Xa en Vilagarcía, a raíña da nosa Ría
No curso 1985/1986 tiven como destino o colexio "Arealonga" no que permanecín tres cursos seguidos. Lembro con especial agarimo ao alumnado de 1º e 2º de Primaria, dos que fun titor, a algúns deles xa os coñecía por termos coincidido no Vagalume. Neste colexio participei en múltiples experiencias e actividades. Para os alumnos e alumnas de 1º e 2º de Primaria inventei moitas historias exclusivas das que eran protagonistas unha panda de rapaces e que a eles lles gustaban moito, aínda é hoxe o día que algún deles me preguntan por aquelas nosas historias, foron exclusivamente para eles, pois non atopo os apuntes daquelas narracións. Tamén intentei prender neles o lume polo gusto e goce da lectura e pequenos como eran foron capaces de ter sesións de lectura na biblioteca da aula memorables. Un libro, que manexamos moito e que a min doume sempre, aínda hoxe, moito xogo pedagóxico, foi OS SOÑOS NA GAIOLA de Manuel María, o inesquecible poeta da Terra Chá. Como anécdota, un día entrounos pola fiestra da clase unha pomba cun anel nunha das súas patas. Esto foi todo un acontecemento, e facilitounos a realización do que podíamos chamar unha lección ocasional, aproveitamos para que persoal especializado dunha unidade de coidado de aves e animais da provincia nos explicara todo o referente á colombofilia. Realmente, aquelas nenas e aqueles nenos eran moi alegres e con moitas ganas de aprender.
Co alumnado da chamada daquela, segunda etapa de E.X.B., realicei teatro, primeiro moito teatro lido, nas clases de Lingua, e chegamos a representar a obra de Gloria Fuertes: LAS TRES REINAS MAGAS, facendo de reinas tres nenos debidamente caracterizados. Deseñamos e confeccionamos vestiario, decorados, efectos especiais. Destes últimos vén una anécdota moi simpática, nun momento dado, nunha escena, había un lume, e queimabamos no escenario un pouco de incienso, que pediramos na parroquia, cando se estaba a producir esto, sae moi alarmado de entre o público, un profesor moi coñecido e popular do colexio: Lume! Que hai lume! Eu tiven que tranqulizalo e explicarlle o que acontecía.
Tamén organizamos un cineclub no colexio, aproveitando que había un proxector de Súper-8 sonoro no centro. Fixemos uns ciclos de cine temático (de humor, de romanos, de Chaplin, etc.). Facía os pedidos das películas a Claret Films en Bilbao e as bobinas chegaban por RENFE, logo había que devolvelas, nuns prazos dados, polo mesmo sistema. Creo que lle puxeramos por nome ao Cineclub, LUMIÈRE.
Encargueime da sección de Tecnoloxía e Informática, penso que fomos, modestia a parte, un tanto pioneiros en Vilagarcía destes temas a nivel escolar, sintetizo o que fixemos neste apartado:
- O alumnado, coa miña axuda, organizou un club de informática ao que eles lle puxeron por nome BASIC BOYS.
- Os sábados pola tarde encargábame de abrir a aula de informática para que toda a comunidade escolar puidese asistir.
- Organizamos unha exposición de material informático no colexio, coa colaboración de firmas comerciais da cidade.
- Un alumno co meu asesoramento ideou en linguaxe Basic un programa para xogar coa táboa de multiplicar, que se podía utilizar na exposición xa citada.
- Visita a Aula de Informática da "Escuela Naval Militar" de Marín.
- Viaxe a Vigo, onde estivemos no Centro de Informática e de Datos da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, visita á ETEA, visita ás instalacións e talleres do Faro de Vigo en Chapela, pasando tamén uns intres no Zoo da Madroa.
- Organización dunha venda de rifas, onde se sorteaba material informático, entre este, un ordenador. (Houbo a sorte de que se recadou diñeiro para a aula de informática, e o ordenador rifado, reverteu en beneficio do colexio -un ordenador máis, para aumentar o número dos poucos que había-).
- Petición á Fundación Barrié de la Maza, que nos facilitou unha serie de libros para o colexio.
- Organización de festas para o alumnado no ximnasio, con sesión de música e baile e para recadar fondos, ao mesmo tempo pasar uns intres de agradable convivencia.
- Todo este traballo previo en Tecnoloxía e Informática axudou a que o colexio Arealonga fora seleccionado para ser incluido no programa de informática escolar da Consellería de Educación, dito programa recibía o nome de ABRENTE, dotando ao colexio de profesorado específico e dunha mellor aula de informática.
- Todo este traballo previo en Tecnoloxía e Informática axudou a que o colexio Arealonga fora seleccionado para ser incluido no programa de informática escolar da Consellería de Educación, dito programa recibía o nome de ABRENTE, dotando ao colexio de profesorado específico e dunha mellor aula de informática.
Ai aqueles primitivos ordenadores, os Commodore, Spectrum! Pero que ben o pasabamos e o moito que aprendiamos. Aqueles cursos foron de moito traballo, de moita ilusión, de moitas iniciativas. Pero todo hai que dicilo, tamén dalgunha desilusión e dalgunha incomprensión; pero, penso que mereceu a pena. Unha lembranza agarimosa para todo o alumnado, as familias e profesorado daquela miña etapa no inesquecible colexio Arealonga de Vilagarcía.
2 comentarios:
Para comentarios, nada como el Regish
http://aymariano.blogspot.com
Estimado comunicante, aquí tamén se poden facer os comentarios que se queiran sobre cada entrada, se pode ser con respecto e argumentos. Grazas.
Publicar un comentario