miércoles, 9 de julio de 2014

AO FIN O ANO 2015, SERÁ O ANO FILGUEIRA



17 DE MAIO DE 2015: DÍA DAS LETRAS GALEGAS DEDICADO A
XOSÉ FERNANDO FILGUEIRA VALVERDE (PONTEVEDRA, 1906-1996)

FOTO RAÚL

 OBTIDA DA WEB DA RAG

Penso que xa era chegada a hora de dedicarlle este Día das Letras Galegas ao profesor Filgueira Valverde (quen foi director dun instituto modelo, do Instituto de Pontevedra de 1946 a 1976, onde levou adiante un fecundo labor profesoral e demostrou un profundo amor a Galicia e a todo o galego). Méritos ten sobrados nos niveis lingüístico, literario, cultural, no eido da investigación humanística; foi o último gran polígrafo galego, home de moitos saberes, de moitos intereses, de moitas almas. A súa obra por cantidade e por calidade e digna de ser coñecida e valorada, este ano e este Día van a supoñer unha oportunidade para divulgar a súa importantísima obra e a súa extraordinaria figura, sen comparanza polo que significan para Galicia.

Foi un home, un fillo senlleiro da Nosa Terra, que amou como ninguén á lingua galega, as súas letras, a súa cultura; amou con gozo a súa Galicia eterna, pertencente á xeración do Seminario e fillo da xeración Nós, tivo como amigos e mentores a Otero Pedrayo, Risco, Castelao, Cuevillas. Estivo intimamente relacionado coas dúas xeracións imprescindibles e máis importantes do século XX galego, el é un dos personaxes fundamentais da nosa cultura nese século, cunha obra fenomenal e cunha personalidade incomparable.

Con menos de 17 anos axuda a fundar e a poñer en funcionamento unha institución insuperable e única para Galicia, desde o punto de vista cultural e científico, efectivamente, referímonos ao inesquecible Seminario de Estudios Galegos, que compre coñecerse e divulgar o seu enorme labor a prol da cultura e da ciencia en Galicia, tamén será unha oportunidade única para rememorar esta senlleira entidade galega.

Terse dedicado á erudición e ao activismo cultural, social e político quizais privounos de que Filgueira puidera dedicarse a súa obra literaria, pero esta é de extraordinaria riqueza: OS NENOS (1925), O VIGAIRO (1927), QUINTANA VIVA (1971)  -narrativa-. AGROMAR (1936, primeira farsa en galego para rapaces), AUTO DE COMO SANTA MARÍA FOI LEVADA AOS CEOS PRA FESTA DA NOSA SEÑORA DE AGOSTO (1969) –teatro-, os seus nove tomos da serie que el titulou ADRAL (1979-1995) –ensaio-, a súa obra de divulgación sobre personaxes de Pontevedra, que aparecían todos os 12 de outubro, PONTEVEDRESES UNIVERSAIS (1956-1995), súa obra poética dentro do movemento neotrobadoresco como a dos dous seus amigos Fermín Bouza Brey e Álvaro Cunqueiro, SEIS CANTIGAS DE MAR IN MODO ANTICO (1941, -musicadas por Roxelio Groba-).

Logo está a súa obra erudita e divulgadora, máis de 300 libros e folletos, miles de artigos na prensa escrita, miles de conferencias, non hai recuncho de Galicia onde Filgueira non estivera pronunciando algunha conferencia ou participando activamente nalgún acto cultural. En todo este gran volume de traballo, na súa grande maioría a protagonista é Galicia, o galego ou temas e aspectos relacionados coa Nosa Terra. Era un experto e autoridade, entre outros temas, nas cantigas medievais, en frei Martín Sarmiento e en Camoëns, por citar tan só tres asuntos principais; pero, el escribiu e falou de mil e un temas; en moitos, foi o que abriu o camiño para que outros escritores puideran ir pescudando, foi moi xeneroso cos xoves investigadores e deso dou fe eu, nunca  negou a súa colaboración e axuda a ninguén.

