas festas patronais de San Xosé de Calasanz memorables, onde houbo probas deportivas entre mestres e alumnado, actos festivos (banquete e baile), actos relixiosos (unha misa para quen quixo asistir), actos culturais (entre eles a proxección no Salón de Actos xa mencionado, da película OS 400 GOLPES de François Truffaut, en versión orixinal, e coa colaboración do tristemente desaparecido Cine-Club Ádega). Foi un curso moi completo que permanecerá por sempre na miña lembranza.  (Outro día seguirei cos recordos educativos, co obxectivo de non perder unha parte de min).

sábado, 30 de junio de 2012

JOVELLANOS, UN HOME ADIANTADO AO SEU TEMPO

Gaspar Melchor María Jovellanos, Principado de Asturias, 1744-1811, este xixonés universal de orixe fidalga, ao seres o terceiro dos varóns da súa familia, estivo destinado á carreira eclesiástica, que comenzou e non culminou e ao falecer os seus dous irmáns maiores tivo que se facer cargo da fortuna e dos asuntos familiares. Non deixou descendencia directa. Chegou a estudiar no prestixioso e elitista Colexio Maior de San Ildefonso, da Universidade de Alcalá, cando estudiante, facía escapadas a Madrid para presenciar espectáculos teatrais e para se divertir. Era moi popular entre os seus compañeiros, "tiña boa voz e tocaba a guitarra, gustáballe a poesía, as cancións populares...". Na Universidade de Alcalá coñeceu a José Cadalso, do que recibiu forte influencia e quen o iniciou no coñecemento do movemento ilustrado e nas ideas dos "philosophes", Diderot, D'Alembert (representantes da Enciclopedia), Voltaire, o abade de Condillac. Estaba ao tanto de todos os pormenores da cultura europea do seu tempo, coñecía as linguas francesa e inglesa, chegou ser un dos mellores intelectuais e homes máis cultos do seu tempo, valoriza o século XVIII español, foi un home íntegro, cunha grande fondura ética e moral na envenenada sociedade do seu tempo. Home de moitos saberes e de moitas almas, interesado na política, na economía, na xustiza e nas cuestións educativas,... Movíao o interese de "mellorar as condicións de vida do pobo". Dende 1774 a 1778, exerce diversos cargos na Audiencia de Sevilla. Jovellanos integraríase na Sociedade Económica Sevillana de Amigos do País, como secretario da Comisión de Industria, Comercio e Navegación. Aquí, na capital andaluza principiará a súa variada carreira literaria. Trasladase a Madrid, onde se integrará na Sociedade Matritense de Amigos do País, será designado académico da Real Academia da Historia. En 1780, tomará posesión do cargo de académico da Real Academia de Belas Artes e no ano seguinte ocupará a cadeira como membro da Real Academia da Lingua. En 1797, o 23 de novembro no Escorial e diante de Carlos IV, tomara posesión como Ministro de Gracia e Xustiza, onde se lle tende unha trampa e cae envenenado, o que afectará para sempre a súa saúde e estado xeral. Por intrigas cortesanas, onde moitos queren ver a man da raíña consorte, sufre persecución e cautiverio. Será prisioneiro na cartuxa de Valldemosa, onde escribirá: MEMORIA SOBRE EDUCACIÓN PÚBLICA, publicación que nos sorprendeu e agradou tanto. Estivo, finalmente, preso no Castelo de Bellver, que domina a bahía e a paisaxe da cidade de Mallorca. Cara o final da súa vida e coas vicisitudes da Guerra da Independencia fronte á Francia napoleónica, quere chegar canto antes á súa Asturias natal, morrerá alí, probablemente o día 28 de novembro de 1811, pasando durante este periplo e antes do seu pasamento por Muros, Santiago, e outros lugares da nosa Galicia. Como me impresionou tanto, vou recoller frases textuais da súa interesante obra: MEMORIA SOBRE EDUCACIÓN PÚBLICA, O SEA, TRATADO TEÓRICO-PRÁCTICO DE ENSEÑANZA, CON APLICACIÓN A LAS ESCUELAS Y COLEGIOS DE NIÑOS, na edición de Antoni J. Colom y Bernat Sureda da Editorial Biblioteca Nueva, Madrid, 2012. As citas textuais desta entrada son tomadas desa edición.: "¿Es la instrucción pública el primer origen de la prosperidad social? Sin duda. / Las fuentes de la prosperidad social son muchas; pero todas nacen de un mismo origen, y este origen es la instrucción pública. / (...) conservarle es el primer objeto de la solicitud de un buen gobierno, es el mejor camino para llegar a la prosperidad. Con la instrucción todo se mejora y florece; sin ella todo decae y se arruina en un estado. / Recórranse todas las sociedades del globo, desde la más bárbara a la más culta, y se verá que donde no hay instrucción todo falta, que donde la hay todo abunda, y que en todas la instrucción es la medida común de la prosperidad. / (...) sin virtud ni costumbres, ningún estado puede prosperar, ninguno subsistir. / Donde las leyes autorizan la desigualdad de las fortunas; cuando la mala dsitribución de las riquezas pone la opulencia en pocos, la suficiencia en muchos y la indigencia en el mayor número, entonces es cuando un lujo escandaloso devora las clases pudientes, y cuando, difundiendo su infección, las contagia, y aunque menos visible, las enflaquece y arruina. / La urbanidad es un bello barniz de la instrucción y su mejor ornamento; pero sin la instrucción es nada, es sólo apariencia. La urbanidad dora la estatua, la educación la forma". / Sabias palabras de Jovellanos, que se convirte nun precursor do ensino secundario, ofrecido a toda a sociedade, creando "una institución pública y abierta, en que se de toda la enseñanza que pertenece a ella; una institución en que sea gratuita toda la que se repute absolutamente necesaria para formar un buen ciudadano. (...), siendo la enseñanza libre y abierta"./ (pp. 85-88, 90, 98). / Jovellanos desexaba unha educación para todos, pensaba nunha educación liberadora, fonte de prosperidade. Os que recortan os servicios públicos en sanidade, educación, e servicios sociais deberan coñecer e ler ao grande home asturiano, ao mellor non lles interesa e seguen a encadealo no esquecemento e no envenenamento das políticas materialistas e de obscuros intereses que nos afunden a todos, principalmente aos máis débiles e desafortunados.
Nesta imaxe tomada desde o castelo de Bellver, a cidade de Mallorca ao lonxe.