domingo, 27 de abril de 2014

X ANIVERSARIO DA FUNDACIÓN DO CONSERVATORIO PROFESIONAL DE MÚSICA DE VILAGARCÍA DE AROUSA




Con tal motivo estanse a celebrar distintos actos na nosa cidade, aos que procuramos asistir xa que este centro musical significa moito para nós, é unha parte duns intres vitais, da nosa traxectoria particular, o traballo con outros compañeiros da Asociación Atril para lograr a súa creación e a súa posta en funcionamento, polo que estamos de noraboa por esta primeira década de existencia. Sempre apoiamos aos centros de ensino musical da nosa cidade, máis agora toca gozar da nova do cumpreanos do Conservatorio.

Un dos actos celebrados foi o magnífico Concerto de Cámara celebrado este próximo pasado venres, 25 de abril, no Auditorio Municipal e a partires das 20:00 h. Cunha puntualidade máis que británica, arousá dou comezo este concerto que contentou a todos os asistentes polos entusiastas aplausos e polos comentarios moi favorables que se escoitaban.

Os músicos protagonistas e que nos deleitaron coa súa arte, foron a mestra de piano, Vladimira Samausova, profesora e Xefa de Estudos do Conservatorio, verdadeira bendición musical que afincou aquí entre nós e que é guía e mestra de tantos mozos pianistas que teñen o privilexio de recibir e gozar o seu maxisterio musical, algúns xa cos seus estudos rematados e que accederon aos estudios superiores de Música, ou que xa se estrearon como profesionais, como intérpretes e como profesores. O gran labor de Vladimira está aí para velo e para valoralo. Que dicir de Vladimira que xa non se saiba? Unha verdadeira artista na súa vocación docente e na súa executoria como intérprete. Atópase na madureza musical, ten moito que ensinar, todos debemos aprender dela e estar moi agradecidos pola súa dedicación e polo seu traballo diario no noso Conservatorio. Como sempre, Vladimira Smausova, estupenda.

Iván Maia Boullosa, mestre clarinetista e tamén profesor do Conservatorio, un mozo profesor e intérprete, cheo de moitas cualidades e con moita ilusión por seguir coa súa prometedora carreira. Pese a ser aínda novo, ten xa unha traxectoria musical importante e danos a impresión que polo seu carácter amable e entusiasta é quen de engaiolar ao alumnado do conservatorio vilagarcián. Dámoslle os nosos parabéns e que siga a nos entusiasmar coas súas iniciativas.

Lucía Lugrís Casares, moza flautista e tamén docente, por nós menos coñecida, pero gustounos moito a última peza do concerto que interpretou acompañada ao piano por Vladimira Smausova, cambiouse a orde desta peza no programa por razóns técnicas, a obra coa que nos engaiolou foi: FANTASÍA BRILLANTE SOBRE CARMEN de F. Borne. Desexámoslle moita sorte nos seus estudios superiores de Música, que vén de principiar e que axiña poidamos volver a gozar da súa música aquí en Vilagarcía.

Finalmente, reiteramos os nosos parabéns para o Equipo Directivo (que leva os dez anos ao fronte deste noso Conservatorio) e ao Claustro de Profesores do Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía de Arousa, de titularidade municipal, neste seu décimo aniversario, toda unha década formando profesionais da Música na nosa cidade, o que sen dúbida, constitúe unha gran boa nova. Parabéns para toda a Comunidade Educativa e que o Concello de Vilagarcía de Arousa non deixe de apostar polo ensino musical.

MIL PRIMAVERAS MÁIS PARA O NOSO CONSERVATORIO!

No hay comentarios: