lunes, 8 de diciembre de 2014

XIII MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE - RAMÓN VILLARES PAZ (I)


Ramón Villares Paz, Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, Presidente do Consello da Cultura Galega, pronunciou o día 6 de novembro a segunda conferencia do Memorial no Salón de Actos do VI edificio do Museo de Pontevedra co seguinte título:

FILGUEIRA VALVERDE: DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS AO CONSELLO DA CULTURA GALEGA.

Comezou o acto coa presentación de tan ilustre conferenciante por parte de Xosé Carlos Valle Pérez, Director do Museo, quen indicou que precisamente D. Xosé faleceu sendo presidente de dito Consello da Cultura Galega, que axudara a crear sendo o primeiro conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia. Continua argumentando que Ramón Villares ten un currículo extenso e é unha figura moi importante mesmo a nivel internacional. Unha das meirandes e salientables características do profesor Villares é a súa capacidade de formar equipos. Unha das súas importantes obras é a HISTORIA DE GALICIA. Tamén destaca a súa condición de académico numerario da Real Academia Galega. Agradece que sempre resposta afirmativamente aos inquéritos que se lles fan desde o Museo de Pontevedra.

Ramón Villares agradece o convite e a presentación, así como a presencia do público asistente.

Segue indicando que Xosé Fernando Filgueira Valverde é un dos arquitectos, mestre de obras de institucións importantes da cultura galega. Intensamente e profundamente o fixo en todo o relativo ao Seminario de Estudos Galegos, unha das institucións máis representativas e que contribuiu a construcción cultural e científica da Galicia do século XX.

A súa vida longa e a súa situación e ocupacións estables permitiron que desempeñara unha obra tan intensa e extensa, chea de calidade e de repercusións tan decisivas na nosa cultura.

Obra persoal envidiable, monumento de erudición e de curiosidade intelectual. Os seus amplos coñecementos de Historia, Arte, Literatura, Música...; das Humanidades en xeral, xunto á súa gran capacidade de traballo contribuiron á construcción dunha obra inmensa e insustituible na nosa cultura.

Filgueira é académico numerario da RAG desde 1942, nunha toma de posesión colectiva, na que tamén entrou a formar parte da Academia o seu grande amigo Fermín Bouza Brey. Resposta ao seu discurso de entrada o seu mestre e amigo, Ramón Otero Pedrayo, quen se dirixe a el como TI, LANZAL FILGUEIRA, CHANTRE DE PONTEVEDRA, SOPORTAL, RONSEL, GUÍA, MESTRE DE FINAS ARTES, BON TROBEIRO, SEGREL.

Os lugares de Filgueira non son tan só Pontevedra, senón Santiago, Cataluña, Portugal.

Tivo unha presencia pública e política. Un home católico, galeguista; fiel e leal con lealtades políticas e ideolóxicas.

Nunha entrevista que lle fixo o xornalista Alvite no Correo Gallego en 1980, este sorpréndese de que non participe no grupo daquela denominado Realidade Galega, el argumenta que non foi invitado a formar parte, consideraba que a súa condición de intelectual e galego era indiscutible e o seu traballo a prol da cultura galega tamén o que sí era consciente que a súa vertente política podía ser máis discutible por posturas non comprendidas.

El foi membro fundador, promotor, líder de institucións moi importantes na historia de Galicia.

No período de 1916-1923 van confluir en Pontevedra personaxes da talla de Daniel de la Sota, Sánchez Cantón, Losada, Castelao, Bóveda, Cruz Gallastegui Unamuno na Misión Biolóxica de Galicia, a figura tan importante do erudito D. Casto Sampedro y Folgar; eles van colaborar na reinstauración cultural de Galicia.

Un personaxe insustituible e mestre necesario e orientador é Losada Diéguez, na tertulia da súa casa e na denominada en 1920 Xuntanza de Estudos Galegos, que el inspiraba e alentaba, van xurdir tantas iniciativas decisivas na historia cultural de Galicia. Arredor do mestre de Nós e nun ambiente institucionista, do que foi precursor ese ambiente cultural e científico pontevedrés vai nacer o Seminario de Estudos Galegos, a institución das máis emblemáticas da Galicia de antes da guerra. Rompen as pautas sobre a investigación e o método de estudos sobre Galicia.

O Seminario nace en 1923 en Ortoño por mor dunha excursión estudiantil de mozos de 1º e 2º anos de carreira, entre os que se atopaban Filgueira Valverde e Fermín Bouza Brey. A fundación complétase coa redacción da acta na casa de D. Armando Cotarelo Valledor, Catedrático na Universidade compostelá. Esa relación con algúns profesores, os máis modernos, os que viñan de fóra.

Porque os catedráticos tradicionais eran os chamados "catedráticos lentes" que se dedicaban á lectura e á glosa de textos, nun ensino baseado no memorismo.

Estes novos catedráticos, recén chegados, fíxanse nestes estudiantes, todos eles brillantes, procedentes de clases medias, que sabían idiomas, que aspiraban ao coñecemento de novas linguas, a viaxar polo mundo. Entre estes mozos, os máis importantes, Fermín Bouza Brey, Lois Tobío, Martínez López, Filgueira.

No hay comentarios: