domingo, 21 de enero de 2018

7 ANOS DE MESA DAS VERBAS

Tal día coma hoxe fai sete anos nacía no Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa a experiencia poética Mesa das Verbas, trátanse duns recitais poéticos mensuais abertos á participación de todo aquel que o desexe. Levaremos LXXVIII edicións seguidas; é dicir, setenta e oito meses seguidos ceibando versos ao ar de Arousa e facendo amizades ao carón quente de poemas compartidos, sentidos e vividos. Nada máis simple e maís complexo que compartir poemas nun marco de amizade e liberdade. Cada quen pode expresar poeticamente o que queira e responsabilízase e comprométese coas súas verbas.

Nesta segunda etapa, contamos coa colaboración do Concello de Vilagarcía de Arousa e en moitas ocasións coa axuda de Deputación Provincial de Pontevedra, así como tamén do Centro Comercial Arousa, na magnífica persoa do seu director, Luís González de la Ballina González.

Felicidades e noraboa a todos os amantes da poesía que teñen participado, seus nomes foron citados e serán tantas veces en entradas deste blog. Sen esquecer aos amigos do Grupo Poético de Vigo, chamado Brétema, que estiveron aí desde o primeiro momento.

Algúns queridos amigos xa partiron na nave que nunca ha de volver, como Manuel Olveira, María Palacios, Gonzalo Bouza Brey, Xosé Lois Vila Fariña (a quen lembraremos especialmente o próximo sábado), partiron pero queda o eco dos seus versos, das súas verbas, que por sempre soarán neste querido ar de Arousa.

Amigas e amigos temos Verbas o próximo sábado ás 18:00 h., na Sala de Conferencias do Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, agardámosvos alí.

ACOMPAÑAMENTO MUSICAL DO CORO VOCES AMIGAS DE VILAGARCÍA




Compartiron connosco a sesión poético-musical as estupendas compoñentes do coro Voces Amigas, maxistralmente dirixido por Tamara Casás, ofrecéronnos nove magníficas cancións do seu repertorio, coas que pudemos viaxar por distintos países da querida Hispanoamérica e aterrar na nosa amada Galicia. Viaxamos coas cancións e cos versos.


Nesta oportunidade, na que lembramos nas verbas e nos versos ao noso querido amigo Xosé Lois Vila Fariña, ceibamos os nosos versos ao ar de Arousa:

Tito Porto
Antonio Quiñoy
Sylvie Rico
Isaura Lago
Enrique Brumbéck
Ramón Torrado
Jean Carbalho
Isabel Peleteiro
Xosé Ramón Quintáns
Carme Darriba
Augusto Guedes
Alejandro Guanella
Manuel Lage
Xermán Manuel Torres






A LXXIX edición da Mesa das Verbas terá lugar o sábado, 17 de febreiro, ás 20:00 h. na Sala de Xuntanzas do 3º andar do Centro Comercial Arousa, co gallo de San Valentín, onde o amor será protagonista; pero xa falaremos disto. Ata outra millorada!

No hay comentarios: