lunes, 1 de diciembre de 2014

XIII MEMORIAL FILGUEIRA - ALONSO MONTERO (III)





Filgueira Valverde foi un precursor, un pioneiro. En 1933 imparte 15 leccións sobre Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela. Aínda non procedendo dos estudios filolóxicos, fai unhas brillantes oposicións a Cátedras de Instituto de Ensino Medio na especialidade de Lingua e Literatura españolas, que prepara e teñen lugar entre 1934 e 1935, son compañeiros de oposicións, entre outros, Díaz Plaja, Blecua, Castro, Moñino,… Se eu fose como Filgueira sería capaz de facer moitas máis cousas. Estando coa tese e coas oposicións aínda ten tempo o 28/12/1934 de asistir á estrea de Yerma de Federico García Lorca, e ao finalizar a obra, aínda é quen de achegarse a Lorca para recordarlle que debe contestar a un seu inquérito sobre poesía galega contemporánea. E sóbralle tempo para a súa militancia galeguista e argallar o da Dereita Galeguista, o traballo a prol do Estatuto. Incrible.
 
Entre o 5 e o 6 de decembro de 1931, participa ao par de Bóveda no acto de formación e fundación do Partido Galeguista en Pontevedra, Filgueira foi o primeiro secretario técnico e Bóveda o primeiro secretario de organización. Filgueira estivo uns dous anos en tarefas organizativas. Logo entre 1934 e 1935, xurden conflictos coa organización política e algúns escíndense na chamada Dereita Galeguista, na que participan, entre outros, Manuel Beiras, Filgueira, Risco, Otero, Banet,… Tamén empeza a agromar un galeguismo esquerdista con figuras como Víctor Casas, Viqueira, Vilar Ponte. Nembargantes, nos inicios e en moitas das súas grandes figuras o Partido Galeguista ten un carácter conservador e católico, que se acentúa na Dereita Galeguista, onde os máximos representantes son Risco, Otero, e Filgueira. Castelao e Bóveda son máis políticos, máis prácticos e buscan aliados para conseguir a aprobación do Estatuto e a Autonomía de Galicia; xa que o PG tiña moi pobres expectativas electorais. A esquerda é crítica e pragmática, que mal nos fai que Galicia teña a súa autonomía, por eso nos mítines, por exemplo do 28/06/1936 topamos xuntos a galeguistas, comunistas, socialistas e membros de Izquierda Republicana; todos van xuntos no Frente Popular. Estas alianzas electorais entran en contradicción coa concepción relixiosa e a forma de entender a convivencia na familia, no municipio de homes como Filgueira, Risco, e Otero. Entón, escíndense en 1935 na Dereita Galeguista. Porque esta postura do PG violentaba a súa conciencia íntima. Xa en 1931, na revista Logos aparece unha afirmación católica dun grupo de galeguistas. Entendían á sociedade galega inspirada en principios católicos. Risco e Filgueira votan si ao Estatuto de Autonomía de Galicia, podemos comprobar o seu posicionamento no Pueblo Gallego do 28/06/1936. Filgueira dase de baixa no PG en abril de 1935. Hai grupos da Dereita Galeguista en Pontevedra, en Ourense, en Santiago participan na súa creación Banet e Manuel Beiras. Non obstante, Alexandre Bóveda exclama: Alí onde estea Filgueira haberá un obreiro da causa galega. A escisión de Filgueira estaba motivada por un problema de conciencia e Risco tamén ten problemas de conciencia. Eles estaban por relixión, familia, e tradición. Risco e Filgueira non estaban pola revolución.

Cando se daban circunstancias mínimamente favorables Filgueira traballaba e difundía todo o que podía sobre a cultura galega. Por eso, xunto a Sánchez Cantón en 1949 funda a editorial de Bibliófilos Galegos, que naquela altura da nosa historia convoca un concurso de novela en lingua galega, que gaña Ricardo Carballo Calero con Xente na barreira. E aínda habería que agardar a 1950 para que se producira a fundación da editorial Galaxia, da que a primeira publicación é do ano 1951. Tamén Bibliófilos Gallegos chega a convocar un concurso de traducción na nosa lingua, que gañan Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro cunha famosa obra filosófica. O amigo de Filgueira que colabora nesta empresa editorial, Sánchez Cantón, era un home moi influinte, Catedrático de Historia da Arte, triacadémico, Director do Museo do Prado. Hai que ter en conta que no período que vai de 1936 a 1947 non hai publicacións en lingua galega, habería que esperar a ese último ano para ver publicada, na editorial Celta de Vilagarcía de Arousa, a primeira obra publicada en galego despois da guerra, trátase do poemario de Aquilino Iglesia Alvariño titulado Cómaros Verdes. Logo hai unha curiosidade, Filgueira chega a colaborar nunha obra moi popular e moi manexada polo campesiñado galego como foi o Gaiteiro de Lugo, un calendario de pronósticos do tempo, de consellos de tipo agrícola e gandeiro, de utilidade para os homes do campo e que recolle a sabedoría do pobo, unha publicación ao xeito do Zaragozano. Filgueira introduce poemas, ditos, refráns na nosa lingua e implica nos pronósticos de carácter astronómico a un sabio galego, da talla do científico lalinense como foi D. Ramón María Aller, célebre astrónomo galego. Filgueira introduce poemas na nosa lingua de autores consagrados como Noriega Varela, Crecente Vega, Aquilino Iglesia Alvariño.

Non entendo a polémica desatada por ter escollido a Xosé Fernando Filgueira Valverde como a figura da nosa cultura para homenaxear no Día das Letras Galegas de 2015. Penso que para esto hai que centrarse nas virtudes literarias do autor. A Academia é un organismo plural, autónomo e independente; unha institución plural. Téñase en conta que por exemplo no ano 2005, homenaxeouse a Lorenzo Varela que fora militante comunista e chegara a ser comisario político, a Academia fixouse na súa condición de escritor, de poeta. No Día das Letras do 2015, atopámonos diante dunha grande personalidade de Galicia, sería unha ignominia para a Academia non elixir a unha figura como a de Filgueira Valverde; como tamén sería unha ignominia dicir que a elección foille dictada á Real Academia Galega.

Filgueira dedica moitas páxinas a escribir, a descubrir a grandes personaxes da nosa cultura, por citar tan só tres, a Frei Martín Sarmiento, a Lago González, a Losada Diéguez e a tantos outros; el foi un home que viviu para escribir e a maior parte da súa obra está dedicada a Pontevedra, Santiago, Galicia. Foi un home que amou sobre todo o oficio de ler e de escribir, un exemplo para todos nós e para os nosos nenos e os nosos mozos.

Ata aquí os nosos apuntamentos e ideas sobre a amena disertación de Xesús Alonso Montero, Catedrático Emérito da USC e Presidente da RAG.






No hay comentarios: