miércoles, 19 de septiembre de 2018
martes, 18 de septiembre de 2018
NO EIDO DAS LEMBRANZAS: TITO PORTO
As imaxes son de Andrea Fernández, tomadas na Mesa das Verbas, 04/08/2018 18:00
TITO PORTO MARCHOU XOGAR
COAS ESTRELAS E COS COMETAS
Tito Porto, un
querido amigo de todos pola súa afabilidade e pola súa actitude tan vitalista,
era unha persoa boa, “no bo sentido da palabra boa”. Estaba cheo de ilusións e
posuía unha grande creatividade. A súa mente era moza; pero, ao seu corpo
empezáronlle a pesar os seus 97 anos e comezou a perder folgos e a sentirse
canso. El presentía que a morte estaba preto, el mesmo o recoñecía e poñíase
moi triste; porque el quería ser un neno. El sempre foi alegre e inquedo coma
un meniño. Tíñalle tanto aprecio e respecto á infancia que sentía pesar por non
ter tido un neto. El gozaba cos nenos e os nenos gozaban con el, no meu colexio
tivemos a sorte de poder desfrutar do Tito neno entre nenos, xogando a compoñer
versos e esculpir soños como un canto á vida, el que tivo unha vida plena e
gozou do agarimo dos seus, súa amada esposa Olga e os seus queridos fillos e
tivo o cariño e o respecto de todos cantos o coñecían. Sentiremos a súa ausencia
os seus amigos da Mesa das Verbas e os seus compañeiros da partida diaria no
Liceo Casino, institución tan querida e lembrada.
Agora recuperará
a súa leda infancia e estará na compaña dos seus amados e venerados pais e dos
seus queridos irmáns.
No alén, Tito
seguirá a amar á súa querida Vilagarcía, cos Campos Elíseos onde naceu, os seus
xogos e falcatruadas de nenos na súa praza de España, agora volverá a escoitar
a campá desta súa igrexa parroquial, onde afondou a súa fe e a súa faceta de
boa persoa. E teralle medo ás tronadas e aos ratos do faiado da súa casa e
tratará de enganar unha vez máis ás súas irmás, que tanto o mimaban como o
irmán pequeno.
E seguirá a
compor os versos máis alegres e nostálxicos. Botaremos de menos a súa presencia
na Mesa das Verbas, das que era o decano e nas que tanto desfrutou, salvo moi
raras excepcións non faltou nunca aos recitais mensuais, que vimos celebrando
desde xaneiro de 2011, neste próximo, o sábado que vén renderémoslle outro
homenaxe, como o que lle ofrecimos cando cumpriu os seus 95 anos.
Tito, segue a
xogar cos anxiños, compoñendo versos, pintando e esculpindo soños cheos de
esperanza, volve a ser neno, para sempre neno e vela por todos nós, ti que xa
estás na alegre e eterna casa do Pai, descansa en paz querido e inesquecible
amigo, co teu sorriso sempre permanecerás nos nosos corazóns.
A prensa local tamén se fixo eco do pasamento do noso querido amigo, Faro de Vigo-Arousa, La Voz de Galicia-Arousa, nas súas edicións en formato papel e formato dixital. E o Diario de Arousa en papel.
https://www.farodevigo.es/portada-arousa/2018/09/19/artista-vilagarcian-marchou-xogar-coas/1964170.html
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/arousa/vilagarcia-de-arousa/2018/09/19/autodidacta-aguardo-jubilacion-sacar-arte-escena/0003_201809A19C2992.htm
Tamén nos medios dixitais e blogueros, recolleron a triste nova:
O Faiado da Memoria:
http://www.blogoteca.com/ofaiadodamemoria/
Suscribirse a:
Entradas (Atom)