Outra empresa fundamental del e de suma importancia, o Museo de Pontevedra (1929), unha institución museística exemplar, un dos mellores museos provinciais de España e en grande parte obra súa. Aquí tivo como compañeiros e socios fundadores a homes da talla de don Casto Sampedro y Folgar, Castelao, Losada Diéguez (o seu gran mestre e a quen admiraba moito), Sánchez Cantón (gran amigo, que o animou a realizar moitas cousas, entre elas, ser alcalde de Pontevedra). Ao Museo prestoulle gran parte da súa vida, era como un fillo máis, tivo nel grandes colaboradores e discípulos: Alfredo García Alén, Xosé Carlos Valle Pérez (actual director), Xosé Fuentes Alende (actual secretario técnico), quen foron alumnos do instituto, logo alumnos colaboradores (unha grande idea que soubo desenvolver como ninguén o gran profesor e coordinador de equipo de traballo no museo pontevedrés, Filgueira Valverde).


Tamén está a súa dedicación ao mundo político e social, quizais sexa aquí onde recibe grandes incomprensións e ingratitudes, a pesares que prestou grandes servicios en distintos momentos da súa vida, algúns sendo xa un ancián (primeiro Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, no primeiro goberno de Fernández Albor, 1983, segundo presidente do Consello da Cultura Galega, 1990, despois da presidencia de Ramón Piñeiro e sendo presidente da Xunta un ex alumno del, da súa etapa luguesa, Fraga Iribarne). Parece que moita xente non lle perdoa que fora alcalde da súa cidade natal (1959-1968), a pesares de ter sido un bo alcalde, tal como nos indicou don Antón Fraguas, outro gran amigo, (1998), e tamén aceptou ser alcalde polos rogos das súas amizades e en contra do parecer do daquela Gobernador Civil. Non é certo que aceptara a implantación de Celulosas, para eso contrástense as actas dos plenos e reunións municipais daquela época. Sobre o de Bóveda, hai que indagar ben e non falar á lixeira. Antes de falar de tópicos, de prexuízos e de expresarse con mala fe, infórmense ben, lean e argumenten con rigor e con datos fidedignos e non con malas paixóns.

Politicamente, era un home de ideas conservadoras, aínda que non era un inmobilista, tiña unha amplitude de miras, coñecía o pasado, sabía ler o presente e tiña ideas de como podería “devenir” o futuro. Era un home afable, colaborador e moi respectuoso. Penso que nunha democracia caben todas as posturas, sen sectarismos e sen carraxes. Quixera ver eu a moitos valentes “progresistas” de hoxe como actuarían nun réxime político baseado no terror e na arbitrariedade, hoxe é moi fácil falar, as portas non teñen cancelas.

Considero que é unha medida xusta e xustificada dedicarlle o Día das Letras Galegas de 2015 ao eminente erudito galego, Xosé Fernando Filgueira Valverde; xa era hora!

                                                                                                     Xermán Manoel Torres 

2 comentarios:

Xosé V. Jamardo dijo...

Considero que Filgueira Valverde ten todos os merecimentos para dedicarlle o Día das Letras Galegas. Traballou moitísimo a prol de Galicia, e deixou pubricada abondosa obra en galego.

Outros escritores aos que se lle dedicou ese Día, tamén acabaron adheríndose ao Réxime trala Guerra, e nenbargantes valorouse a súa obra en galego (Cunqueiro, Risco,..).

FILGUEIRA VALVERDE por Xermán Torres dijo...

Sr. Jamardo, agradezo o seu comentario e estou de acordo con Vde. Nunha situación de guerra e de terror, todo o mundo salva o seu pelexo, se pode. Ou vives ou senón es unha víctima. O caso de Risco é paradigmático, Cunqueiro foi falanxista, nunca o foi Filgueira. Penso que debemos superar os nosos demos. Nunha democracia cabemos todos, conservadores, progresistas, de centro,... O que hai que facer é traballar polo ben do país, cada un no que pode destacar e aportar. Gracias.