domingo, 6 de abril de 2014

SOÑOS DE PAPEL E XIZ (II)



-CODESEDA-














Con toda a ilusión e grande satisfacción fun nomeado mestre do Colexio Nacional de Codeseda (A Estrada) o día 2 de xaneiro de 1983. Incorporeime a dito colexio para cubrir a vacante por xubilación dunha mestra moi querida nesta poboación do grande concello da Estrada, despois das vacacións de Nadal. Agardábame alí un marabilloso alumnado dun dos dous grupos de 3º de EXB.

Era o meu primeiro destino no ensino público, despois de ter aprobadas as correspondentes oposicións do ano 1982. Un mestre novo que chegaba a un lugar por descubrir, unha vila rural, dun concello que me traía gratas lembranzas, xa que a miña familia materna era procedente da vila da Estrada. Foi como un encontro coas orixes. Alí fun moi ben acollido por toda a comunidade escolar e pasei uns meses moi agradables e inesquecibles, tanto desde o punto de vista humano como educativo. Os nenos e as nenas daquel terceiro, en plena etapa dourada da infancia, eran realmente bos. A xente do rural é pacífica e traballadora. Eu faláballes do idílica que me parecía a vida do campo e os nenos dicíanme, pois cambiámoslla pola de Vilagarcía. Descoñecía que a maioría dos nenos ademais das súas tarefas escolares, axudaban no seu lugar nas duras e incómodas tarefas do campo. Ademais o colexio era unha concentración, viñan os nenos de distintos lugares da comarca. E nos seus lugares case non había nenos. Por eso, viñan moi contentos ao colexio, porque alí xuntábanse cos compañeiros, xa que onde vivían eran case únicos, e na escola tiñan a oportunidade de xuntarse cos iguais.

Os mestres daquel colexio pasabamos moito tempo xuntos, convivindo, case todos quedabamos no comedor escolar, ao que acudían un grande número dos alumnos, chegamos a ser compañeiros e amigos. Na miña etapa alí, había máis de catrocentos alumnos, hoxe desgraciadamente, case non chegan a cen.

Nas tardes dos venres a miña compañeira de nivel e máis eu organizabamos un concurso do saber ao xeito dun famoso concurso televisivo daquel tempo, así dun xeito lúdico e divertido faciamos repasos dos contidos curriculares co noso alumnado. Tamén preparamos algunha obra de teatro, así como algunhas competicións deportivas. No fin de semana cando eu volvía a Vilagarcía, cunha querida compañeira que era veciña, preparabamos conxuntamente algunhas actividades para desenvolver nas nosas clases. Aínda recordo un texto que preparamos con distintas actividades e que se titulaba “El deshollinador”.

Eu estaba encantado coa paisaxe de Codeseda, preto de alí nacía e era o curso alto do río Umia, o meu querido Umia de Caldas de Reis, o Umia que desembocaba en Cambados na non menos querida ría de Arousa. Alí había moitas troitas, que teño probado, que gorentosas eran aquelas troitas! Tamén facía longas camiñadas polo campo, moitas veces acompañado por algúns alumnos. Lémbrome de ter chegado ata Sabucedo e alí visitar o seu famoso curro, o da rapa das bestas. Que tempos xa idos! Os tempos das ilusións pedagóxicas, de tremendas ganas de traballar, de dalo todo polo alumnado. Ese primeiro destino quedou gravado por sempre no meu corazón, non me esquezo de Codeseda, das súas xentes, das súas paisaxes campestres e sobre todo do seu querido colexio nacional, o meu primeiro colexio! Como os primeiros amores, moi difícil de olvidar, imposible.    

No hay comentarios: